Noticias

Unha curta do proxecto da Deputación de Pontevedra "Cinema e muller" recibe un premio no Festival de Cans

Aava, dirixida por Andrea Zapata-Girau, achega unha mirada persoal sobre a problemática da conciliación laboral e familiar e a emigración


29 maio 2017
Cinema e muller

A curtametraxe "Aava", dirixida por Andrea Zapata e integrada na película colaborativa Visións, que promoveu a Deputación de Pontevedra ao abeiro do proxecto "Cinema e muller", recibiu esta fin de semana o premio á mellor curtametraxe e á mellor realización do Festival de Cans.
A Presidenta da institución provincial, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción por este galardón que "se suma aos xa obtidos noutros festivais de cinema independentes e que contribúe a promover a alta capacidade e imaxinación das creadoras audiovisuais da provincia de Pontevedra".

Aava é unha das curtas que forma parte de Visións: un filme poliédrico integrado en "Cinema e muller" que ofrece a ollada de dez cineastas galegas entre as que se atopan, xunto a Andrea Zapata, Eva Calvar, Olaia Sendón, Claudia Brenlla, Sonia Méndez, Lara Bacelo, Begoña M. Santiago, Carme Nogueira, Diana Toucedo e Carla Andrade. No caso concreto da curta de Zapata, galardoada en Cans, preséntanse unha serie de reflexións sobre a maternidade; os cambios que supón no proceso creativo consecuencia das constantes interrupcións, falta de tempo, limitación da vida social; a conciliación entre a vida laboral e familiar; as dependencias, etc.

A curtametraxe Aava foi valorada positivamente por empregar recursos fílmicos contemporáneos, contar cunha realización arriscada, e achegar á cidadanía unha mirada persoal sobre cuestións relativas á maternidade, á emigración e ao exilio.

O proxecto da Deputación de Pontevedra "Cinema e muller" pretende visibilizar o papel da muller como creadora e produtora de cinema así como fomentar a súa maior participación na cultura e arte. Esta actuación, dirixida por Xisela Franco e producida por Beli Martínez, ten por obxectivo promover desde a investigación e a teoría ata a produción de cinema (coa película Visións), un mapeamento de realizadoras da provincia, charlas sobre cinema e feminismo, mostras de cinema experimental ou concertos.