Noticias

Vilanova de Arousa recibe 10.000 euros do "Plan Concellos 2017" para o subministro de equipamento infantil no Xardín de Umbrío

Cun investimento próximo aos 455.000 euros, a institución provincial xa leva entregado o 62 % do importe total de Vilanova de Arousa dentro do Plan Concellos


18 xuño 2017
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello de Vilanova de Arousa ao abeiro da liña 1 de Investimentos do "Plan Concellos 2017". Nesta quenda, a vila do Salnés recibe unha axuda de 9.922 euros que permitirá que o Concello adquira diversos equipamentos infantís para o Xardín de Umbrío. En concreto, trátase dunha casiña infantil de madeira con cheminea decorativa, escaleira, soportal, varanda de seguridade e tobogán exterior, unha randeeira de dous asentos (un deles para bebés) e un balancín de troncos con capacidade para catro nenas e nenos.

Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Vilanova de Arousa 185.559,86 euros en liña 1 para o acondicionamento da ampliación dun centro de formación con novas tecnoloxías no pazo de Vista Real, a adquisición dun escenario modular, a urbanización da praza do Parque, a realización de melloras no alumeado do campo de fútbol de San Miguel de Deiro e para adquirir cadeiras que destinará á realización de eventos. Ademais, 103.764,83 euros en liña 2 para gastos correntes e actividades como a actuación musical da Festa do Mexillón e do Berberecho e a Festa do Momo e, finalmente, outros 155.647,25 euros para a contratación de 18 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma destas cinco novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra en Vilanova de Arousa sitúase neste momento no 61,6 %. Isto supón que o concello xa dispón de 454.893,94 euros dun total de preto de 740.000 euros.