Noticias

Arrancan as accións do proxecto "Depomar" para enxalzar e visibilizar o traballo das mariscadoras na protección das contornas da rede natura

Carmela Silva: "Queremos fomentar a protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos da Rede Natura 2000 da provincia coa participación activa e directa das mulleres mariscadoras"


13 agosto 2021
Rolda de prensa Depomar

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da presidenta de Anmupesca, Rita Míguez, da patroa maior da Pastoriza de Vilanova, María José Vales, da integrante da Agrupación Mar de Poio, Raquel Gómez, e da presidenta de Amarturmar, Nuria Novelle, presentou hoxe as accións do proxecto DepoMar, a iniciativa que puxo en marcha este ano a institución provincial en colaboración coa "Fundación Biodiversidad" para "fomentar a protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos da Rede Natura 2000 da provincia coa participación activa e directa das mulleres mariscadoras". As accións arrancan o vindeiro luns cun audiovisual que se retransmitirá a través das redes sociais da Deputación, protagonizado por "lideresas, mulleres empoderadas do mar, pioneiras en ocupar espazos de decisión na nosa provincia e cun firme compromiso para garantir a sustentabilidade do mar".

DepoMar desenvolverá cinco accións diferenciadas, catro de sensibilización e unha de difusión do proxecto. "Queremos, coas accións de sensibilización que integran un código de boas prácticas, un recurso audiovisual, campañas de concienciación e unha xornada técnica, visibilizar e poñer en valor o traballo feminino no mar, destacar a importancia da profesión dende o punto de vista socieconómico e medioambiental, e divulgar os espazos protexidos Rede Natura 2000 de zonas litorais da provincia", informou a presidenta.

Sobre a importancia de visibilizar o papel das mulleres no mar e a incidencia do traballo seu traballo no medio mariño incidiron as mariscadoras presentes no acto. María José Vales, patroa maior da Pastoriza, lamentou que en Galicia soamente hai seis patroas maiores e especificou as complicacións que teñen as mulleres para exercer o liderado. Rita Míguez, presidenta de Anmupesca, destacou a necesidade de impulsar un equilibrio entre o desenvolvemento económico industrial, o nivel de vida e o coidado do medio ambiente. Neste mesmo eido se pronunciou a integrante da Agrupación Mar de Poio, Raquel Gómez, e a presidenta de Amarturmar, Nuria Novelle, que fixeron fincapé na importancia de que as administracións promovan iniciativas de concienciación medioambiental para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da sustentabilidade.

As accións de Depomar

O vindeiro luns, 16 de agosto, comezará a difusión do audiovisual do proxecto "DepoMar" a través das redes sociais da Deputación. Trátase dun vídeo protagonizado por Rita Míguez (presidenta de Anmupesca), María José Vales (patroa maior de A Pastoriza, Vilanova de Arousa), Esmeralda Otero (agrupación de Mariscadoras de Redondela), Marina Buceta (agrupación de mulleres mariscadoras Mar de Poio) e Nuria Novelle (Amarturmar), que ten como obxectivo difundir a importancia do traballo da muller mariscadora na conservación dos recursos mariños. No vídeo as mariscadoras explican o  seu traballo, como o fan, os aparellos que empregan, e reivindican a importancia de ter voz e voto nas confrarías e de poñer en valor a súa profesión.   

Tamén na segunda quincena de agosto arranca a campaña de divulgación  cunha carpa informativa na que se  ofrecerá material divulgativo e dous códigos QR: un co vídeo que se vén de presentar esta mesma mañá e outro co código de boas prácticas. A carpa instalarase no Paseo de Samil de Vigo o 16 de agosto, na Praza Avelino Vicente da Guarda o 17, na Praza de Fontes de Cangas o 18 de agosto, na Avenida Arquitecto Jesús Valverde de Baiona o 19, na Rúa Alfonso XII de Redondela o día 20, en Combarro o 24 de agosto, na Praza do Concello de Cambados o día 25 e na Praza do Corgo do Grove o 27 de agosto.

O 28 de outubro se celebrará a xornada técnica de  "Depomar", co título "A importancia do traballo das mulleres mariscadoras en contornas da Rede Natura 2000". Nesta actividade afondarase na relación entre mulleres, gobernanza e xestión de recursos e no papel das mulleres como forza que a Rede Natura precisa. Participará na apertura o coordinador da Área de Pesca e Acuicultura Sostible da "Fundación Biodiversidad" Javier Remiro, á que seguirá o primeiro bloque temático, titulado "Mulleres, gobernanza e xestión dos recursos". Coa xefa de Medio Ambiente da Deputación, Concepción López, a presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca, Rita Míguez, a doutora en Socioloxía, Beatriz Marugán, e a doutora en Ciencia Política, Patricia Martínez. O segundo bloque, "Mulleres, a forza que a Rede Natura precisa", contará coa investigadora do CSIC Montserrat Pérez, a profesora da Universidade de Vigo Mari Lires, a presidenta de Amarturmar Nuria Novelle e a xerente de Fundamar María Caldeiro.

Vídeos