Noticias

As rúas do contorno do recinto feiral de FEXDEGA de Vilagarcía de Arousa locen unha completa transformación ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra

Carmela Silva: "Convertemos o patio traseiro de FEXDEGA, que estaba nunhas condicións intolerables, nun patio de luz extraordinario no que as persoas son o centro da acción"


03 marzo 2021
Visita a Vilagarcía Fexdega

O conxunto de rúas que bordea o recinto feiral de FEXDEGA, no núcleo urbano de Vilagarcía de Arousa, loce unha completa transformación grazas as obras de reforma integral da mobilidade e seguridade viaria neste contorno realizadas ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación. Estes traballos, cun investimento de preto de 270.000 euros, permitiron humanizar e mellorar as condicións de comodidade e seguridade das rúas Limoeiro, Figueira e Nogueira, tanto para o paso de peoas e peóns como para a circulación viaria, tal e como destacaron hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, na súa visita á zona. 

Trátase dunha obra fundamental, baixo os parámetros de mobilidade sostible da Deputación, cuxos obxectivos principais eran mellorar a accesibilidade e seguridade das persoas, para o que se ampliaron as beirarrúas ata os tres metros na maior parte do viario e se instalaron pasos de peóns sobreelevados, dotados de iluminación específica, así como acondicionar as infraestruturas do viario, para o que se dispuxo un novo pavimentado e se realizou o soterramento das canalizacións e redes de servizos e a substitución ou ampliación das que se atopaban en mal estado. Así mesmo, tamén se mellorou a sinalización. Do orzamento total destas obras a Deputación aportou o 80 % e o Concello o 20 % restante con fondos propios.

Tanto Carmela Silva como Alberto Varela destacaron o cambio radical experimentado nestas rúas e a presidenta incidiu neste senso que "o que era o patio traseiro de FEXDEGA, nunhas condicións intolerables, se ten convertido agora nun patio de luz, extraordinario, cun tratamento que deixa ás claras que as persoas son o centro da acción". Lembrou que este espazo non se correspondía "cunha vila tan importante como Vilagarcía de Arousa e cun espazo como é FEXDEGA, pero tampouco con este contorno maioritariamente de vivendas unifamiliares, que permite ter estes espazos tan humanos que teñen un encanto moi especial". "Esperemos que pronto FEXDEGA estea cheo de actividade unha vez superada a pandemia e a xente poida camiñar neste contorno que seguro que o desfrutarán moito", indicou.

Pola súa banda, o alcalde, Alberto Varela, insistiu en que "os que somos de aquí sabiamos como eran estas rúas: sen accesibilidade, cunha capa de rodaxe diferente, con problemas de saneamento... Era un contorno que non se merecían nin as vivendas que estaban aquí nin o entorno de FEXDEGA". Indicou que esta ambiciosa actuación permitiu anchear beirarrúas e mellorar a accesibilidade, ademais de renovar os servizos subterráneos "para seguir renovando as tripas da cidade". "E ninguén pode negar que por estas beirarrúas se camiña agora máis seguro, pode camiñar todo o mundo e o mantemento é máis sinxelo", manifestou. "Ao final, as cidades teñen que ser sostibles", concluíu, tras indicar que esta obra é "outro esforzo" feito en colaboración coa institución provincial por seguir humanizando a cidade". Indicou así mesmo que desde o Goberno municipal se levan humanizado 35.000 metros cadrados de espazo público, incluída esta nova actuación.

A presidenta da Deputación destacou ademais que Concello de Vilagarcía e institución provincial comparten o seu modelo de transformación de espazos públicos, tanto nos aspectos da mobilidade como no compromiso medioambiental, no que ambas administración están a cumprir xa os obxectivos da Axenda 2030. "Compartimos –explicou– que neste século XXI temos que cambiar a trama urbana, que os vehículos non poden ser o centro de atención nos investimentos en infraestruturas en viarios, e que precisamos de dar espazo publico á xente, porque é seu. E temos que tomar decisións que permitan que todo o que consumimos teña unha visión medioambiental, que a iluminación sexa LED, menos contaminante, e que nos permita aforros de enerxía e tamén todo o que ten que ver coas subministracións, saneamento e abastecemento"

Esforzo inversor

Carmela Silva destacou tamén que a Deputación é a administración que máis está a investir en Vilagarcía de Arousa e que seguirá a sumar iniciativas tras o Plan de Reequilibrio e o DepoRemse para acadar "unha transformación total da provincia". Nese senso, a presidenta fixo un chamamento ao conxunto das administracións "para que invistan nesta provincia e en Vilagarcía, que ten unha enorme potencialidade de futuro. Pero para que se convertan as potencialidades en realidades hai que investir". "A Deputación –engadiu– cumpre co seu deber e reparte recursos para que sexan os concellos os que tomen decisións, está acontecendo tamén coa aprobación dos recursos para a hostalería e o comercio, que nós poñemos nas mans dos concellos para que os xestionen, porque nós si cremos na autonomía local e nese principio constitucional de que hai que darlle suficiencia financeira e iso non está a acontecer con outras administracións. Somos en Galicia e no Estado unha referencia na forma de investir recursos públicos".

Alberto Varela destacou así mesmo este esforzo inversor da institución provincial en Vilagarcía de Arousa, debido "ao compromiso desta nova Deputación co mundo local que trouxo a presidenta Carmela Silva" e, especialmente, ao respecto á autonomía local, "un exemplo a seguir por outras administracións" e que é recoñecido por "todos as alcaldesas e alcaldes, algúns máis publicamente". Engadiu que o Concello vai presentar un novo proxecto para solicitar a colaboración na súa financiación á Deputación, a humanización da rúa Sobrán.

Fotos

Vídeos