Noticias

A Deputación de Pontevedra, única administración peninsular en acadar financiamento do fondo europeo marítimo e de pesca para lanzar "Depomar"

Carmela Silva subliña a importancia deste proxecto para "sensibilizar sobre a preservación dos ecosistemas e recursos mariños e empoderar e visibilizar ás mulleres e o seu papel nas actividades pesqueiras e marisqueiras"


12 outubro 2020

A presidenta da Deputación Carmela Silva amosou a súa satisfacción tras ter coñecemento de que a institución provincial é a única administración peninsular española en acadar financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para poñer en marcha o proxecto "Depomar". En total, esta iniciativa ten un orzamento de máis de 59.280 dos cales 44.460 € proveñen de Europa e preto de 15.000 € da Deputación, para –en palabras de Silva- "sensibilizar sobre a preservación dos ecosistemas e recursos mariños e empoderar e visibilizar ás mulleres e o seu papel nas actividades pesqueiras e marisqueiras".

O programa "Depomar" conta con cinco liñas de accións que vai liderar a Deputación e "nas que as mulleres van ter un papel fundamental". A primeira consiste no deseño dun código de boas prácticas de actividades que se desenvolven na Rede Natura 2000 para incentivar a protección e conservación, a recuperación da biodiversidade, a organización do sector pesqueiro con criterios de sustentabilidade, o respecto polas zonas protexidas do literal, así como o liderado e empoderamento da muller profesional do mar.  Ao respecto, a presidenta detallou que "o código plasmarase nun documento sinxelo e breve, práctico, visual e moi pedagóxico, dirixido tanto a profesionais como público en xeral que tamén difundiremos a través da web e das redes sociais".

Tamén, a través de "Depomar" vaise lanzar un vídeo para divulgar a importancia de conservar o patrimonio mariño e visibilizar o papel da muller nas industrias pesqueiras e marisqueiras. Así, tal e como adiantou Carmela Silva, "a muller mariscadora será protagonista do guión, con testemuñas en primeira persoa, pero tamén aparecerán persoas en representación das federacións de confrarías, grupos de pesca, Seo Birdlife, e  outras organizacións". Igualmente, desenvolverase unha campaña de concienciación que se concentrará sobre o terreo en espazos protexidos e na que participarán as mulleres mariscadoras e da industria pesqueira de xeito activo. A maiores se impulsará unha xornada técnica, "na que as mulleres volverán ser protagonistas" e na que participarán persoas relatoras especializadas en diferentes materias, así como ONG, empresas pesqueiras ou grupos de acción local. Finalmente, o proxecto DepoMar inclúe unha liña de publicidade, para que todas as actividades cheguen á cidadanía mediante os medios de comunicación tradicionais e as novas tecnoloxías.

A Deputación de Pontevedra é a única administración peninsular e unha das tres de España, xunto co Cabildo Insular de Fuerteventura e o Consell de Menorca, en acadar financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para a posta en marcha do proxecto "Depomar". Esta iniciativa forma parte do programa europeo Pleamar, creado co obxectivo de axudar á sustentabilidade da actividade pesqueira e acuícola en Europa, que xestiona en España a Fundación Biodiversidade do Ministerio de Transición Ecolóxica.