Noticias

Máis de 100 mulleres de catro concellos participarán estes días nos obradoiros do programa "Conectadas"

Asociacións de catro concellos da provincia beneficiaranse da iniciativa do servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivos potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica


19 outubro 2017
Conectadas

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana cinco novas accións formativas dentro do programa "Conectadas" 2017, promovido polo servizo de Igualdade da institución provincial, para catro concellos da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán en total máis de 100 mulleres destas vilas. Os obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, terán lugar nos concellos de Vilanova de Arousa, Catoira, Caldas de Reis e Silleda.

O venres 20 de outubro comeza en Vilanova de Arousa un obradoiro de Cociña. Menú diario, para 24 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Amas de Casa Citania de Baión. Pola súa banda, o sábado, 21 de outubro terá lugar o inicio do curso Cestería, no que participarán 16 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Ascuas de Catoira.

Xa para a semana que vén, concretamente o luns 23 de outubro, comeza en Caldas de Reis un obradoiro de Risoterapia, no que se darán cita outras 16 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Santa Lucía de Arcos da Condesa.

O xoves 26 de outubro terá lugar o inicio do curso Cestería no que participarán 16 mulleres da Asociación de Mulleres de Silleda e, pola súa banda, o venres comezará a acción formativa Cociña. Menú diario, na que se darán cita 25 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais O Campanario de Vilanova de Arousa.

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: Muller emprende (emprendemento), Muller e cultura (dedicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas (xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoais.

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do "Conectadas" 2017 un orzamento de 324.000 €. O pasado ano máis de 5.000 mulleres sumáronse a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Conectadas 2017

14 outubro 2017, igualdade, conectadas 2017, deputación de pontevedra