Noticias

"Depo RúARTE 2017" chega este sábado ao Concello da Estrada tras o seu exitoso paso por Silleda

Na praza do Concello, entre as 17 e as 20 horas, mozas e mozos maiores de 12 anos poderán practicar breakdance, turntablism DJ e beatbox, graffitis e personalizar gorras


22 setembro 2017
DepoRúarte

A praza do Concello da Estrada acollerá este sábado 23 de setembro a sexta cita do programa "Depo RúARTE 2017", impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude. Esta iniciativa, que estreouse en 2016, ten por obxectivos ofertar actividades de música, baile e pintura urbana para a mocidade da provincia como alternativa de ocio. No evento participarán a deputada de cohesión social e xuventude, Digna Rivas, e o deputado de innovación e promoción económica, Javier Dios.

Tras pasar por Nigrán, Marín, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa e, o pasado xoves, por Silleda, chega á Estrada unha nova xornada deste programa na que se organizarán obradoiros entorno a tres iniciativas: MusicARTE, UrbanARTE e CreARTE. Con MusicARTE ofreceranse tres obradoiros grazas os cales as mozas e mozos participantes poderán aprender breakdance, turntablism DJ e beatbox. En canto a UrbanARTE se ofrece unha actividade para a creación e elaboración de pinturas coa base dos graffiti co fin de comunicar ideas, inquedanzas e preocupacións do presente e do futuro. Por último, CreARTE consiste en personalizar gorras con debuxos coloridos elaborados na parte frontal.

Este ano, por vez primeira o programa promovido pola institución provincial ten un compoñente inclusivo, para que mozas e mozos e monitoras e monitores con diversidade funcional tamén poidan participar nas actividades de "Depo RúARTE". Tódolos mozos e mozas maiores de 12 anos da Estrada e da comarca están invitados a participar nestes obradoiros. Só teñen que acercarse a partires das 17 horas á praza do Concello da vila da comarca de Tabeirós-Terra de Montes.

Tras completar as seis primeiras xornadas co paso por A Estrada, "Depo RúARTE" chegará nas próximas semanas a Poio, Mondariz, O Porriño e Tui.

Fotos