Noticias

Un gran soto conectará por baixo da terra os tres edificios históricos do Museo nas inmediacións da praza da Leña e permitirá duplicar a súa superficie expositiva

O vicepresidente César Mosquera presentou hoxe a proposta de rehabilitación para os edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López: "É a única solución técnica e administrativamente viable, orixinal, funcional, bonita e lograda"


26 novembro 2019
Un gran soto conectará baixo terra os tres edificios históricos do Museo

A rehabilitación dos edificios históricos do Museo de Pontevedra nas inmediacións da praza da Leña, o Castro Monteagudo, o García Flórez e o Fernández López, xa está definida. O vicepresidente, César Mosquera, o director do Museo, Xosé Manuel Rey e o arquitecto e asesor provincial, Jesús Fole, presentaron hoxe a proposta: a creación dun gran espazo soterrado que conectará os tres inmobles por baixo da terra e permitirá duplicar a súa capacidade expositiva.

A solución, xa falada con Patrimonio e enfocada nos trámites administrativos, é, segundo o vicepresidente Mosquera, a "única técnica e administrativamente viable", ademais de "lograda, bonita, orixinal e funcional". Tamén se iniciaron conversas coa Xunta e co Estado para que se involucren no financiamento coa perspectiva de comezar a obra a mediados de 2021 se non existen complicacións.

O vicepresidente Mosquera declarou que o Museo de Pontevedra é "claramente" o museo máis importante de Galicia. Destacou que o seu espazo está moi restrinxido debido á sobreabundancia de pezas e coleccións, polo que a rehabilitación dos edificios históricos, pechados e baleirados desde a posta en marcha do Sexto Edificio, é un obxectivo prioritario xunto coa mellora da xestión e á creación dun novo edificio de Arqueoloxía.

"Este é un dos retos máis difíciles cos que nos enfrontamos colectivamente e co que me enfrento eu como responsable público", dixo lembrando actuacións coma a do Pitillo, Mugartegui e o aparcadoiro da praza de España. Incidiu, ademais, en que os pasos que se propuxeron anteriormente para a rehabilitación se atoparon co "muro da inviabilidade" pola complexidade técnica, polo mal estado do interior dos inmobles (sobre todo do Castro de Monteagudo e do García Flórez) e pola súa situación en diferentes niveis. Por estes motivos, o debate das solucións paralizouse en 2013.

Así, logo de activar de novo a rehabilitación e dun fondo traballo, chegouse á conclusión de que a conexión subterránea entre os tres edificios era a mellor alternativa: crear 1.900 metros máis de superficie construída en dous niveis de soto permitiralles gañar en funcionalidade aos edificios ao redistribuír os 1.945 metros de superficie actual.

A partir desa proposta iniciáronse todos os trámites: houbo contactos con Patrimonio –que amosou a súa satisfacción por manter intacta a aparencia do exterior dos edificios–, iniciáronse as contratacións do xeotécnico e da modificación do Peprica, púxose en marcha o estudo do apuntalamento dos edificios durante a obra e está a redactarse o convenio co Concello de Pontevedra para que ceda o uso do subsolo.

En canto aos prazos, a previsión é que as obras comecen en dous anos, unha vez estean abertos os contactos coa Xunta de Galicia e o Estado para que acheguen parte do investimento da rehabilitación, que ten un custo estimado de 2.500 euros por metro cadrado. O financiamento desta obra no Museo "está entre as famosas condicións da Axenda Galega que o BNG está a negociar en Madrid, pero tamén o negociaremos pola vía institucional", dixo Mosquera antes de salientar o compromiso da presidenta, Carmela Silva, para premer tanto o goberno galego coma o estatal.

A solución máis idónea

Pola súa banda, o director do Museo, Xosé Manuel Rey, explicou os condicionamentos e as limitacións que existen nos edificios históricos do Museo e que levaron a expoñer a solución presentada hoxe como a máis idónea.

O primeiro foi que a estrutura dos edificios García Flórez e Castro de Monteagudo, por ser os primixenios da institución museística e polo seu valor simbólico, deberían manterse de maneira "irrenunciable" na proposta construtiva. Outro dos retos era garantir a plena accesibilidade para todas as persoas nas mesmas condicións, dados os graves problemas de acceso e comunicación entre os inmobles.

A seguir, Rey destacou a importancia de crear unha zona de acceso única, cunha grande entrada na que se garantisen os servizos e elementos imprescindibles para as e os visitantes; a aposta por unha solución que eliminase a compartimentación das estancias e permitise recuperar a configuración orixinal dos inmobles; a necesidade de gañar superficie útil significativa para amosar coleccións e pezas que non están en exhibición e a garantía de dar un servizo público de calidade en cuestións de seguridade, climatización ou comunicación vertical, entre outras, así como garantir espazos inexistentes e recuperar instalacións obsoletas para mellorar as condicións de traballo do persoal, coa creación de aulas ou espazos de obradoiros.

O Louvre, a inspiración

O arquitecto e asesor provincial Jesús Fole foi o autor da proposta de rehabilitación presentada hoxe. Explicou que está inspirada na solución adoptada polo museo Louvre, en París, para comunicar e ampliar a súa superficie expositiva, baleirando o espazo interior dos pazos laterais e reorganizando as circulacións de público.

En calquera caso, segundo dixo, a actuación en Pontevedra "é un reto máis complexo" que o do Louvre –deixando a un lado a súa magnitude en superficie– polos cambios de rasante que hai entre os edificios. Resaltou que se duplicará a superficie real do Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López, pasando dos 1.945 metros cadrados actuais aos 3.845 metros coa construción do novo soto a dous niveis. Este distribuirase baixo a planta dos tres edificios e baixo os 25 metros da zona de unión do Fernández López co Castro de Monteagudo, onde agora está a estatua de Castelao.

Unha vez rehabilitado o conxunto de edificios do Museo no contorno da praza da Leña, o público entrará a través dun acceso único polos soportais inferiores do edificio Fernández López no nivel 0, nunha zona de 250 metros cadrados. Logo poderá pasar ao nivel -1, que se compartirá entre os edificios Castro Monteagudo e Fernández López, e despois baixar ao nivel -2, compartido entre os edificios García Flórez e Castro Monteagudo. Estas plantas inferiores estarán comunicadas coas superiores por varios métodos, entre eles un novo ascensor que se construirá na torre do edificio Castro Monteagudo e polo que se chegará a un novo miradoiro desde o cal se poderán ver os campanarios de Santa María e San Bartolomé. "Esta rehabilitación é complexa pero factible: unha verdadeira obra de enxeñería avanzada. É un espectáculo", cualificou o arquitecto.

NOVO ESPAZO E REHABILITACIÓN DOS EDIFICIOS GARCÍA FLÓREZ, CASTRO MONTEAGUDO E FERNÁNDEZ LÓPEZ PARA MUSEO 

Vídeos