Noticias

Vilanova de Arousa recibe máis de 60.000 euros do "Plan Concellos 2017" para a realización de novos investimentos

Cun investimento superior aos 580.000 euros, a institución provincial xa leva entregado o 78,8 % do importe total de Vilanova de Arousa dentro do Plan Concellos


17 xullo 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, tres novas achegas ao Concello de Vilanova de Arousa ao abeiro da liña 1 de Investimentos do "Plan Concellos 2017". Nesta quenda, a vila do Salnés recibe un total de 63.534,50 euros distribuídos da seguinte maneira: 30.008,54 euros para pavimentar a rúa Concepción Arenal, 29.242,18 euros para realizar o acondicionamento da pasarela do Terrón e, por último, 4.283,78 euros para o subministro de equipamento infantil e deportivo.

Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Vilanova de Arousa 259.654,88 € en liña 1 para o acondicionamento da ampliación dun centro de formación con novas tecnoloxías no pazo de Vista Real, a adquisición dun escenario modular, a urbanización da praza do Parque, a realización de melloras no alumeado do campo de fútbol de San Miguel de Deiro e para adquirir cadeiras que destinará á realización de eventos, un tractor e unha rozadoira e tamén equipamentos infantís para o xardín de Umbrío. Ademais, 103.764,83 euros en liña 2 para gastos correntes e actividades como a actuación musical da Festa do Mexillón e do Berberecho e a Festa do Momo e, finalmente, outros 155.647,25 euros para a contratación de 18 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma destas tres novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra en Vilanova de Arousa sitúase neste momento no 78,8 %. Isto supón que o concello xa dispón de 582.601,46 euros dun total de preto de 740.000 euros.