Noticias

Vilagarcía de Arousa estende a súa rede de saneamento ata Pedramogueira cun investimento da Deputación de Pontevedra de máis de 112.000 euros

O deputado Santos Héctor e o alcalde Alberto Varela enxalzan o papel xogado pola Asociación Veciñal de Galáns como artífice "dunha desas obras que se ven menos que outras, pero que son absolutamente necesarias"


18 abril 2021
Vilagarcía de Arousa estende a súa rede de saneamento ata Pedramogueira

A veciñanza de Pedramogueira, no lugar de Renza, estrea servizo de saneamento integral gracias á obra acometida polo Concello coa financiación da Deputación de Pontevedra. Un investimento de máis de 112.000 euros permitiu levar o servizo ata as 14 vivendas desta zona rural. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, comprobou os resultados xunto co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o edil Lino Mouriño, a edil Tania García, e varias persoas integrantes da Asociación Veciñal de Galáns, encabezados polo seu vicepresidente, Benito Insua.

A obra, que era solicitada desde hai tempo pola Asociación Veciñal de Galáns, permite a eliminación das fosas sépticas na zona e acaba de completar a rede municipal de saneamento do Concello de Vilagarcía de Arousa, que cubre xa máis do 99 % do seu territorio. Santos Héctor e Alberto Varela coincidiron en poñer moi en valor o papel xogado pola veciñanza para a consecución desta obra e o compromiso do Concello para acometela. "Esta asociación sabe sumar e convencer", afirmou. O deputado de Cooperación lembrou que a actuación era un compromiso do alcalde, Alberto Varela, e definiu á Deputación como unha institución profundamente municipalista que traballa da man dos concellos, "que son os que resolven os problemas da cidadanía". "Estamos moi satisfeitos/as de axudar para que esta obra tan demandada sexa posible". Finalmente, incidiu na mellora ambiental que carrexa a eliminación das fosas sépticas en Pedramogueira.

Alberto Varela destacou a presencia constante da Deputación en Vilagarcía de Arousa, impulsando investimentos relevantes. "Gracias á asociación de veciños pola súa paciencia, pero tamén pola súa confianza". "Unha das obras que máis satisfacción persoal me produce é esta porque a primeira xuntanza que tivemos antes de chegar ao Goberno local foi coa asociación de Galáns e esta foi a primeira demanda que nos fixeron", destacou. "Non podía ser que nos tempos en que vivimos houbera 14 vivendas sen saneamento". O alcalde destacou que estamos diante dun proxecto que ten moitos metros e que tamén tiña a dificultade da complexa orografía. Nesta liña engadiu que o Goberno local efectuará máis obras de saneamento para mellorar as redes existentes, que se sumarán, por tanto, aos 2,5 millóns que xa van investidos "nun tipo de obras que se ven menos que outras, pero que son absolutamente necesarias". Pola súa banda, Benito Insua agradeceu en nome da veciñanza a execución do saneamento e a implicación do Concello e da Deputación, "que puxo os cartos". "Sei que sufrimos por facer esta obra e que tamén sufriu o Concello porque algunha vez tamén lle arreamos caña, así que moitísimas grazas".

O proxecto realizouse a partir dun detallado estudo topográfico ao obxecto de salvar os fortes desniveis que hai no trazado. Unha das súas singularidades é que inclúe un pozo de bombeo de nova xeración, de fácil mantemento e construído para minimizar os atascos e que, ademais, está xestionado a través de telemando cun sistema domótico. A rede ten máis de 800 metros de lonxitude na que se recollen as verteduras das vivendas e outros 1.500 metros de tramo de impulsión que aproveita parte do trazado da vía de servizo da estrada autonómica PO-529.

As obras foron financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o instrumento de financiamento regrado aos municipios de menos de 50.000 habitantes que este ano reserva para Vilagarcía de Arousa unha partida de case 1,5 millóns de euros. Desde o nacemento do Plan, no ano 2016, a cabeceira da comarca arousán recibiu 5 millóns de euros en financiamento da Deputación cos que puido realizar todo tipo de obras, entre as que destacan a construción da Escola Infantil de Vilaxoán, e varias humanizacións urbanas e pavimentacións de camiños rurais. Ademais disto, Vilagarcía de Arosa beneficiouse dun proxecto dentro do Plan DepoRemse para acondicionar o contorno de Fexdega, da posta en valor e recuperación do castro Alobre e dun convenio para a execución da Vía Verde do Salnés.