Noticias

Castelao estará presente na programación do festival de Cans

Baixo o título 'Canstelao en Chimpín', o Festival incluirá diversas actividades para difundir a traxectoria do polifacético autor


03 mai 2016
Cans

"O Festival de Cans sitúa á provincia de Pontevedra como un referente no mundo audiovisual" asegurou Carmela Silva durante a súa intervención na presentación oficial da XIII Edición do Festival de Cans. A presidenta da Deputación, acompañada do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, achegouse ata esta parroquia do Porriño para poñer en valor a colaboración entre a institución que representa e o Festival de Cans e aproveitou para salientar que "este Festival naceu do único importante que temos as persoas, que son as ideas, e tamén grazas a xente que non se arredou ante as dificultades e que foi capaz de que este ano esteamos xa celebrando a décimo terceira edición".

Froito da colaboración entre a Deputación e o Festival de Cans, e con motivo do Ano Castelao, esta edición contará cunha serie de actividades relacionadas directamente co polifacético autor, e que se engaden a un  completísimo programa de proxeccións audiovisuais, música, roteiros, coloquios e homenaxes. A maiores da programación dedicada a Castelao, no Festival tamén se inclúe a proxección do filme colaborativo 'Visións' realizado ao abeiro do ciclo 'Cinema e Muller' para visiblizar ás mulleres no ámbito audiovisual. A presentación do Festival estivo conducida polo seu director, Alfonso Pato, e ademais de Carmela Silva e Xosé Leal, tamén contou coa presenza da Alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, o xerente da Agadic, Jacobo Sutil, a actriz e representante do xurado, Belén Constenla, e varios representantes de empresas patrocinadoras.

Canstelao no Chimpín

Nesta edición, o Festival de Cans incluirá de xeito transversal na súa programación unha serie de actividades vinculadas ao Ano Castelao, para contribuír a difundir a figura e traxectoria do autor rianxeiro. Así, baixo o nome 'Canstelao no Chimpín' levaranse a cabo seis accións diferenciadas. A primeira delas será a proxección de 'Miss Ledya', o primeiro filme galego de ficción , no que o propio Castelao participa como actor e de cuxa estrea se cumpre o centenario neste ano. Será o venres día 20 ás 12 horas no Baixo de Moncho, e contará coa música en directo da composición de theremin, unha creación singular e específica para esta ocasión realizada por Paulo Nimoy, da banda Camarada Nimoy. Tamén o venres, ás 19:30 no Cans Voulevar, inaugúrase a exposición do debuxante Siro López, que inclúe unha viñeta dedicada a Castelao.

Ao día seguinte, o sábado ás 10 horas, Xurxo Souto realizará unha ruta guiada na que  comentará historias sobre a toponimia, os penedos e os roteiros e excursións que Castelao facía cos seus amigos galeguistas que andaban polo Porriño, como o fotógrafo Luis Ksado, o escritor Ramón Cabanillas ou Paz Andrade. Hai que ter en conta que estes roteiros musicados e guiados, levados a cabo polo músico e escritor  Xurxo Souto, contan cunha gran afluencia de público e o ano pasado participaron máis de 100 persoas nun percorrido baseado nas historias dos veciños e na memoria musical. Tamén o sábado, xa na sesión vermú, a Banda de Música de Rubiós interpretará a canción 'Lela', escrita por Castelao para a estrea da súa obra de teatro 'Os vellos non deben de namorarse'. Ademais, proxectarase unha viñeta de Castelao ao comezo de cada sesión durante o Festival e na Leira de Alicia haberá un chimpín con elementos míticos da iconografía de Castelao para que o público se poida fotografar caracterizado como o autor.