Noticias

A Deputación abre este martes as inscricións para a terceira "DepoAndaina", que o 18 de agosto percorrerá A Toxa e as pasarelas de Pedras Negras

As persoas interesadas nesta ruta polo concello do Grove, con 300 prazas dispoñibles, poderán anotarse nela ata o mércores 14 de agosto


05 agosto 2019
Depo Andainas

Desde este martes 6 de agosto estará aberto o prazo para que as persoas que o desexen poidan participar na terceira das "DepoAndainas" 2019 programadas pola Deputación de Pontevedra, que percorrerá distintos espazos do concello do Grove, entre eles o parque forestal da illa da Toxa e a ruta das pasarelas de Pedras Negras.

Máis polo miúdo, trátase dun itinerario con dúas rutas que se desenvolverán pola mañá e pola tarde. Na primeira andaina as persoas participantes visitarán a illa da Toxa, co seu parque forestal e a aldea dos Grobits, mentres que na segunda, pola tarde, percorrerán a Ruta dos Cons, un paseo de madeira desde o que poderán contemplar a localidade de San Vicente do Mar, a súa costa e numerosas esculturas en pedra.

Coma no resto das "DepoAndainas", a Deputación de Pontevedra ofrece un total de 300 prazas dirixidas a persoas de toda a provincia, independentemente da súa idade, aínda que o Concello do Grove poderá ofertar outras 50 prazas adicionais. Ademais, a institución provincial facilitaralles ás persoas participantes o traslado ata O Grove en autobuses que sairán da praza de Galicia de Pontevedra e da praza de España en Vigo. As persoas interesadas en participar neste percorrido deberán cubrir o impreso de solicitude na páxina web www.depo.gal, a data límite é o 14 de agosto.

O programa "DepoAndainas" ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable ao tempo que promove o turismo. Ademais, ten un marcado compromiso co medio ambiente e, por este motivo, en cada una das sete andainas impartiranse charlas de concienciación e sensibilización. Despois da ruta polo Grove a programación continuará o 1 de setembro coa "DepoAndaina" polo parque da Canuda e o paseo fluvial da illa Fillaboa en Salvaterra de Miño (o prazo de apertura de inscricións abre o 19 de agosto). A quinta andaina farase o 22 de setembro polo Bosque Encantado en Cangas e polas illas Cíes en Vigo (abre o prazo o 2 de setembro) e xa no mes de outubro terán lugar as dúas últimas rutas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (a inscrición comezará o 23 de setembro) e o 12 pola Ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (o prazo para inscribirse comeza o 30 de setembro).