Noticias

Chega a cuarta edición das DepoAndainas que este ano se amplían con dúas novas rutas e estenden o compromiso medioambiental do goberno provincial

Carmela Silva puxo en valor este iniciativa gratuíta que combina deporte e turismo e aposta pola sustentabilidade con charlas de concienciación e mediante desprazamentos en autobús para minimizar as emisións de CO2


19 xullo 2019
Carmela Silva presenta las DepoAndainas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá a cuarta edición das DepoAndainas, un programa totalmente gratuíto que arranca a comezos de agosto con novas propostas e unha aposta decidida polo Medio Ambiente. Neste eido, tal e como informou Silva, esta edición amplía as rutas con dúas novas, pasando de cinco a sete, e inclúe os desprazamentos en autobús "na liña do compromiso adquirido en prol da sustentabilidade, fomentando o transporte público para minimizar as emisións de CO2".

As DepoAndainas están dirixidas a todas as persoas da provincia (independentemente da idade)  e teñen por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable ao tempo que promover o turismo. Amais, esta iniciativa ten un marcado compromiso co Medio Ambiente e así, amais da inclusión dos desprazamentos en autobús con saídas dende a Praza de Galicia de Pontevedra e da Praza de España de Vigo, tamén se van impulsar charlas de concienciación e sensibilización en cada unha das sete andainas. Xunto ao compromiso medioambiental, a cuarta edición das DepoAndainas tamén vai impulsar o turismo activo, deixando tempo libre adicional ao remate da actividade ás persoas participantes  para que poidan afondar nos recursos turísticos da provincia de Pontevedra. Neste mesmo eido, durante as andainas, tamén se achegará información relativa a aspectos do patrimonio cultural e histórico.

Máis polo miúdo, a primeira andaina terá lugar o 4 de agosto polo paseo fluvial das marismas de Catoira e o prazo de inscrición comeza este luns, 22 de xullo. A segunda ruta será pola fervenza do Toxa en Silleda o 11 de agosto (abre o prazo o 29 de xullo) e a terceira o día 18 polo parque forestal da Illa da Toxe e pola ruta das pasarelas de Pedras Negras no Grove (abre o prazo o 6 de agosto). A seguinte ruta terá lugar o 1 de setembro polo parque A Canuda e o paseo fluvial da Illa Fillaboa en Salvaterra de Miño (o prazo de apertura de inscricións abre o 19 de agosto) e o 22 de setembro a quinta andaina polo Bosque encantado en Cangas e polas Illas Cíes en Vigo (abre o prazo o 2 de setembro).  Xa en outubro terán lugar as dúas últimas rutas, o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (a inscrición abre o 23 de setembro) e o 12 pola ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (abre o prazo o 30 de setembro).

En total ofértanse 300 prazas por andaina, é dicir, un total de 2.100 prazas. Ademais, e tamén como  novidade, este ano os concellos polos que transcorren as andainas poderán ofertar ata 50 prazas adicionais. As persoas interesadas en participar nos percorridos deberán cumprimentar o impreso de solicitude na páxina web www.depo.gal. Ao respecto, a presidenta provincial animou a pechar as inscricións "o máis rápido posible xa que se esgotan en poucas horas as prazas dispoñibles".

Amais das DepoAndainas a Deputación de Pontevedra ten tamén en marcha outras iniciativas deportivas este verán como o DepoDesafío ou as DepoRutas BTT. En canto á primeira actividade, quedan pendentes a carreira a pé por Vilagarcía (27 de xullo), o trail por Cuntis (8 de setembro) e o triatlón en Vigo (13 de outubro). No que respecta ás DepoRutas BTT comezan a súa andadura o 25 de agosto en Meis (abre o prazo de inscrición o 29 de xullo) e continúan o 15 de setembro en Silleda (o prazo para participar abre o 26 de agosto), o 29 do mesmo mes en Nigrán (inscricións dende o 16 de setembro), o 20 de outubro en Salceda (abre o prazo para participar o 30 de setembro) e rematan o 27 de outubro en Cangas (inscrición a partir do 7 de outubro).