Noticias

A "Depo andaina" da ruta fluvial das marismas de Catoira chega este domingo con todas as prazas completas

O programa volve o día 18 coa ruta do Grove pola Illa da Toxa e Pedras Negras


09 agosto 2019
DepoAndainas 2019

Con todas as prazas esgotadas, este domingo terá lugar a segunda das sete "Depo andainas" da Deputación de Pontevedra, que percorrerá as marismas de Catoira.

A saída, que será ás 10:00 horas desde a alameda catoirense, contará con máis de 300 persoas, xa que o Concello de Catoira ten a opción de ofertar outras 50 prazas adicionais. Dado que na marcha participan persoas procedentes de toda a provincia, a Deputación habilitou autobuses que sairán desde a praza de Galicia en Pontevedra e desde a praza de España en Vigo.

As persoas participantes terán ocasión de gozar do paseo fluvial polas marismas de Catoira, de achegarse a lugares de interese coma as torres de Oeste e de ver a paisaxe da zona, formada por bosques espesos, marismas e praias fluviais, onde os muíños de vento resultan habituais. Durante a andaina tamén se lles achegará información relativa a aspectos do patrimonio cultural e histórico.

A programación desta segunda edición das "Depo andainas", que teñen por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e promover o turismo, continuará o 18 de agosto no parque forestal da Illa da Toxa e a ruta das pasarelas de Pedras Negras no Grove, cuxo prazo de inscrición remata o próximo mércores; e o 1 de setembro polo parque da Canuda e o paseo fluvial da Illa Fillaboa en Salvaterra de Miño (o prazo de apertura de inscricións abre o 19 de agosto). A quinta andaina será o 29 de setembro e percorrerá o Bosque Encantado en Cangas e as illas Cíes en Vigo; e xa en outubro terán lugar as dúas últimas rutas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (a inscrición abre o 23 de setembro) e o 12 pola Ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (abre o prazo o 30 de setembro). As persoas interesadas en participar en calquera destas andainas deberán cubrir o impreso de solicitude na páxina web www.depo.gal, dentro dos prazos de inscrición que correspondan a cada unha delas.