Noticias

Máis de 6.200 mulleres comezan desde hoxe accións formativas do programa "Conectadas"

Os obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra desenvolveranse en 25 concellos da provincia


01 outubro 2019
Conectadas

A Deputación de Pontevedra continúa poñendo en marcha accións formativas dirixidas a apoderar as mulleres da provincia mediante a formación no marco do programa "Conectadas" 2019. Deste xeito, desde este martes, 6.240 mulleres pertencentes a asociacións de 26 concellos pontevedreses comezan 51 cursos. En liñas xerais, a través desta iniciativa da institución provincial, está previsto que participen 6.240 mulleres de 25 concellos da provincia.

Máis polo miúdo, Agolada acollerá desde o 5 de outubro ata o 28 de decembro un curso de Pintura no que participarán as mulleres da Asociación Amas de Casa Témporas. As participantes gozarán da actividade os sábados de 17:00 a 20:00 horas. No municipio de Cambados, a Asociación de Mulleres Rurais A Seca de Corbillón organizará un obradoiro de Horta Ecolóxica, que comezará o 3 de outubro e desenvolverase os xoves ata o 19 de decembro entre as 20:00 e as 23:00 horas.

Pola súa parte, Baiona contará con dous obradoiros. O primeiro deles chega da man da Asociación de Viudas Mercedes de la Escalera, e abordará a Risoterapia os mércores, desde mañá ata o 15 de xaneiro, entre as 17:00 e as 19:30 horas. O mesmo día comezará un curso sobre Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables, que durará ata o 18 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas, grazas á Asociación de Amas de Casa de Baiona.

No que respecta a Caldas de Reis, hoxe mesmo dará comezo un obradoiro de Pilates a cargo da Asociación pola Igualdade de Saiar, que durará ata o 7 de febreiro e se desenvolverá os martes e xoves entre as 20:15 e as 21:15 horas. A Asociación de Mujeres Rurales Santa Lucía de Arcos da Condesa tamén organiza un taller de Pilates neste concello, que terá lugar os luns e os venres do 4 de outubro ao 16 de decembro, entre as 19:00 e as 20:30 horas. Por outra banda, a Asociación Socio-Cultural A Saleta brindará a oportunidade de practicar Ximnasia de Mantemento os luns e os venres entre o 4 de outubro e o 3 de febreiro, de 20:30 a 21:30 horas.

A Asociación de Mulleres Escola Vella do Hío leva a Cangas un obradoiro de Risoterapia que comezará hoxe e rematará o 20 de decembro. O horario deste obradoiro é os martes de 18:30 a 20:00 horas e os venres de 19:00 a 20:30 horas. No mesmo concello, as mulleres que o desexen poderán afondar en Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables os venres desde o 4 de outubro ata o 3 de xaneiro, entre as 17:00 e as 20:00 horas, grazas á Asociación de Mulleres Progresistas de Darbo.

Pola súa parte, en Catoira, a Asociación de Mulleres Rurais Ascuas de Abalo fará un obradoiro de Inciación ao Scrapbooking os sábados; as clases comezarán o 5 de outubro e rematarán o 14 de decembro e terán lugar entre as 17:00 e as 21:00 horas. No concello de Covelo, a Asociación Cultural Virxe da Luz levará a cabo un obradoiro de Risoterapia os venres a partir do 4 de outubro e ata o 16 de xaneiro entre as 17:00 e as 19:30 horas.

O concello da Estrada contará con varios obradoiros de "Conectadas". Hoxe mesmo comeza un de Taichí a cargo da Asociación de Mulleres Rurais Castro Valente, que terá lugar os martes ata o 4 de febreiro, entre as 20:00 e as 22:00 horas. Tamén hoxe dará comezo un obradoiro de Risoterapia da man da Asociación de Mulleres Rurais Santa Clara dos Ancorados, que se desenvolverá os martes e os xoves ata o 12 de decembro entre as 16:30 e as 18:00 horas. Este martes tamén empezará un obradoiro de Xardinería organizado pola Asociación de Consumidores y Amas de Casa de A Estrada que se impartirá os martes de 17:00 a 20:00 horas e que finalizará o 17 de decembro.

No mesmo concello comezará mañá un curso de Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables, que se desenvolverá os mércores ata o 15 de xaneiro da man da Asociación Rural de Amas de Casa de Arnois entre as 20:00 ou as 20:30 horas ata as 22:30 ou as 23:00 horas. Tamén na Estrada, o 4 de outubro iniciarase un obradoiro de Pintura grazas á Asociación Cultural de Mulleres Rurais de San Xurxo de Vea, que terá lugar os venres ata o 26 de xaneiro entre as 20:00 e as 22:30 horas. O mesmo día tamén comezará un obradoiro de Intelixencia Emocional, que se desenvolverá ata o 3 de xaneiro os venres de 17:30 a 20:30 horas da man da Asociación Mulleres Rurais Avelina Valladares.

Pola súa parte, no concello de Lalín inícianse este mes catro obradoiros de Ximnasia de Mantemento. O primeiro chega coa Asociación Mulleres en Igualdade de Donramiro e impartirase desde hoxe ata o 23 de xaneiro os martes e xoves entre as 20:00 e as 21:00 horas. O segundo comezará o xoves, 3 de outubro, e desenvolverase ata o 27 de xaneiro os luns e os xoves entre as 18:00 e as 19:00 horas grazas á Asociación Mulleres en Igualdade de Bendoiro. O terceiro dará comezo o 4 de outubro, durará ata o 28 de febreiro e terá lugar os venres entre as 21:30 e as 23:00 horas por iniciativa da Asociación Mulleres en Igualdade de Rodís. O derradeiro destes obradoiros impartirase os sábados desde o 5 de outubro ata o 11 de xaneiro entre as 16:30 e as 19:00 horas grazas á Asociación Mulleres en Igualdade de Galegos.

En Lalín tamén haberá un obradoiro de Iniciación ao Scrapbooking os martes desde hoxe ata o 29 de xaneiro, entre as 21:00 e as 23:00 horas, organizado pola Asociación Mulleres en Igualdade de Prado. Ademais, o concello acollerá un obradoiro de Pilates grazas á Asociación de Mulleres de Barcia; a actividade comezará o 3 de outubro e desenvolverase todos os xoves ata o 27 de febreiro entre as 11:00 e as 12:30 horas.

No concello de Marín hoxe empezarán dous obradoiros que durarán ata o 12 de decembro e que se impartirán os martes e xoves entre as 19:00 e as 20:30 horas. O primeiro deles realizarase grazas á Asociación de Veciños Pardavila Parroquia de San Julián e tratará a Relaxación e Manexo do Estrés: Momentos en Calma. O segundo é un Obradoiro de Mindfulness, que chega por iniciativa da Asociación Cultural Santo Tomé de Piñeiro-Marín. Este concello do Morrazo tamén acollerá un taller de Artesanía en Coiro que se desenvolverá os xoves, do 3 de outubro ao 24 de xaneiro, entre as 18:00 e as 20:00 horas grazas á Asociación Española Contra el Cáncer de Marín.

Por outra banda, Mondariz contará cun curso de Ioga programado pola Asociación de Veciños Xabriña de Mondariz, que terá lugar os luns e os mércores desde mañá ata o 3 de febreiro entre as 20:00 e as 21:00 horas. En Mos, a Asociación Sociocultural Malvela promove un obradoiro de Coidados Propios do teu Benestar, Exercicios Prácticos e Motivacionais os martes desde hoxe ata o 4 de febreiro, entre as 17:00 e as 19:00 horas. No mesmo concello, a Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña propón un curso de Alfabetización Dixital II: Internet, Correo Electrónico, Manexo da Tableta, Teléfono Intelixente... entre hoxe e o 12 de xaneiro. O obradoiro desenvolverase os martes de 16:30 a 17:30 horas e os sábados de 12:00 a 13:30 horas.

A Asociación de Personas con Discapacidad de la Comarca do Condado y Paradanta levará ao concello de Ponteareas un obradoiro de Risoterapia que terá lugar os luns e os mércores desde mañá ata o 16 de decembro entre as 17:00 e as 18:30 horas. No que respecta ao concello de Pontevedra, impartiranse dous obradoiros de Pilates. O primeiro deles chega da man de Xuntos Asociación de Síndrome de Down; comezará hoxe mesmo e desenvolverase ata o 12 de decembro os martes e xoves entre as 17:30 e as 19:00 horas. O segundo realizarase, grazas á Asociación Cultural A Queimada, os xoves desde o 3 de outubro ata o 27 de febreiro entre as 21:30 e as 23:00 horas.

O concello de Salvaterra de Miño contará cun curso de Iniciación ao Scrapbooking promovido pola Asociación Veciñal Xerme Cabreira e que se impartirá os sábados entre as 17:00 e as 19:30 horas; iniciarase o 5 de outubro e rematará o 19 de xaneiro. En Sanxenxo, a Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras Santa Catalina de Portonovo levará a cabo un obradoiro de Conservación de Alimentos: Conservas Artesanais os mércores desde mañá ata o 18 de decembro entre as 16:30 e as 19:30 horas. "Conectadas" tamén chegará a Silleda cun obradoiro de Ximnasia de Mantemento realizado pola Asociación de Mulleres Rurais de Dornelas, que empezará mañá e se desenvolverá ata o 16 de decembro os luns e os mércores entre as 16:00 e as 17:30 horas.

En Soutomaior terá lugar un obradoiro de Iniciación á Costura a través da Asociación de Veciños de Alxán, que comezará o día 3 de outubro e se impartirá os xoves ata o 3 de xaneiro entre as 18:00 e as 20:30 horas. A Asociación de Veciños San Benito de Romariz levará ao mesmo concello un curso de Pilates os luns e os venres, desde o 4 de outubro ata o 19 de decembro, entre as 18:00 e as 19:30 horas. Por outra banda, a Asociación Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Tui levará a cabo, dentro do programa "Conectadas", un curso de Alfabetización Dixital II: Internet, Correo Electrónico, Manexo da Tableta, Teléfono Intelixente... no concello de Tui, que terá lugar os mércores desde mañá mesmo ata o 18 de decembro, entre as 16:30 e as 19:30 horas.

Pola súa parte, o concello de Vigo acollerá catro cursos de "Conectadas". A Asociación Española Contra el Cáncer achegaralles o Teatro ás mulleres que o desexen os mércores desde mañá ata o 18 de decembro entre as 10:00 e as 13:00 horas. Tamén se desenvolverá un curso de Alfabetización Dixital I: do Papel ao Ordenador organizado pola Asociación de Veciños O Freixo os mércores, desde mañá ata o 19 de febreiro, entre as 18:00 e as 19:30 horas. Ademais, o concello recibirá un obradoiro de Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables da man da Asociación Veciñal Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns; o curso levarase a cabo os xoves do 3 de outubro ao 19 de decembro entre as 19:00 e as 22:00 horas. Por último, o concello vigués acollerá un curso de Bricolaxe e Reparacións no Fogar programado pola Asociación de Veciños A Nosa Terra de Alcabre, que comezará o 4 de outubro e rematará o 17 de xaneiro, cunha sesión semanal en horario de 17:00 a 19:30 horas.

No concello de Valga, a Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva de Cordeiro realizará un obradoiro de Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables os venres, desde o 4 de outubro ata o 4 de xaneiro, entre as 19:00 e as 22:00 horas. En Vilaboa, a Asociación Mujeres Rurales, Consumidores y Culturales Boa Vila impartirá un curso de Iniciación á Costura que se desenvolverá os mércores desde mañá ata o 18 de decembro entre as 16:00 e as 19:00 horas. O concello de Vilagarcía de Arousa contará cun obradoiro de Conservación de Alimentos, Conservas Artesanais promovido pola Asociación de Mulleres Rurais Fontecarmoa; será os mércores desde mañá ata o 18 de decembro entre as 19:00 e as 22:00 horas.

Pola súa parte, en Vila de Cruces, a Asociación Mulleres Rurais de Sabreixo achégalles ás mulleres un curso de Pilates que comezará mañá e rematará o 20 de febreiro; será os mércores entre as 21:00 e as 22:30 horas. A Asociación de Mulleres Rurais de Ínsua-Duxame-Portodemouros levará a cabo no mesmo concello un obradoiro de Artesanía en Coiro os venres desde o 4 de outubro ata o 4 de xaneiro entre as 15:30 e as 18:30 horas.

Por último, o concello de Vilanova de Arousa contará cun obradoiro de Ioga da man da Asociación de Mulleres Rurais As Aceñas de Baión, que empezará mañá e acabará o 28 de novembro e terá lugar os luns e os mércores entre as 20:00 e as 22:00 horas. A Asociación de Mulleres Rurais Lolita Trigo achegará ao concello un obradoiro de Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables os mércores desde mañá ata o 18 de decembro entre as 19:30 e as 22:30 horas. No concello tamén se impartirán dous cursos de Pilates. O primeiro deles chegará da man da Asociación Mulleres Rurais O Mouriño os xoves, desde o 3 de outubro ata o 27 de febreiro, entre as 20:00 e as 21:30 horas. O segundo comezará o 4 de outubro, concluirá o 3 de xaneiro e desenvolverase os venres entre as 20:00 e as 22:00 horas grazas á Asociación de Mulleres Rurais e Amas de Casa Citania de Baión.

"Conectadas" 2019 é un programa provincial que pon o acento na formación e desenvolve cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar as mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa tamén busca favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias e contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a fenda dixital. Este programa está dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e actuación, o apoderamento feminino e a consecución da igualdade de mulleres e homes.