"Mulleres en acción: Violencia zero" 2020-2021
EMERXENCIA CULTURAL, URXENCIA FEMINISTA!
NIN UN PASO ATRÁS NA LOITA CARA A IGUALDADE
Nestes tempos complexos, dunha incerteza e crise sen precedentes, a igualdade volve estar en serio risco de retroceder gravemente na nosa sociedade. A situación epidemiolóxica mundial que estamos a vivir neste 2020 está a levar a muller a unha posición de vulnerabilidade laboral e social que podemos tardar moitos anos en recuperar. A COVID-19 evidenciou a precariedade laboral das mulleres, a inexistencia dunha corresponsabilidade real e o papel desigual de sostén no eido dos coidados, alén do escenario dramático que viviron moitas mulleres nun confinamento compartido cos seus maltratadores.
As mulleres da cultura tamén están a sufrir dun xeito moi directo a crise actual, e o seu ámbito profesional foi un dos máis golpeados. Por todo iso, a VI Edición do programa "Mulleres en acción: Violencia zero" preséntase como máis urxente e necesaria se cabe, supón un apoio real ás creadoras e aposta pola sensibilización nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás na loita en prol da igualdade.
Tras máis de 100 accións artísticas por toda a provincia, un ano máis, a performance protagonizará os actos inaugurais en Pontevedra (25 de novembro, con Janet Novás) e Vigo (26 de novembro, con Mónica Aranegui), mais tamén as accións do mes de marzo, que contarán con Analía Beltrán i Janés e o grupo Twins Experiment. A intervención mural ampliará o formato da man de Milu Correch e Btoy. A danza contemporánea sorprenderanos con Yara Juncal, Clara Ferrão Diz, Rut Balbís e Xiana Vilas, mentres que na acción escénica contaremos con Esther Carrodeguas, Stephy Llaryora, Arantxa Treus, Paula Sanmartín, Laura Villaverde, Sue Moreno e Carmen Méndez. As mulleres da música non podían faltar: Nastasia Zürcher, Najla Shami, Xoana, Macarena Montesinos, High Paw e María Villanueva. E dúas poetas, Miriam Ferradáns e Xiana Arias, súmanse a este elenco de artistas que loitan pola igualdade.
Esta "nova normalidade" tamén representa unha oportunidade para que o programa incorpore novos soportes na acción transversal en prol da igualdade: tres artistas plásticas que deseñan máscaras, con creatividades feministas. Elas son Lara Lars, Gemma Marqués e Laura Romero.
A situación actual supón un importante reto: pode que perdamos un contacto directo co público nas accións, mais seguiremos apostando por un impacto emocional; deixamos de ter unha participación colectiva na arte mural, pero intervimos artisticamente elementos de protección como as máscaras; adaptamos os eventos aos protocolos de seguridade, pero integramos a situación actual na mensaxe das obras.
Sigamos facendo cultura, sigamos reivindicando a igualdade. Hoxe, máis que nunca.
PROGRAMACIÓN 2020-2021
MES | CONCELLO | ARTISTA | ACCIÓN |
---|---|---|---|
NOVEMBRO 2020 | PONTEVEDRA | JANET NOVÁS | PERFORMANCE INAUGURAL |
VIGO | MÓNICA ARANEGUI | PERFORMANCE INAUGURAL | |
DECEMBRO 2020 | A ESTRADA | MIRIAM FERRADÁNS | POESÍA |
CANGAS | HIGH PAW | MUSICA | |
XANEIRO 2021 | MOS | PAULA SANMARTÍN | ACCIÓN ESCÉNICA |
CUNTIS | MARÍA VILLANUEVA | MÚSICA | |
FEBREIRO 2021 | AS NEVES | CARMEN MÉNDEZ | ACCIÓN ESCÉNICA |
ARBO | XIANA ARIAS | POESIA | |
MARZO 2021 | NIGRAN | ANALÍA BELTRÁN | PERFORMANCE |
PONTEAREAS | TWINS EXPERIMENTAL | PERFORMANCE | |
ABRIL 2021 | REDONDELA | LAURA VILLAVERDE | ACCIÓN ESCENICA |
SILLEDA | ARANTXA TREUS | ACCIÓN ESCENICA | |
MAIO 2021 | CALDAS DE REIS | BTOY (ANDREA MICHAELSSON) | MURAL |
LALÍN | YARA JUNCAL (BOMBOX) | DANZA | |
XUÑO 2021 | BUEU | MILU CORRECH | MURAL |
TOMIÑO | ESTHER CARRODEGÚAS | ACCIÓN ESCÉNICA | |
XULLO 2021 | POIO | NASTASIA ZÜRCHER | MUSICA |
MARÍN | SUE MORENO | ACCION ESCÉNICA | |
AGOSTO 2021 | A ILLA DE AROUSA | XOANA | MÚSICA |
BAIONA | NAJLA SHAMI | MÚSICA | |
SETEMBRO 2021 | SALVATERRA DE MIÑO | XIANA VILAS | DANZA |
VILAGARCÍA | MACARENA MONTESINOS | MÚSICA | |
OUTUBRO 2021 | GONDOMAR | RUTH BALVÍS | DANZA |
SOUTOMAIOR | STEPHY LLARYORA | ACCIÓN ESCENICA | |
NOVEMBRO 2021 | VILABOA | CLARA FERRAO DIZ | DANZA |
Novembro 2020
Pontevedra
Janet Novás
(O Porriño, 1982)
Bailarina e creadora galega, reside en Madrid desde 2001. Formouse en danza contemporánea entre Madrid, Bruxelas e Berlín. No ano 2008 comezou a crear e a desenvolver os seus propios proxectos. A súa obra constrúese desde a observación, a experiencia e o diálogo co seu corpo como principal ferramenta, apostando por unha linguaxe propia, moldeando o contido emocional e a sinxeleza estética que caracterizan os seus traballos.
Desde os seus inicios como creadora Janet Novás contou coa colaboración do músico e compositor Haru Mori e do coreógrafo e performer Ricardo Santana. As súas creacións presentáronse en prestixiosos festivais nacionais e internacionais coma Rencontres Chorégraphiques, Festival de Marseille, Festival Nouvelles-Pole Sud, Cement Festival, FIDCU (Montevideo), MOV_S, TNT Dansa, Festival de Otoño a Primavera, Escenas do Cambio ou o Festival Bad, entre outros.
Ao longo da súa carreira recibe varios premios, entre os que destacan o 2o.º premio do XXI Certamen Coreográ¿co de Madrid, unha bolsa para o danceWEBeurope 2008 (Viena), o Premio de Asistencia Artística ao Festival B Mótion de Bassano del Grappa (onde xorde o proxecto Vuelo 6408, en colaboración con Sharon Fridman, Natxo Montero e Pisando Ovos) e o Premio InJuve 2011, coa súa creación Cara pintada.
Neste mesmo ano é seleccionada para participar no programa de obradoiros e residencias ChoreoRoam Europe, organizado por The Place, o Festival Opera Estate, Dansateliers, Danceweek Festival e o Certamenn Coreográ¿co de Madrid.
Como coreógrafa tamén dirixiu a parte de movemento da Gala dos Premios Max 2014 e os Premios Mestre Mateo (Galicia) .Como intérprete traballou para as compañías Lisi Estarás (Lles ballets C da B), Daniel Abreu, Pablo Esbert, PlayDramaturgia, Matarile Teatro, Provisional Danza, Pisando Ovos, Arrieritos, Megaló Teatro, Ertza, José Reches e Pedro Berdayes. Tamén colaborou na terceira edición do proxecto Bailar ¿es lo que queréis?, comisariado por Elena Córdoba, Ana Buitrago e Jaime Conde Salazar e El canto de los caballos, de Lipi Hernández. Actualmente colabora con diferentes artistas como Pablo Esbert, Mercedes Peón e as deseñadoras de moda Zap&Buj, coas que creou a súa última obra Imaginé cinco cuerpos y ninguno era el mío, unha produción de Veranos de la Villa 2019. Janet Novás alterna o seu labor como bailarina e creadora co de profesora, impartindo clases e obradoiros en diferentes centros de España, Europa, Latinoamérica e Asia.
A ACCIÓN: FEELINGS
Feelings é un proxecto que nunca se definiu, que naceu o día dunha morte e xurdiu como un berro ou un pranto por esa perda... Desde ese momento negouse a tomar unha forma concreta e tamén a morrer. Feelings é un corpo vivo que quere habitar espazos para chorar, para tomar o pranto como un exercicio de liberación, para bailalo e exaltar a beleza dun corpo abatido.
Neste caso, Feelings é en "Mulleres en acción. Violencia zero" o pranto e o berro de todas as mulleres que sufriron e sofren nas súas carnes a violencia machista, pero tamén é un berro de reivindicación, esperanza e cambio.
Dirección e interpretación: Janet Novás
Música: Sergei Rachmaninoff
Novembro 2020
Vigo
Mónica Aranegui
(Madrid, 1979)
Artista multidisciplinar. Doutora en Belas Artes (Universidade Complutense de Madrid, 2015), licenciada en Psicoloxía (Universidade Nacional de Educación a Distancia, 2006), mestrado en Coaching, Intelixencia Emocional, Relacional e Ciencia Cognitiva (Universidade de Alcalá de Henares, 2016), mestrado en Fotografía Creativa e Documental (Centro Internacional de Fotografía e Cinema EFTI, 2006). Profesora axudante doutora no Departamento de Educación Artística, Plástica e Visual da Universidade Autónoma de Madrid. Vicedecana de Políticas de Igualdade, Responsabilidade Social e Cultura desde 2019 na UAM. Desempeñou o seu labor docente tamén como profesora asociada no Departamento de Pintura da Facultade de Belas Artes (UCM) (2016-2019).
Durante catro anos foi directora do grao oficial en Belas Artes do Centro Universitario TAI, adscrito á Universidade Rey Juan Carlos, onde tamén foi docente. Directora do título de Experto en Deseño, Artes Visuais e Creación Dixital. Membro do Instituto Universitario Tecnoloxía do Coñecemento (ITC) e dos grupos de investigación ACIS (Grupo Mitocrítica) da Universidade Complutense de Madrid; do grupo de investigación Cambio Educativo para a Xustiza Social (GICE) da UAM; do grupo de estudo Arts and Technologies in Leadership (ATL): The Global Pre-TextsProject do Real Colexio Complutense de Harvard. Colabora con diversas universidades e institucións na impartición de talleres en diversas disciplinas. Compaxina a súa carreira profesional como docente e investigadora coa creación artística, coa que gañou numerosos premios; así expuxo a súa obra en numerosas exposicións individuais e colectivas nacionais e internacionais.
Declaración: "Vexo a arte como parte inseparable da vida, como unha vía de realización e autocoñecemento, de construír mundos desde a memoria e historias que conflúen para dar respostas. É un diario persoal, onde as miñas vivencias, emocións, sentimentos e sensacións van marcando o discurso narrativo. Son pequenas historias que permiten imaxinarnos as nosas. Non todo queda dito. É unha forma de ver e reflexionar sobre a realidade e buscar aqueles recunchos con maxia, aqueles que atopo na miña memoria e me fan pensar que a percepción da realidade é poliédrica e nós decidimos que parte mostramos. É unha maneira de vivir, de soñar esperta, de imaxinar e transformar os espazos recoñecibles noutros onde a liña que divide a realidade e os soños se esvaece".
A ACCIÓN: ANIÑARÁ
Aniñará é o anagrama de Ariadna. No mito Ariadna namórase de Teseo e entrégalle un nobelo para que este poida escapar do labirinto do Minotauro. Ese nobelo é unha mostra do seu amor cara a Teseo.
Aniñar é un verbo que se conxuga como amar e significa ‘facer o niño e habitar nel'.
Nesta performance o nobelo empregámolo como símbolo do autocoidado, do amor cara a nós, a protección e a elección do lugar onde aniñar, dentro do espazo propio. O corpo configúrase como ese espazo no que habitar, amar e coidar. A pel que nos protexe mantén a pegada do vivido, a memoria das palabras, que permanecen adheridas, moitas delas coa necesidade de ser transmutadas noutras. Que quero manter? Que quero cambiar? Unha oportunidade para [re]definir o noso lugar no mundo. A finalidade é a de coidar[se]. Crear un lugar onde sentírmonos ben e protexidas, que non é físico, senón que, ao final, portamos connosco porque é un lugar interno. Que queremos dentro do niño? Que queremos fóra?
Decembro 2020
A Estrada
Miriam Ferradáns
(Bon, Bueu, 1982)
Poeta e columnista, publicou a plaquette Deshabitar unha casa (2016) e Nomes de fume (2017), cos que gañou, respectivamente, o Premio de Poesía Francisco Añón e o Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé. Con Do tacto, breve poemario escrito en 2017, recibiu o Premio de Poesía Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo.
A finais do pasado ano a editorial especializada en poesía Apiario publicou o seu último libro: unha plaquette titulada Agosto.
Premio Rosalía de Castro de Cornellá durante tres anos consecutivos, participou tamén en varias obras colectivas e en revistas especializadas. Así mesmo, en 2019 colaborou na edición do libro No camiño do vento, que recolle parte da obra de Sesé Mateo, muller vítima da violencia de xénero; e no libro colectivo Sempre marzo (2019), editado por Xanela Editorial, no cal poetas e artistas plásticas conversan sobre a muller e as súas múltiples realidades.
Noms de fum, a tradución ao catalán do seu libro por parte do poeta Premio da Crítica en Poesía en Lingua Catalá, Dolors Miquel, saíu á luz este 2019 e en 2020 publícase baixo o título Nombres de humo a tradución en castelán, realizada polo Premio Nacional de Poesía Nova, Gonzalo Hermo.
A súa obra xira ao redor das relacións familiares e ao control dos seus membros a través do silencio e da presión do grupo ante os temas tabú. A violencia, o abuso sexual e o sometemento das nenas centra Deshabitar unha casa, mentres que Nomes de fume e Agosto conversan coa perda, bordean a morte, métenlles o dedo na boca, agardan a resposta.
A ACCIÓN:ARTE DE RESISTENCIA
Reflexionar a través da poesía sobre a resistencia das mulleres ante as pequenas e grandes violencias diarias, ante ese subterfuxio que atopa o patriarcado sempre para chegar a nós, armado e preparado para perforar e ferirnos case de forma imperceptible. O sangue que verte a violencia diaria é translúcido. Non se ve, só sente.
Decembro 2020
Cangas
High Paw
(Vigo, 1993)
High Paw é unha vocalista que aos 15 anos comeza a súa relación cos escenarios en bandas de punk rock, dando folgos así á intersección das súas paixóns: a escritura e a música. Pouco a pouco insírese en proxectos musicais con estilos e formatos variados coma Vgo Negro Son, Wöyza presenta Wötown, Beehive Compañía, The Exor Sisters and The Lucky Coins, La Rock Blues Band, Laroá, Wöyza and The Galician Messengers e tamén desenvolve o papel de corista nalgúns destes proxectos. No ano 2016 edita con Nuh Face Records o seu primeiro EP, Searching for the Recipe, con oito temas de estilos diferentes de música xamaicana, que presenta en diferentes salas galegas coma La Iguana, Garufa, Malatesta e festivais da península ibérica xunto a Nahno Selectah e Laura Mercy. Xa da man da banda Elephants Yard, o colectivo organiza as jams de reggae de Vigo e fai de banda acompañante de Vivian Jones. Ademais, comezan a traballar en singles como Exame ou My Temples e no directo que levan a Armintza (Festival Txapel Reggae), Balboa (Festival Reggaeboa) ou á Sala RockPalace en Madrid, entre outros.
No 2018 realiza a súa primeira xira en América, en México, xunto a Ofer Selectah, promotor e selector de música do país, introducíndose así na potente escena mexicana de reggae. Agora están a preparar o que será o primeiro EP da banda, traballando de forma habitual no estudio Dub Yard, arredor do cal se xunta a escena reggae de Vigo.
A ACCIÓN: XOGOS E CHAGAS
O mundo é un lugar abraiante. Este facto é moi claro cando gozamos; mais cando sufrimos hai feridas que lamber e pouco tempo para apreciar o curioso das cousas. Tórnase complicado chegar a ser unha muller aventureira, ansiosa de novas experiencias, sen arriscar a integridade dos pensamentos ou do propio corpo. O equilibrio entre a aventura e o escudo, a afouteza e a precaución, é entón unha procura eterna para as que habitamos baixo a ameaza heteropatriarcal.
Xaneiro 2021
Mos
Paula Sanmartín
(Bueu, 1978)
É actriz, creadora escénica, docente teatral, estudante de Filosofía e investigadora de todo tipo de poéticas cinéticas co seu selo de producións Teatro En-Trance. Como guionista e directora está á fronte, xunto con Yelena Molina e Arantxa Treus, do proxecto de serie para televisión Andrómedas, constelación familiar, actualmente en proceso de posprodución.
Formada na USC e na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto, esta artista escénica conta cunha longa traxectoria e unha acusada personalidade.
Nunha primeira etapa, que comeza co século e se estende ata 2006, traballa e produce os seus propios espectáculos en solitario e con outras creadoras coma Sandra Lesta, Sonia Méndez, Andrea Álvarez ou Margherita Morello, movéndose desde a franxa de máxima audiencia da serie televisiva Mareas vivas ata o underground de Flávia Sândalo no pánóptico de Bentham, Virxes, western relixioso ou Un par de hostias en vinagre.
Máis tarde, e como divisor de augas (non só metafóricas), iníciase a súa etapa en Brasil no ano 2006, cando viaxa a este país e se establece no Rio de Janeiro grazas a unha bolsa de perfeccionamento de estudos artísticos. Alí estudará Realización de Vídeo, Interpretación para Cinema e, na súa procura por unha antropoloxía aplicada que una o teatro, a espiritualidade e a filosofía, mergullarase tamén na teoloxía da Umbanda. No Rio continúa co traballo teatral e de investigación do cabaré espiritual que xira arredor do seu alter ego foucaultiano Flávia Sândalo, protagoniza unha presa de curtametraxes e vídeos musicais e participa no telefilme da TV Globo Didi, o peregrino. Aínda na "cidade maravilhosa" e como tránsfuga inicia en 2010, xunto con Túlio Rosendo, o proxecto de música electro-power Ciborgue Moreno como letrista e vocalista, que se estreará no Festival de Cinema de Lingua Portuguesa (CINEPORT) de João Pessoa.
De volta a Galiza, en 2014, rompe augas (non só metafóricas), e inicia así o seu (ata o de agora) terceiro momento artístico. Desde a capital galega compaxina o traballo en series de televisión coma Serramoura, Urxencia cero ou Antes de perder cos estudos de Dramaturxia e Filosofía e en 2018 funda o seu propio selo de producións escénicas. Teatro En-Trance iníciase coa tetraloxía Desvío, unha peza de vocación decididamente contemporánea e autoral, onde a apertura de códigos e linguaxes e a aproximación á filosofía crítica e de xénero queer, a través do ritual e da meditación, serán elementos fundamentais.
A ACCIÓN: PULSO
"É o inimigo? Vostedes poderían parar a guerra un momento?" (Gila).
Desde o spoken-word dramático de Neil Cassady versus American way of life, vemos a Christine Jorgesen, marine norteamericano que virou cabareteira e primeira transexual da historia e humorizamos a Donald Trump, teledirixido polo seu cerebro reptiliano e con delirios colonizadores intergalácticos. Varias voces érguense neste Pulso que, cun cóctel atómico explosivo, ofrenda o problema do dualismo e do binomio sexo-xénero ao portal aberto da meditación hindú. Amor, humor, poesía e videoarte combínanse nesta peza que funciona como un probiótico posdramático dirixido ao segundo cerebro de pugnas intestinas.
Xaneiro 2021
Cuntis
María Villanueva
(Vigo, 1987)
Cunha aproximación á creación difícil de circunscribir nun estilo ou disciplina, decide buscar xeitos de expresión de forma incansable desde que ten uso de razón. Estuda Guitarra Clásica no Conservatorio Superior de Mu´sica de Vigo e despois Comunicacio´n Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, onde empeza a interesarse polo jazz. Finaliza estes estudos co proxecto Sonata: una mirada hacia los años 30, que explora o uso de imaxes sincrónicas como acompañamento á música. A continuación trasládase a Suíza, onde estuda o Master in Music Performance con minor en Canto Jazz na Hochschule der Ku¨nste Bern. Entre 2016 e 2019 vive en Lisboa, onde estuda a Licenciatura en Canto Jazz na Escola Superior de Música de Lisboa.
Durante os últimos anos compaxina a súa actividade artística coa docencia; entre a súa actividade musical destacan a estrea en Bogotá de Cuerdas Falsas, de Catalina Peralta; o Dúo 2028, co que se presenta en festivais como a Quincena Musical Donosti; a colaboración co pianista Filipe Melo, co que grava en estudio tres temas en setembro de 2017; o cuarteto María Solita, co que graba o EP Retrato de ninguém en maio de 2019 e o proxecto Siu Kiu, co que é convidada pola produtora Jazz ao Centro Clube (JACC) para gravar o disco Fonte Grande, que está masterizado e en fase de copia e conta coa colaboración da cantante portuguesa Maria João. Nesta ocasión preséntase a solo, tocando catro arranxos propios de cancións populares especialmente escollidos para a ocasión.
A ACCIÓN: CARTA ABERTA
Carta aberta é un exercicio de escoita e reacción. Unha busca de respostas (e de máis preguntas) sobre a violencia e o feminismo. Ese feminismo no que hai espazo para todas.
É tamén unha implosión e unha explosión de música, imaxes e palabras. É o resultado de 33 anos de misoxinia na miña pel e séculos de violencia impune contra as miñas irmás.
Febreiro 2021
As Neves
Carmen Méndez
(Neira de Rei, Lugo, 1979)
Actriz. Formouse inicialmente en Réplika Teatro (Madrid) e máis recentemente con Fernando Piernas e Fernando Franco. Estudou voz con Vicente Fuentes e tamén ten formación musical, estudou oito anos Violín no Conservatorio Profesional de Música de Lugo.
Comezou facendo teatro, primeiro en Madrid, en obras como La felicidad completa ou Vinum Sabbati e despois en Galicia, en As marxes da desgraza ou Escenas chejovianas. Traballou fundamentalmente no terreo audiovisual, en cine e na televisión. En televisión formou parte nos últimos anos das series Pazo de familia, Serramoura e máis recentemente Auga seca, unha coprodución entre Galicia e Portugal. No cine traballou en Pelerinaxes, de Simone Saibene e Bad Investigate, de Luis Ismael. Tamén participou en numerosas curtas e o ano pasado estreou o seu primeiro monólogo, Outras químicas.
A ACCIÓN: ROMPENDO O SILENCIO
"Mulleres. En silencio. Na rúa. No mercado. No bar. No ximnasio. No cine. Na casa. Mulleres. En silencio. Humilladas. Acosadas. Maltratadas. Discriminadas. Violadas. Matadas. Mulleres. En silencio. Con medo. Con dor. Con resignación. Sen liberdade. Sen futuro. Sen vida. Mulleres. Agora. Rompendo o silencio."
Rompendo o silencio é deixar de calar. Deixar de aceptar situacións como normais cando non o son. É unha acción enfocada a observar diferentes manifestacións da violencia de xénero, manifestacións que silenciamos cada día, que asumimos e aceptamos. E que entre todas e todos imos romper. Romper os silencios.
Existen moitas manifestacións da violencia de xénero. A acción vai encamiñada a escenificar exemplos de situacións nas que se manifeste unha actitude violenta con respecto á muller. Unha voz en off situaranos en diferentes espazos, que pode ser a rúa, un mercado, un bar, un ximnasio, un cine, unha casa. Escenificaremos esa situación... a voz en off axudará a contar cada minihistoria, ás veces só cunha palabra, outras con máis, outras berrará, outras insultará... Hai unha muller en silencio, que escoita esas voces, unha muller que ten medo, que chora, que se esconde, que se resigna, que está en silencio. Que está en silencio... ata que decide rompelo. Porque agora é o momento. É o momento de romper o silencio. E romper ese silencio será liberador, será sandador, será importante. E ela vaino facer. Porque ela é valente, porque ela ten forza, porque ela quere ser libre. Ela, que somos todas.
Febreiro 2021
Arbo
Xiana Arias Rego
(A Fonsagrada, 1983)
É xornalista, artista e escritora. Licenciouse en Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela. Exerceu como xornalista cultural na Radio Galega entre 2005 e 2020 e actualmente traballa en acción cultural coa cooperativa Urdime. Publicou os libros Ortigas (Espiral Maior, 2007) e Acusación (Galaxia, 2009). Participou nos artefactos colectivos Pirata e non conciliados do Cineclube de Compostela; tamén en publicacións coma Dorna, Xistral, Ligeia, Fanzine Cona ou no Festival da Poesía do Condado. É a voz de Sira en Sira e o robot nos tres primeiros volumes da serie. Formou parte do elenco do videoclip de Bótalle caldo, de Malandrómeda, realizado por Tremendo Audiovisual, e no filme A estación violenta, de Anxos Fazáns. Tamén foi membro da banda Atrás Tigre e actualmente traballa nun novo proxecto escénico, poético e musical xunto ao artista Berio Molina.
A ACCIÓN: PODO PERDERME NO VERDE
Poesía escénica na procura dun salto ou da consciencia da súa posibilidade. Hai voces que acusan, hai actos que ortigan, hai alguén que quere decidir que é o mellor para ti... pero escoita: podes perderte no verde e nin se decatan, porque só ti sabes do xesto que alí te deita.
Marzo 2021
Nigrán
Analía Beltrán i Janés
(Castellón, 1963)
É licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Artista multimedia, desde 2001 centra a súa actividade na arte de acción. Participou en numerosos festivais nacionais e internacionais coma Acción!MAD, en Madrid, en 2008 e 2014; a X Bienal de la Habana, en 2009 (Cuba); Inf'action Venice (Bienal de Venecia), en 2011, 2013, 2015 e 2017; Guangzhou Live 3 (China), en 2012; Live Action 8 Gotemburgo (Suecia), en 2013; Navinki International Performance Festival, Minsk (Bielorrusia), en 2013; Biennale Anzio e Nettuno, en 2015 (Italia); La Muga Caula, en 2016 (Cataluña); Reihe Neu-Oerlikon, Zürich (Suíza), en 2017; Perfomedia Bergamo (Italia), en 2018; Viglienasei Art Gallery, Siracusa (Italia), en 2018; ou Perfomedia Venecia, en 2019.
Tamén presentou o seu traballo en diferentes museos e centros culturais coma o Centro Atlántico de Arte Moderna (2018) e a Casa Colón (2019), nas Palmas de Gran Canaria; o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (2016); Matadero Madrid (2015); Centro de Arte José Guerrero, en Granada (2016); Museo Vostell Malpartida de Cáceres (2019); Medinaceli Centro de Arte, en Soria (2019).
Como traballo colaborativo forma, desde 2013, parella artística con Pedro Déniz no dúo Beltrán & Déniz. Foi creadora do colectivo hispanochino PACK (2016-2018), co ánimo de impulsar a colaboración entre as dúas comunidades desde a terreo da arte de acción.
Como labor de comisariado creou e organizou o Pequeño Evento de Performance Art (PEPA) que, desde xaneiro de 2018, se desenvolve en diferentes espazos de Madrid e no cal participaron artistas de diferentes tendencias e nacionalidades. Debido á situación excepcional que vivimos actualmente, desde agosto de 2020 pasou a ser un evento de performance en liña.
A ACCIÓN: CADEA
Un título alternativo sería Erros do pensamento quente. En psicoloxía o pensamento quente considérase aquel que é máis emocional e intuitivo, mentres que o pensamento frío é máis reflexivo e estratéxico. Nesta teoría, exposta polo investigador Walter Mischel, famoso pola proba do malvavisco, establécense as características destes dous pensamentos que posúe o ser humano.
O tema da violencia repítese a miúdo no meu traballo artístico. Podo dicir que reflexionei moito sobre casos concretos que coñezo de primeira man de mulleres que sufriron violencia e que me fixen bastantes preguntas sobre iso. Moitas teñen que ver co comportamento dos homes, pero tamén me pregunto que leva ás mulleres a quedar, a non fuxir do agresor. Ás veces son cuestións económicas, pero non sempre. E é nestes casos nos que talvez o pensamento quente, intuitivo, comete un erro. Un autoengano, unha mestura confusa entre desexos e crenzas.
Quero, a través da performance que presento, achegarme ao pensamento quente da audiencia cun traballo participativo e espertar a súa sororidade. Adoito usar obxectos sinxelos e cotiáns para construír metáforas visuais e de forte contido simbólico próximo á poesía visual, ao oxímoron. Para esta ocasión gustaríame que o público formase parte da acción como un medio para mostrar a necesidade de tecer unha rede de apoio que nos leve a corrixir eses "erros do pensamento quente".
Marzo 2021
Ponteareas
Twins Experiment
Ainhoa e Laura. Madrileñas. Twins. Fomos separadas ao nacer e reencontrámonos en 2014. Xuntas somos Twins Experiment. Xuntas facemos playlists, listas, debuxos, colaxes, esquemas, clubs, adhesivos, pezas. Tamén bailamos, inventamos xogos e, ás veces, compartimos piso.
Twins somos dúas e colectivo. Traballamos desde a afectividade, a telepatía e a horizontalidade. Ser twins permítenos correr riscos que non escolleríamos soas, xuntas convertémonos en superheroínas.
Twins Experiment foi fundado en 2014 por Ainhoa Hernández e Laura Ramírez. É un colectivo coreográfico no que desenvolvemos un traballo que ten moito que ver coa amizade, coa vida e cos afectos e que se materializa en tres pezas escénicas, laboratorios e un club de lectura.
O noso traballo baséase en facilitar un espazo no que poder traballar desde unha perspectiva colectiva e horizontal. Como dúo artístico abordamos a práctica da amizade en relación coa cuestión de como vivir xuntas. Ser amigas implica un compromiso, unha decisión, unha responsabilidade, unha complicidade. Ser amigas significa actuar como unha estrutura de apoio. Exploramos esta cuestión tras moitas horas de unión entrelazada. As nosas pezas non tentan resolver os problemas que expoñen senón presentalos no seu conxunto. Gústanos que o noso colectivo sexa flexible, mutable, poroso, que non se estableza nunha estrutura que encerre a nosa identidade.
Compartimos o noso traballo en contextos coma o Center for Performance of Research, Nova York; Arqueologías del Futuro, Barcelona; Museo del Chopo, Madrid; Zeitraumexit, Alemaña; INTacto, Madrid; La Poderosa, Barcelona; Antic Teatre, Barcelona; La Caldera, Barcelona; La Casa Encendida, Madrid; Matadero, Madrid; CA2M, Madrid; Conde Duque, Madrid; Teatros del Canal ou o Festival Living Room.
Recibimos o apoio de CA2M, La Casa Encendida, Axudas á Creación Coreográfica da Comunidade de Madrid, Centro de Danza Canal, La Caldera, Injuve, Iberescena ou PICE AC/E, entre outros.
A ACCIÓN: CONVERSA: CUARTO OU MORADA
Conversa: cuarto ou morada é unha adaptación da segunda peza do colectivo Twins Experiment no programa "Mulleres en acción. Violencia zero". Xira ao redor de tres conceptos que se relacionan entre si: conversa, encontro e playground. O noso modo de entender estes tres conceptos é desde unha práctica física que pon os nosos corpos en relación, converxencia e diverxencia, conflito. Nesta práctica física utilizamos o concepto de playground ou campo de xogo como contedor do noso encontro, un encontro entre dous corpos que conversan. Un lugar onde desenvolver as nosas habilidades dialóxicas que van desde saber escoitar ata chegar a acordos e tamén xestionar os desacordos.
Ademais, o concepto simbólico da habitación remítenos ao espazo do fogar, que no ámbito da violencia é un aspecto crucial, ao transgredir o ámbito íntimo/privado para adoptar unha relevancia pública e política.
Abril 2021
Redondela
Laura Villaverde
(Tui, 1984)
Codirectora da compañía escénica transmedia ArtesaCía, é unha actriz con carreira no teatro e no audiovisual. Licenciada en Arte Dramática pola ESAD, a tudense completou a súa formación no campo da interpretación en Nova York (2010-2012) da man de Anne Bogart, entre outras grandes da escena mundial. Os seus últimos traballos son a produción do Centro Dramático Galego Neorretranca e Posmorriña, dirixida por Gena Bahamonde, ou Chola, a It Girl e Illas desertas,da súa compañía. Moi pronto poderemos vela no filme Ursúas, dirixido por Roi Fernández.
A ACCIÓN: PANOS DE VINAGRE
"A miña bisavoa Xenerosa disque pasou media vida poñéndolle panos de vinagre á súa filla, para axudar a sandar os moretóns que lle facía o seu home en cada malleira. Na miña casa a expresión ‘porlle panos de vinaghre' forma parte do ben inmaterial familiar, tan ou máis valioso que calquera monte de carballos que che deixan de herdanza nun outeiro soleado. É raro que un ben inmaterial tan venerado nacese dalgo tremendamente tráxico e violento, pero o caso é que esa expresión espertou en min a conciencia feminista e a necesidade de defender os dereitos da muller tanto na miña vida coma nas miñas pezas artísticas. Sempre que cheiro o vinagre, inconscientemente, venme unha imaxe chea de cariño dun pano enchoupado en vinagre sobre un corpo feminino e uns ollos maternos que conteñen impotencia e ira. Hoxe Xenerosa podería estar observando dende lonxe, mentres toma a súa cunca de viño, como a súa acción irradiou ata chegar á súa terceira xeración.
De seguro que a túa familia tamén che deixou un ben inmaterial parecido ao meu. Que tes pensado facer con el?"
Abril 2021
Silleda
Arantxa Treus
(Vigo, 1975)
Formouse como actriz na Artística (Vigo) e na Escola de Arte Dramática Arte 4 (Madrid), onde estudou voz e interpretación audiovisual con mestres coma Jorge Coira, Mariana Carballal ou Luis Gimeno. Na televisión traballou en Gondar, Serramoura (TVG) e Fariña (A3), e no cine en Catalina, de Mario Iglesias. Participou nunha ducia de curtametraxes, rodadas en Galicia, Madrid e Tenerife. Ten experiencia en teatro clásico con pezas de Chéjov e de García Lorca da man de Jesús Calvo e Alfredo Rodríguez. Foi presentadora en Lo sabe todo Vigo de Localia TV, en Quérote tanto da TVG e nun feixe de galas de moita sona. É cofundadora da compañía infantil Falabaratas e de Enconarte Producciones, coa que representou Non é país para conas, e actualmente está de xira con Monstruación.
A ACCIÓN: SORPRESA
Sorpresa é unha peza feita por mulleres para falar de mulleres. Coa escusa dunha festa viaxaremos pola vida de Nora, unha muller que deixou a súa profesión para exercer de nai, unha muller educada no catolicismo feroz e no patriarcado, unha muller medicada e unha muller intelixente, riquiña e sensible e con intensas ganas de xogar, vivir e amar. Vinte minutos de carrusel emocional con moitas risas, mais tamén moita emoción, nun espectáculo interactivo sen pelos na lingua, que aborda o apoderamento dunha muller.
Compañía: Enconarte Producciones
Autoría: Arantxa Treus e Déborah Vukušic
Dirección e escenografía: Déborah Vukušic
Estilismo: Jandro Villa
Elenco: Arantxa Treus (Nora) e Xurxo Cortázar (voz en off)
Lingua: galega
Duración: 20 minutos
Maio 2021
Caldas de Reis
Andrea Michaelsson "Btoy"
(Barcelona, 1977)
Btoy crea esterxidose intervencións urbanas desde 2002. Os seus murais, carteis e teas a miúdo mostran mulleres iconas da cultura pop, dispersas polas rúas, galerías ou institucións de diferentes cidades europeas, americanas ou asiáticas.
Formada en Fotografía polo Instituto de Estudos Fotográficos de Cataluña (IEFC), disciplina implícita no seu proceso creativo, empeza a pintar nas rúas da escena barcelonesa underground e colorista, de constantes transformacións urbanísticas, que a leva a intervir en múltiples espazos abandonados ou en proceso de demolición para desenvolverse de forma autodidacta como artista plástica, combinando tamén o traballo no obradoiro, creando os carteis e esterxidos multicapa.
A Btoy interésalle intervir aqueles espazos de ruínas, fábricas abandonadas, espazos de produción e explotación económica parados, suspendidos no tempo. "Non é só pintar, tamén implica descubrir, perderse por espazos que aparentan estar fóra das normas ou respiran certa liberdade e unha reflexión á memoria, aínda que sexa unha fugacidade temporal".
Aspirantes a estrelas de Hollywood dos anos corenta, flappers como estereotipos de mulleres liberadas ou pioneiras da aviación, activistas, todas elas buscaban espazos de liberdade, memorias contrapostas que se converten na eterna fugacidade da vida.
En Londres, ademais de expor en Pictures on Walls, participa en The Cans Festival, en colaboración con Banksy . Como espazos destacables, expuxo no Museo Bundeskunsthalle, de Bonn, na Tour 13 e é artista da Galerie Itinerrance, en París.
No ámbito pedagóxico ou educativo, colaborou en diferentes proxectos, coma en " Difusor", en diferentes institutos públicos de Barcelona; no Museo Nacional de Arte de Cataluña (MNAC); no proxecto "Creadors en Residència", impulsado polo Instituto de Cultura de Barcelona (lCUB) do Concello de Barcelona; no proxecto "Cartima", do IES de Cártama (Málaga), pola Junta de Andalucía; no proxecto mural na Escola de Deseño Elisava, de Barcelona; ou no proxecto "12 artistes + 12 escoles", en Castelló, en colaboración con MIAU Fanzara, entre outros.
A ACCIÓN: EN BRANCO… A VIOLENCIA SIMBÓLICA
"A miña arte baséase na crenza dunha enerxía universal que corre a través de todas as cousas (…). As miñas obras son as veas da irrigación dese ¿uído universal. A través delas ascende o zume ancestral, as crenzas orixinais, a acumulación primordial, os pensamentos inconscientes que animan o mundo. Non existe un pasado orixinal que se deba redimir: existe o baleiro, a orfandade, a terra sen bautizo dos inicios, o tempo que nos observa desde o interior da terra. Existe por encima de todo, a procura da orixe"(Ana Mendieta).
A violencia machista e o terror nos medios de comunicación presentan os aspectos con¿itivos das relacións sociais e pon de relevo o emprego da forza e do poder sobre as mulleres para controlar, illar, dominar, provocar ou aniquilar. É unha violencia que demostra quen pode facer que contra quen, sen pagar as consecuencias, e pode cultivar tamén un sentimento de forza ou vulnerabilidade ao dar unha imaxe da lei do máis forte na sociedade.
A misoxinia debe considerarse unha enfermidade histórica e un mecanismo de defensa do xénero masculino ante a inquietude e o temor que a muller lle ocasiona. Nestas condicións os mecanismos de submisión e dominación da muller revístense dun proceso de dobre dimensión. A agresividade cara á muller convértese nunha consecuencia lóxica dunha mitoloxía na que o feminino se considera destrutivo e malvado.
BTOY inspirarase nesta reflexión para realizar a súa intervención mural, visibilizando a loita contra esas violencias simbólicas, tan presentes na nosa sociedade actual.
Maio 2021
Lalín
Yara Juncal (BOMBOX)
(Cangas, 1983)
Coreógrafa e bailarina de danzas urbanas, é profesora e codirectora de Boombox Danza Urbana.
A súa formación é continua, e recíclase en numerosos cursos de danzas urbanas, impartidos polas coreógrafas e coreógrafos máis destacados da escena internacional.
Formada en Nova York, Los Ángeles, Londres, Portugal e Barcelona, na súa última viaxe a California formouse nas mellores escolas de Los Ángeles e San Diego con coreógrafas e coreógrafos de prestixio como Mariel Madrid, Keone Madrid e Carlo Darang, no seu estudio Building Block.
Leva exercendo de forma continuada desde hai 20 anos; conta cunha dilatada traxectoria na que experimentou diferentes disciplinas de danza que lle permitiron moldear o seu particular estilo, caracterizado por liñas moi redondas, traballo de chan e diferentes texturas, sempre cunha coidada musicalidade e elaboración coreográfica.
Nos últimos anos tamén impartiu obradoiros en distintas escolas de Galicia e Portugal e formou parte do xurado do Concurso Dancestyle, en Asturias, en todas as súas edicións. O seu grupo de competición, ChocoFlavahh, obtivo un segundo posto na categoría absoluta no I Vi-kul Dance Challenge Ciudad de Vigo.
Foi bailarina e coreógrafa dos vídeos musicais Libre, Nunca es demasiado tarde, Pelexa, Cansada e Shh, da artista de hip hop Soul Wöyza. Tamén forma parte do equipo desta artista como bailarina e coreógrafa dos seus directos.
Actualmente imparte clases regulares na súa escola de Cangas, Boombox Danza Urbana, e en Pontevedra, no Getting Jiggy Dance Studio.
A ACCIÓN: MULLERES NAS DANZAS URBANAS
Reflexión desde a danza sobre as desigualdades que experimentamos as mulleres dentro da cultura e as danzas urbanas, ampliándoas a todos os ámbitos nos que a muller se ve desprazada a un segundo plano, onde aprende a comportarse como a sociedade demanda e non tanto como un ser totalmente libre.
Xuño 2021
Bueu
Milu Correch
(1991, Buenos Aires, Argentina)
Milagros Correch, máis coñecida como Milu, naceu e vive en Bos Aires, Arxentina. No ano 2011 empezou a pintar os muros desa cidade. Hoxe en día realiza murais de grandes dimensións ao redor do mundo, cargados de memoria, nostalxia e reivindicación social. Numerosas cidades europeas e algunha galega, coma Carballo, contan con intervencións súas. O papel da muller xoga un factor importantísimo dentro da obra de Milu , xa que é protagonista na maioría das súas creacións; por outra banda, dalgunha maneira o seu traballo réndelle constantemente tributo á figura humana, acompañada da natureza, con animais e, en ocasións, plantas.
É recoñecida a nivel internacional polos seus murais e ilustracións a grande escala. En 2017 unha das súas obras realizada nun barrio da cidade de Quilmes foi recoñecida como un dos sete mellores murais do mundo pola web especializada Street Art Today de Holanda.
A ACCIÓN: A CONTRADICIÓN COMO POTENCIA
Aquilo que se atopa nas marxes, fóra do ollo transparente, do visible e que no abandono florece. A ambivalencia múltiple do que escapa á captura, á etiqueta e perturba o mundo controlado. Seres e espazos múltiples que deveñen outra cousa por fóra da luz do farol capital.
Xuño 2021
Tomiño
Esther F. Carrodeguas
(Rianxo, 1979)
Actriz, directora, perfomer, pero sobre todo escritora. Rianxeira de pura cepa, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. Tamén o seu estilo cabalga entre os lindes que separan os xéneros. Fundou a compañía universitaria Teatro da Falúa e dirixiu Teatro Airiños desde 2011 ata 2019. En 2015 gañou o Premio Abrente para Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia coa peza Voaxa e carmín, na que desvela a historia de Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, as coñecidas como Marías de Santiago de Compostela. Este feito fará que se embarque xunto a Xavier Castiñeira na plataforma profesional ButacaZero, que se dará a coñecer o ano seguinte coa estrea da peza no castelo de Ribadavia en coprodución con Eme2 e a propia Mostra. Desde ButacaZero téntanse desenvolver proxectos que dialoguen directamente co mundo que nos toca vivir. Na actualidade compaxina a súa faceta como empresaria e creadora co seu traballo como docente e profesional para compañías externas como directora, dramaturga ou guionista de cinema.
A ACCIÓN: SINAIS
sinal
substantivo masculino
1. Cousa que é utilizada para indicar algo ou que por si soa indica algo. Estas nubes negras son sinal de tormenta. SINÓNIMO indicio CONFRÓNTESE asomo Fai un sinal para non perder a páxina do libro. SINÓNIMO marca Un elevado número de analfabetos é un sinal de subdesenvolvemento. CONFRÓNTESE proba, síntoma
2. Xesto con que se quere indicar algo a alguén. Fíxonos un sinal para que calaramos. SINÓNIMOS aceno, indicación
3. Marca deixada por unha ferida. Quedoulle un sinal na cara. SINÓNIMO cicatriz
4. Física Variación dunha magnitude física que permite transmitir información. O cerebro comunícase por sinais eléctricos. Aquí non se recibe ben o sinal da radio.
Hai sinais que nos amosan o que ha de vir, e outros que nos amosan o que foi. Deixan sinais as feridas pero tamén hai sinais que sinalan.
Partindo desta sutileza gramatical, nesta acción de rúa un mesmo debuxo pode ser o augurio do que foi ou do que será, o cal lle permite a Esther F. Carrodeguas reflexionar sobre a maneira na que somos quen de ver (ou non) os sinais que a vida nos ofrece para protexernos ou para recordarnos a ferida que se nos provocou. Porque os sinais non deixan de ser xamais un xeito de comunicación.
Xullo 2021
Poio
Nastasia Zürcher
(Xenebra, Suíza, 1988)
Vocalista e compositora galego-suíza, é graduada en Canto, Interpretación e Técnicas de Escenario na Escola Internacional de Artistas de Jesús Yanes, CEV (Madrid). Galardoada cos Premios Martín Códax da Música polo seu traballo musical, publicou dous discos de autoría propia, e actualmente está a traballar na produción e gravación do seu terceiro álbum de estudio. Artista libre e curiosa, cantante ecléctica e amante das fusións, ofrece unha visión pura, honesta e persoal da comunicación e unha conexión emocional a través da música.
ACCIÓN ARTÍSTICA: FÂM FLÔR
Música floral,
fiada de raíces,
desprendendo o seu aroma de liberdade.
Sumando capas rítmico-musicais, con voz cantada e recitada, Nastasia Zürcher invítanos a construír o templo dunha muller florecida desde o seu crecemento, apoderamento e fortalecemento até o seu florecemento en vida. Con delicadeza, teceremos unindo voces este o noso mesmo canto: o do ser libre, de decidir sobre a súa vida, o canto da muller florida e florecida, o canto dunha Fâm Flôr.
Xullo 2021
Marín
Sue Moreno
(A Coruña, 1977)
Trapecista e actriz, fórmase entre A Coruña, a súa cidade natal, e Madrid en escolas como as de Carmen Senra, Carampa e Charivari, centrándose en danza contemporánea, teatro xestual e técnicas aéreas de circo.
Traballa profesionalmente desde 2001, de xira con varios espectáculos e diferentes compañías por toda España, Portugal, Francia e Irlanda.
Actualmente traballa en dous espectáculos: 4.0 e Ikigai, o primeiro da compañía SU.MA, creada xunto á súa compañeira María Move. Tamén dirixe a súa propia escola de acrobacias aéreas.
A ACCIÓN: 4.0
Espectáculo apto para todos os públicos que combina as acrobacias aéreas, o teatro, a danza e a canción en directo.
4.0 fala de conciliación e das desigualdades, con amor... e humor. A historia preséntanos unha muller no seu día a día tentando conciliar traballo e maternidade e mostrando as mil caras desta etapa tan complexa na nosa sociedade desde unha mirada feminista á vez que divertida, tenra, honesta e, por momentos, absurda.
Agosto 2021
A Illa de Arousa
Xoana
(O Porriño, 1998)
Aos meus 22 anos estou inmersa nun proxecto musical que ten como principal aliada a lingua galega, promocionando o seu uso coa axuda de ritmos coma o pop, o rock, o jazz, o funky e mesmo o reggae. Dardos é o disco co que acabo de irromper no mundo da música e utilízoo como un medio de denuncia. Todas as cancións xiran arredor de temas actuais que precisan ser escoitados; e que mellor que a música para invitar a realizar cambios!
A diversidade de cancións e estilos está sempre presente nas distintas composicións, polo que o disco goza de riqueza musical e temática.
Son os prexuízos e a ignorancia os que limitan un idioma, e é ben sabido o sufrimento que estes lle causaron ao longo dos anos á cultura de Galicia; por iso, empéñome en demostrar a súa valía a través deste disco.
Desde tempos inmemoriais voces antigas loitaron por un galego digno de Galicia e por un recoñecemento do prestixio idiomático. De aí que me sume a tal causa, xa que unha lingua crece día a día e necesita ao seu carón as ferramentas e os apoios precisos para desenvolverse nesta actualidade nosa.
Todas as cancións teñen unha mensaxe social e expresan o título cunha soa palabra, a modo de dardos pequenos pero precisos. Temas coma Mártires teñen presentes os laios de todas aquelas mulleres vítimas da violencia machista; Anceios visibiliza aquelas persoas que teñen a obriga de marchar fóra da súa terra na procura doutra á que poder chamar fogar; Egoísmo reflicte un mundo engordado por complexos e envexas...
Por outra banda, Dardos está orientado a achegarlle á mocidade a música galega e en galego para que a sintan como algo propio, de xeito semellante ao que eu experimentei.
A ACCIÓN: DARDOS EN FEMININO
A figura da muller está presente en todas as miñas experiencias e estas reflíctense na miña música. É inevitable obviar o gran papel que exercemos na sociedade e é por iso polo que o reivindico a modo de cancións. Esta vez, os dardos soarán por todas nós.
Agosto 2021
Baiona
Najla Shami
(Santiago de Compostela)
Vocalista e compositora, filla de dúas culturas: palestina e galega. Interesada pola música desde nena, comezou os seus estudos no Conservatorio de Música de Ourense e a cantar con nove anos. A súa voz foise influenciando paulatinamente por estilos coma o jazz, o funk, o blues e o pop. Estuda Educación Musical na Universidade de Santiago de Compostela e Jazz e Música Moderna no Estudio Escola de Música (Santiago de Compostela). Tamén afonda na técnica vocal e na súa pedagoxía, calidades da voz, prevención, detección e recuperación de enfermidades da voz coas instrutoras Helen Rowson, Alexandra Morales e a foniatra Marisa Lois a partir da técnica vocal de Jo Estill.
A partir dese momento comeza a participar en diversas actividades tanto en solitario coma formando parte de diversas bandas, entre as que destacan os traballos polifónicos no Coro da Rá, Coro da Agemm ou o quinteto vocal de jazz Os Tristáns. Estas actividades levarana a Noruega, aos Estados Unidos, a Xordania, á India, a Portugal, ao Xapón e, entre 2003 e 2011, a colaborar en numerosas publicacións, incorporando paulatinamente novas in¿uencias na súa linguaxe, achegando sons do Brasil, África e Oriente Medio que, mesturadas ás súas raíces e ao jazz, terán unha fonda pegada na súa evolución. Nesta etapa destacamos arredor dunha vintena de publicacións e abundantes participacións con músicas e músicos de diferentes latitudes en festivais coma Estou Lá, Festival da Lusofonia ou Terra da Fraternidade, Homenaxe a Zeca Afonso ou o exitoso CoraSons (Kalandraka e Afrontamento, 2013), así como o concurso de televisión Oh Happy Day! 2015, no que participou como xurado na versión galega do programa.
O seu primeiro traballo publicouse en 2013. O libro-disco Na lingua que eu falo (Editorial Galaxia) é unha ollada elegante e profunda aos poemas da poeta galega Rosalía de Castro. Nesta obra a compositora recolle a súa bagaxe musical para conformar unha obra íntima e delicada, o que lle valeu a candidatura como ¿nalista nos XIII Premios Opinión de Música Folk nas categorías de Mellor Novo Artista e Mellor Tema Orixinal.
En 2016, guiada pola súa crecente curiosidade e pola necesidade de aprender máis sobre as súas raíces, decide mudarse temporalmente a Xordania e unirse ao Conservatorio Nacional de Música para estudar as materias de Canto Árabe e Teoría da Música Oriental e á Crescendo Music & Art Academy, onde imparte obradoiros e clases de técnica vocal individual. Así nace Ela sabe a sol (Editorial Galaxia, 2019), o seu máis recente álbum, froito desta estadía. Unha mostra da marabillosa mestura de culturas que caracteriza a Najla Shami é o Premio Martín Códax da Música ao Mellor Disco de Músicas do Mundo de Galicia, que recibiu na súa sétima edición.
A ACCIÓN: PALABR(A)
Unha conversa que xorde da necesidade de expresar a forma do mundo na boca dunha muller usando a poesía e a música como vehículo e arma.
Setembro 2021
Salvaterra de Miño
Xiana Vilas
(Vilagarcía de Arousa, 1981)
É licenciada en Danza Clásica polo Conservatorio Antonio Ruíz Soler, posteriormente homologa o seu título de danza no Institut del Teatre de Barcelona, na rama da Interpretación e Coreografía da Danza Contemporánea. Fórmase ademais en Danza Moderna e Interpretación. Actualmente imparte clases de Danza Contemporánea no Espazo de Danza da USC e coreografía as pezas para a súa compañía; tamén é docente no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. Pertence á equipa de dirección do festival de danza Herdanza, que pretende promocionar a danza contemporánea e dar a coñecer o talento galego neste eido.
Na súa carreira como bailarina e coreógrafa centra o seu interese na creación contemporánea e na investigación do corpo e o movemento como medio de expresión. En 2009 funda Cisma xunto con Isabel Sánchez, unha compañía na que realiza traballos arredor do corpo desde unha perspectiva filosófica e artística. Con Cisma presentou as producións Entre nanas e escombros (2009), Un disfrace equivocado (2011) e Absentia (2017) e colaborou en proxectos coma Xanela e Umbrales en colaboración con Konik Theater, onde se exploran as novas tecnoloxías na danza.
Colabora, así mesmo, con diferentes artistas: en 2015 co quinteto Zoar, proxecto no que coreografía e interpreta xunto con Alfonso Rivera Elementa, e coa cantante Carmen Pením baila e coreografía Herdeiras, un concerto que homenaxea as mulleres que sufriron na Guerra Civil e na posguerra.
Interésase por temas relacionados coa igualdade. Entre o ano 2017 e 2018 é membro da Comisión de Igualdade e Xénero da Facultade de Psicoloxía da USC. A súa confianza na capacidade da arte como fonte xeradora de experiencias transformadoras lévaa a participar en diferentes programas socioeducativos co nome de "Danza contemporánea para a igualdade". Participa así no programa "Sempre vivas e visibles" e "Igual-Son" subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade.
A ACCIÓN: MALDITA FENDA
Maldita fenda de xénero.
Esa fenda que aparece por simplemente ser. Maldigo a nova escravitude nas redes.
Maldigo as inxustizas e as violencias, esas que crean sucos, e deixan pegadas na pel e na memoria e fan fermentar as nosas cicatrices.
O poder autoritario da soidade, maldígoo.
Pola contra, a sororidade é un impulso para saír, por mudar, unha nova ollada, un resquicio de esperanza.
Setembro 2021
Vilagarcía de Arousa
Macarena Montesinos
(Vigo, 1982)
É violonchelista, improvisadora, artista visual e investigadora no campo da arte sonora. Graduouse en Belas Artes e actualmente docente investigadora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo, onde estuda a relación e as correspondencias que existen entre as partituras gráficas e a improvisación sonora.
Integrante dos grupos de improvisación sonora 23 RedAnts, do cuarteto de corda Suelen Estar Quartet, do trío Fonogenia e do dúo de sonorización en directo de cinema 16mm. É membro das orquestras de improvisación dirixida Metamovida, a Orquestra de Música Espontánea de Galicia (O.M.E.Ga) e a Orquestra Galega de Liberación. Ata a data publicou máis dunha ducia de discos en selos discográficos europeos e americanos coma Creative Sources (Portugal), Pan y Rosas (Estados Unidos) ou Setola de Maiale (Italia), entre outros.
No ámbito da arte de acción desenvolveu varias accións en solitario coma Unha e 2 cadeiras e Memorias dunha amnésica, unha conferencia performativa presentada dentro do ciclo Discursos en Acción, no Númax de Santiago de Compostela e na Fundación Manolo Paz, en 2020. No outono de 2019, xunto co artista sonoro Berio Molina, levou a cabo o proxecto "Piqui Piqui" nas Residencias Paraíso do Colectivo RPM, na Sala X de Pontevedra. Así mesmo, tamén colaborou en propostas de María Roja e Alba Blanco.
Sempre interesada nas artes escénicas, leva máis de quince anos traballando en espectáculos de danza contemporánea das coreógrafas Mercé de Rande, Mónica García, Ánxela Blanco e Nuria Sotelo. Ademais, desenvolveu as creacións e investigacións coa axuda de diversas en residencias artísticas coma a Tanzhaus de Zürich , a Casa Dimitri en Verscio (Suíza) e Azala, Espazio de Creación, en Áraba.
Así mesmo, traballou na composición e interpretación de bandas sonoras como a de 9 fugas, de Fon Cortizo, Sea Beasts, de Felipe González, ou Linko. A nivel estatal presentouse o ano pasado en Sitges a curta Cariño, de Anxo Gómez, na que participou como intérprete da man do compositor Xesús Díaz.
A ACCIÓN: LIBRE
Libre é dunha acción sonora creada ex profeso para "Violencia zero". A violonchelista e improvisadora Macarena Montesinos atopa na arte a maior forma de liberdade. A mellor versión dela mesma compártea en escena. Deitase á intemperie atenta ao descoñecido e ás posibilidades sonoras do espazo. Acciona para desaparecer e crea desde o ruído ou o silencio. Entende a arte como un fin en si mesma, xa que a propia experiencia da arte é o modo de modificar a capacidade perceptiva que afecta o real. Unha ferramenta de cambio desde a propia vivencia da arte.
Outubro 2021
Gondomar
Rut Balvís
(Ourense, 1979)
Premio da Crítica de Galicia de Artes Escénicas 2019.
Creadora-coreógrafa, intérprete e docente en Artes do Movemento, é licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e realiza o One Year Certificate in Contemporary Dance en The Place (Londres).
Desde 2004 dirixe a súa propia agrupación, Pisando Ovos, coa que recibe o primeiro premio do XXI Certamen Coreográfico de Madrid no 2007. A compañía conta con nove creacións coas que participa de forma habitual nas redes de teatros autonómicas e nacionais, así como nalgúns dos festivais nacionais ou internacionais máis destacados do panorama actual das artes vivas.
En paralelo ao seu proxecto con Pisando Ovos colabora na dirección e asesoramento de movemento con outras compañías de teatro e danza como Las Tricotouses, Chévere, Traspediante, Voadora, Paula Quintas, Masamadre ou o Centro Dramático Galego; e tamén como intérprete con Matarile Teatro, Iker Gómez, Lipi Hernández ou Licenciada Sotelo.
Rut participou en diferentes proxectos audiovisuais coma os vídeo-danza Danza na terra (Vilaboy) e Katiuska (Antón Coucheiro), ou na curtametraxe Marcela e Elisa de Toño Chouza.
Como docente dirixiu a Aula de Danza Normal da Universidade da Coruña durante trece anos e actualmente forma parte do equipo docente de formación profesional de Danza do Laboratorio Escénico Coop. da Coruña.
Ademais é integrante do colectivo RPM e colaboradora habitual na sección de artes do movemento do Diario Cultural da Radio Galega.
A ACCIÓN: PEL CONTINUA
Imaxino corpos que se tocan, que se acariñan, que se apertan, que se mesturan.
Imaxino que eses corpos non se preocupan nin polo xénero nin pola forma que teñen.
Imaxino que pechamos os ollos e conseguimos ver a través das nosas mans. As nosas mans en contacto coa pel deses corpos.
Imaxino que tocarnos é normal. Imaxino que a pel continúa no corpo seguinte e que se estende nunha masa que respira en colectivo.
Imaxino corpos gozando de moverse, de moverse sen precisar o porqué ou o para quen. Un movemento esperto e compartido que contaxia.
Imaxino que o que imaxino sucede de verdade.
Outubro 2021
Soutomaior
Stephy Llaryora
(Florida, Miami, EE. UU., 1981)
De familia arxentina, vive en España desde os catro anos e reside en Vigo.
Licenciada en Arte Dramático pola RESAD de Madrid e cun Máster en Interpretación Ante a Cámara na Central de Cine de Madrid.
Actriz, bailarina, humorista, guionista e produtora, a súa traxectoria artística sempre tivo como eixo a interpretación. No ámbito teatral podemos mencionar traballos como Mihura por cuatro y la cara de su retrato (dirixida por Ángel Facio e Sergio Macías no Teatro Español de Madrid), entre outros. No plano audiovisual participou en producións como La Duquesa TV Movie (dirixida por Salvador Calvo) ou Hermanos y detectives (dirixida por Juan Pablo Lacroze).
Desde o 2011 ata o 2017 desenvolveuse nela, paralelamente á súa vocación de actriz, a inquietude polo guión cómico e a súa interpretación a través do xénero da stand-up comedy, razón pola cal se formou tamén neste campo (na EOC de Madrid) para iniciar unha andaina no mundo da comedia que comezou coa súa gravación para o programa Open Mike de Paramount Comedy.
Tras varios anos vindo frecuentemente a Galicia de xira cómica, termina afincándose en Vigo hai cinco, e recupera o fío actoral coa súa primeira produción Loló e mamá (2018), fundando a produtora galega De Ste Xeito. Continúa a súa andaina como produtora e actriz con Running (2019) e mais cunha terceira peza neste 2020, Feminíssimas.
A ACCIÓN: A-TRAGOAD-A
Reflexión e viaxe ao noso interior para investigar sobre o silencio, descubrir o que non dixemos e por que e liberar o que estivo atragoado. Que estruturas nos tentan facer calar, e que palabras, como mulleres. Que calaron e por que as que estiveron antes que nós, que silencios e culpas ancestrais, que hoxe estamos a conseguir superar, nos atravesan e nos atragoan...
A violencia contra nós, a violencia de calar, de facer calar, de que ou quen nos fixo calar. A violencia que tivemos que sufrir, a violencia do silencio. O penoso xerme doutras tantas violencias. Diálogo interno e escénico, en conflito sobre o que me digo, o que me din, o que non digo e o que nos impediron dicir, en camiño a liberar hoxe a nosa voz e DICIR, EMITIR, FALAR, SER no mundo, en TOTAL LIBERDADE.
Recoñecer o que non se puido dicir e dicilo hoxe. Facerlle perder o poder ao secreto, recuperar o PODER DE FALAR e o de escoitar. Sentir e nutrirse da experiencia doutras, tan importantes para medrar, porque a dor non foi en van.
Ser o dicir, dicir o que se é.
Recoñecer a vergoña, a que se nos tentou implantar como mulleres, a vergoña do silencio, atragoada na garganta. Mirala, hoxe, de fronte, como ferramenta terapéutica para disolvela, rompela, transcendela. Mulleres transformadoras somos, nun berro ou nun murmurio. Apoderar a nosa voz, o noso son, o son do noso corpo, a vibración das nosas células ao falar, dicir. Apoiarnos e mirarnos de verdade. Ao noso interior, e recoñecendo a todas as demais, xuntas.
Novembro 2021
Vilaboa
Clara Ferrão Diz
(Tui, 1986)
Intérprete, docente e creadora de danza contemporánea.
Comeza os seus estudos de danza clásica con catro anos. Achégase á danza contemporánea en Madrid no ano 2003.
Titulada polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma, en Madrid, en Ensinanzas Profesionais, na especialidade de Danza Contemporánea. En 2015 realiza o mestrado en Danza e Artes do Movemento na Universidade Católica Santo Antonio de Murcia.
Complementa a súa formación asistindo a festivais coma Deltebre Dansa, corpo(a)terra, Cercanías Contact Festival, Asturias Contact Festival, Danzad, Danzad, Malditos e realizando distintos obradoiros con profesionais e compañías internacionais nos que traballa distintas técnicas de danza, teatro, improvisación e creación.
Como bailarina cómpre destacar a súa participación en eventos coa Fura dels Baus ou na peza Garage da compañía de teatro Voadora. Tamén traballa de forma colectiva como coreógrafa e bailarina colaborando con Shaddai Teatro, Cisma Danza, La Incidente D-T, Licenciada Sotelo ou Maximiliano Sanford.
A súa peza Pies de plomo, coa que viaxa a México, foi premiada no Certame Coreográfico Distrito de Tetuán e no Certame de Artes do Corpo de Ourense. Así mesmo, recibiu o Premio á Mellor Intérprete no certame La Espiral Contemporánea de Santander 2019 e no DZM '18 coa peza Miñaxoia.
Actualmente traballa coa compañía Al-badulaque de Cáceres, na nova produción Serrana, compaxinando a súa traxectoria profesional como bailarina coa da ensinanza, impartindo clases regulares, obradoiros e jams en diferentes centros e festivais, presidindo a Asociación de Danza de Gondomar, organizando eventos como Gondomar en Contacto e Movémonos e continuando a súa propia formación.
A ACCIÓN: VICISITUDE
A peza está inspirada na seguinte reflexión:
"[...] os conceptos non están na natureza, non poden ser atopados observando os fenómenos, senón que son ideas que elaboramos para interpretar o que observamos.
O ser humano tende, pola súa propia natureza, a interpretar os sucesos do mundo tratando de entendelos. Para iso, a súa mente xera ideas que organiza como modelos e teorías que lle permiten explicar os feitos observados.
Cando unha persoa observa un feito da realidade [...] a través dos seus sentidos capta datos que constitúen información. Logo incorpora esta información a un modelo dunha situación que, de xeito máis ou menos consciente, constrúe.
Os modelos son construcións mentais que se refiren a unha parte da realidade que se illa (imaxinariamente) do resto para entendela. [...]
Mecánica básica. Fuerza y movimiento
Lic. Lorenzo Iparraguirre
Gemma Marqués
(Burgos, 1981)
Desde 2009 vivo e traballo en La Casa Taller, un espazo de creación alternativo a carón do mar na Guarda, en Pontevedra, que ten por obxectivo dinamizar o rural culturalmente.
Estudei Belas Artes na especialidade de Pintura na Universidade de Vigo.
A miña carreira artística céntrase na creación pictórica, no muralismo, na docencia e na difusión das mulleres anónimas e tamén das creadoras. En 2019 acabei o curso de posgrao na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) "Historia da arte en feminino. A muller artista na historia: unha proposta para educación en igualdade de xénero". En 2018 editei un libro do meu proxecto "Anónimas, retratos de musas cotiás" e pintei varios murais do mesmo proxecto para visibilizar as mulleres rurais. Tamén imparto regularmente cursos sobre mulleres artistas e arte feminista.
Laura Romero
(Alicante, 1991)
Ilustradora autónoma, urban sketcher e música licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de Pintura. No 2016 comeza a súa traxectoria profesional como ilustradora e a etapa como baixista da veterana banda de rock Zënzar. A meirande parte do traballo de Laura como debuxante está relacionada coa música dalgún xeito: desde carteis de concertos e festivais ata ilustracións de libro-discos para nenas e nenos, pasando polos seus proxectos propios.
"Músicas galegas ilustradas" é o seu proxecto persoal máis coñecido, creado no ano 2017 co obxectivo de visibilizar o papel das mulleres do panorama musical galego actual mediante ilustracións. A serie de retratos (que está complementada por actividades coma a creación de gráficos, onde se analiza a participación de mulleres e homes nos escenarios galegos, ou actividades no ámbito escolar) segue activa actualmente. Foi recentemente galardoado co Premio Martín Códax ao mellor proxecto de comunicación e difusión musical.
De "Músicas galegas ilustradas" nace a idea de editar un libro dedicado ás músicas que foron pioneiras e abriron camiño ao longo do século XX. Ferreñas e Rock'n'Roll, que foi premiado no Concurso de ideas "Luísa Villalta" de proxectos culturais pola igualdade, viu a luz finalmente en outubro de 2019. Editouno Baía Edicións e a redacción estivo a cargo da escritora, crítica literaria e tradutora Iria Pedreira.
Actualmente móvese por diversos eidos artísticos, desde a ilustración editorial ou a ilustración in situ ata o debuxo en directo en espectáculos infantís como ilustradora do músico Pakolas, pasando tamén por diversas actividades musicais e didácticas levadas a cabo desde a banda Zënzar.
LA ACCIÓN: COIRO
‘Pel curtida e preparada para diferentes usos, como a fabricación de instrumentos musicais. Coloquialmente, tamén fai referencia á pel das persoas'.
Cando levamos a vista atrás comprobamos que as mulleres foron un piar imprescindible na nosa historia. A muller labrega traballaba arreo no agro, pero tamén na casa, coidando da súa familia e dos animais. Tampouco dubidaba no caso de ter que pelexar e loitar para defender a súa terra. Curtida e resistente coma o coiro, foi o piar invisibilizado, pero imprescindible, da sociedade galega.
Tamén na historia da nosa música foron invisibilizadas pero indispensables: foron as mulleres as grandes transmisoras da nosa tradición. Mais, estando socialmente vetadas de instrumentos coma o tambor, o bombo e a gaita, houbo excepcións: María Doval foi unha zanfonista recoñecida en toda Europa; Áurea Rodríguez, a raíña da gaita galega; as Meniñas de Saudade, o primeiro grupo de gaiteiras; Maruxa dos Rosales, bombeira, "un ghaiteiro vestido de muller"...
Coiro é unha homenaxe a todas aquelas mulleres, gardiás da tradición e da historia, músicas e labregas, loitadoras, fortes e pioneiras.
Lara Lars
(Salceda de Caselas, Pontevedra, 1986)
A ilustradora galega Lara Lars, arquitecta de formación e artista por vocación, namorouse da arte da ilustración a través do coleccionismo de láminas vintage. Fascinábanlle as representacións de mulleres dos anuncios dos anos cincuenta e sesenta –mulleres sempre caracterizadas como amas de casa, ou heroínas explosivas ao estilo de Barbarella–. Non obstante, a pesar de que esteticamente lle resultaban interesantes, sentía que os seus roles e actitudes non a representaban. De aquí xurdiu a idea da recontextualización, de converter estas "mulleres floreiro" en mulleres empoderadas, con actitude de forza e decisión, protagonistas da súa propia historia. Os seus outros fetiches –pratos voadores, monstros de cartón pedra, postais kitsch, edificios de estética brutalista– completaron a fórmula de elementos anacrónicos cos cales Lara Lars elabora as súas suxestivas estampas retrofuturistas.
Unhas estampas que mostran mulleres invasoras flanqueadas por exércitos de ovnis, visitando edificios brutalistas ou habitando sociedades do futuro onde a muller é a protagonista; todas estas imaxes mostran un grande atractivo estético e unha certa dose de surrealismo, que lle engaden ao conxunto unha calidade irresistible. Lars utiliza con intelixencia a técnica da colaxe, pero logrando un resultado final de carácter ilustrativo, que para ela é un medio, máis que un fin en si mesmo. Lara Lars ilustra mensualmente para a revista Vanity Fair e é colaboradora desde 2018 no programa de Radio Nacional Entre dos luces. Ademais, as súas creacións serviron para ilustrar artigos en AD, Vogue, Glamour e Marie Claire e tamén colaborou con editoriais e marcas como Anagrama, Seix Barral, Sexto Piso, AtriaBooks, Bombai Sapphire, Metro de Madrid, Dolce Gusto, San Miguel, H&M, Cervezas Alhambra, Gran Teatre del Liceu e o Museo Thyssen Bornemisza, entre outras.
Actualmente, expón no Instituto Cervantes de Nova York, dentro da exposición colectiva "ILUSTRAD/AS, una mirada a la creación femenina en la ilustración de vanguardia".
Todas as súas imaxes teñen un carácter e un estilo persoal moi marcado; ademais, están cheas de referencias da súa Galicia natal: canteiras que Lars vía ao pasar por zonas industriais nas súas viaxes entre Salceda de Caselas e Vigo; cidades invadidas vistas tras o filtro da retranca galega –cun estilo acorde coa cultura do Vigo canalla e nocturno dos oitenta–; ou o culto á lúa como elemento recorrente, propio da cultura galega.
Descargas
Galerías de imágenes
1 - 6 de 20 albumes existentes
-
Mulleres en accion - Violencia zero 2021-2022
-
19-11-2021 Presentacion da programacion do 25N
-
Mulleres en acción Violencia zero 2020-2021
-
Mulleres en acción Violencia zero 2019-2020
-
RE-ACCIÓN… NOS CASTELOS!
-
03-07-2020 Concurso fotográfico online Comemos polos ollos
- Anterior
- Seguinte