Vilanova de Arousa recibe 18.000 euros do Plan Concellos 2017 para mellorar o alumeado do campo de fútbol de San Miguel de Deiro
Cun investimento próximo aos 450.000 euros, a institución provincial xa leva entregado o 60 % do importe total de Vilanova de Arousa dentro do Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao concello de Vilanova de Arousa ao abeiro da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2017. Nesta quenda a vila do Salnés recibe unha axuda de 17.820 euros que permitirá a realización de melloras no alumeado do campo de fútbol de San Miguel de Deiro.
Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Vilanova de Arousa 167.739,86 euros na liña 1 para o acondicionamento da ampliación dun centro de formación con novas tecnoloxías no pazo de Vista Real, a adquisición dun escenario modular, a urbanización da praza do Parque e para a compra de cadeiras que destinará á realización de eventos. Destináronse tamén 103.764,83 euros na liña 2 para gastos correntes e actividades como a actuación musical da Festa do Mexillón e do Berberecho e a Festa do Momo e, finalmente, outros 155.647,25 euros para a contratación de 18 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.
Coa suma destas cinco novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra en Vilanova de Arousa sitúase neste momento no 60,2 %. Isto supón que o concello xa dispón de 444.971,94 euros dun total de preto de 740.000 euros.