Noticias

Vilagarcía de Arousa recibe outros 100.000 euros do Plan Concellos 2017 para actuar na zona de Vista Alegre

Coa nova axuda aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa xa dispón do 80 % do seu orzamento ao abeiro do plan


03 outubro 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou unha nova achega ao Concello de Vilagarcía de Arousa no marco da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos. Nesta ocasión, o concello do Salnés recibe unha axuda valorada en 99.999,99 euros que lle permitirá proceder á renovación das varandas situadas na contorna de Vista Alegre. Deste xeito, Vilagarcía de Arousa sitúase na lista de concellos que reciben as axudas aprobadas pola institución provincial este venres ao abeiro do Plan Concellos, xunto con Covelo, A Estrada e Ponte Caldelas.

Esta nova achega vénse engadir ás anteriormente concedidas pola Deputación de Pontevedra nesta anualidade do Plan Concellos. Ata o momento, a institución provincial xa destinou a Vilagarcía de Arousa 527.273,18 euros en liña 1 para a humanización da praza de Galicia e un tramo da rúa Padre Feijóo, para o subministro dun vehículo tipo pick-up con plataforma elevadora, o subministro dunha máquina trituradora e unha máquina portadora de féretros, a adquisición dunha mini pa cargadora con cullerón varredor, para o subministro dunha cisterna de rego de emulsión asfáltica e para adquirir unha máquina para a sinalización viaria. Ademais, 178.332,97 euros en liña 2 para sufragar gastos correntes e diversas actividades como o Combate Naval ou un programa de activación do corpo e da mente e, finalmente, outros 314.331,47 euros para a contratación de 34 persoas coa finalidade de desempeñar as súas funcións nos diversos servizos municipais da localidade, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, a porcentaxe de adxudicación do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra en Vilagarcía de Arousa sitúase neste momento no 80,2 %. Isto supón que o concello xa dispón de 1.119.937,61 euros dun total de preto de 1.400.000 euros.