Noticias

O proxecto "Cinema e Muller" da Deputación de Pontevedra, mención especial dos Premios CREA pola súa promoción da igualdade de xénero

A presidenta provincial, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción polo novo premio ao proxecto "aínda que a verdadeira ledicia é poder visibilizar o talento feminino, que en Galicia é espectacular"


07 xuño 2017
Cinema e muller

"Cinema e Muller", o proxecto da Deputación de Pontevedra que naceu para visibilizar o papel da muller creadora de cinema e fomentar a súa maior participación na cultura e na arte, foi escollido pola Asociación de Directores e Realizadores de Galicia para a Mención Especial dos II Premios CREA á promoción da igualdade de xénero. O xurado destaca do proxecto premiado "a visibilización que fai das mulleres directoras, por tecer redes entre elas, e o traballo de difusión e de rescate dunha realidade en penumbra".

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción por este novo premio a "Cinema e Muller", que se suma aos obtidos en festivais independentes e que contribúe a promover a alta capacidade e imaxinación das creadoras audiovisuais da provincia de Pontevedra. "Estamos moi felices polo recoñecemento que supón este premio, aínda que a verdadeira ledicia é poder visibilizar o talento feminino, que en Galicia é espectacular. Parabéns para as comisarias e as magníficas directoras que participaron no proxecto. O premio é seu".

"Cinema e Muller", proxecto dirixido por Xisela Franco e producido por Beli Martínez, ten por obxectivo promover desde a investigación e a teoría a produción de cinema (coa película Visións), un mapeamento de realizadoras da provincia de Pontevedra (máis de 70 creadoras), charlas sobre cinema e feminismo, mostras de cinema experimental ou concertos.