Noticias

A Deputación abre este próximo luns o prazo de inscrición na "Depo andaina" de Cangas e Cíes

A quinta etapa do programa deste ano terá lugar o día 29 de setembro cunha camiñada por Aldán e a Costa da Vela e outra pola ruta do monte Faro nas Cíes


01 setembro 2019
DepoAndainas 2019

A Deputación de Pontevedra abrirá este luns 2 de setembro o prazo de inscrición para que as persoas interesadas se poidan apuntar á "Depo andaina" por Cangas e as illas Cíes, a quinta das rutas programadas este ano pola institución provincial para fomentar hábitos de vida saudable e promover o turismo, que terá lugar o 29 de setembro.

Como en todas as "Depo andainas", a Deputación ofrece 300 prazas para participar neste itinerario, que se desenvolverá pola mañá e pola tarde do domingo. Así, na ruta da mañá, as persoas participantes percorrerán o coñecido Bosque Encantado de Aldán e poderán contemplar as vistas da costa da Vela, un dos mellores enclaves naturais das Rías Baixas situado no concello de Cangas. Unha vez finalizada esta primeira andaina, desprazaranse desde o porto de Cangas ás illas Cíes, onde xantarán e, posteriormente, realizarán a espectacular ruta do monte Faro. En total, a "Depo andaina" suma 10,5 quilómetros (3 en Aldán e 7,5 en Cíes) e ten unha dificultade media.

A andaina está aberta a persoas de toda a provincia e de todas as idades e, para facilitar a súa participación, a Deputación habilitará autobuses que sairán desde a praza de Galicia en Pontevedra e desde a praza de España en Vigo. A inscrición neste itinerario por Cangas e Cíes está aberto ata o 18 de setembro e as persoas que estean interesadas deberán cubrir o impreso de solicitude na páxina web www.depo.gal. Ademais das 300 prazas previstas, o Concello de Cangas poderá ofertar outras 50 adicionais.

As "Depo andainas" volverán en outubro, mes no que terán lugar as dúas últimas rutas das sete programadas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (a inscrición abre o 23 de setembro) e o día 12 pola Ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (o prazo para inscribirse comeza o 30 de setembro).