Noticias

Carmela Silva asiste a unha visita guiada pola exposición "Violencia Zero" en Cangas

A exposición ten por obxectivo fomentar unha actitude crítica fronte á violencia machista


01 sep 2016

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asistirá este venres, 2 de setembro, a unha visita guiada pola exposición itinerante impulsada pola institución provincial "Mulleres en acción: Violencia Zero" na Casa da Cultura de Cangas. A mostra poderase ver neste mesmo espazo, na Sala de Exposicións Ángel Botello, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas ata o 30 de setembro.

A mostra recolle os resultados da acción artística contemporánea do proxecto, desenvolvido simultaneamente o pasado 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, por artistas galegas en 10 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis).

O obxectivo da exposición é fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica fronte á violencia machista, buscando ademais unha implicación real na loita contra esta lacra, que este ano xa provocou a morte de 30 mulleres en toda España, unha delas en Galicia, e 19 menores de idade orfos. Dende o organismo provincial, e a través desta mostra e doutras iniciativas, preténdese ademais insistir na necesidade de comezar esta loita contra a violencia de xénero entre as xeracións máis novas.

Carmen Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de lle dar corpo a "Mulleres en acción: Violencia Zero" con diferentes recreacións artísticas o pasado 25 de novembro. Todas elas son novas artistas galegas, polo que a través desta iniciativa tamén se visualiza o seu traballo, achegando así a arte contemporánea ás rúas a través do diálogo con todos os públicos e incentivando ao mesmo tempo a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

"Mulleres en acción: Violencia Zero" está a percorrer os concellos nos que se desenvolveu o proxecto para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención na actual problemática da violencia machista. A exposición, que xa se mostrou nos concellos de Pontevedra, Tomiño, Lalín, Tui, Caldas, Redondela e Vilagarcía, poderase ver en Cangas partir de mañá e ata finais de mes. En outubro chegará a Moaña e, finalmente, en novembro ao concello de Vigo.


Novas relacionadas

Violencia Zero en Cangas

11 agosto 2017, cangas, violencia zero, mulleres en acción