Noticias

O Protocolo Deputación-Concello de Pontevedra para rehabilitar os edificios centrais do Museo e construír o edificio de Valdecorvos, listo para sinatura

Unha Resolución presidencial autorizará o acordo na institución provincial, mentres que o Concello levarao este luns á Xunta de Goberno


20 decembro 2019

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos en firme para mellorar os equipamentos do Museo de Pontevedra e ten xa listo para a sinatura o protocolo co Concello de Pontevedra que permitirá rehabilitar os edificios centrais do Museo e construír o novo Centro de Arqueoloxía de Pontevedra. Este documento, xa aprobado por Resolución presidencial na Deputación, aprobarase o vindeiro luns na Xunta de Goberno do concello capitalino, polo que a rúbrica poderá ser inminente.

No texto do protocolo insístese en que o obxectivo do acordo é establecer as liñas de colaboración das partes asinantes "encamiñadas a impulsar, establecer e contribuír, conxuntamente, á mellora e racionalización do equipamento museístico da cidade de Pontevedra". Esta actuación supón, por unha banda, a rehabilitación, conexión e dotación de accesibilidade a través do subsolo dos edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López, previa modificación puntual do PEPRICA xunto coa a construción dunha edificación en parcela sita en Valdecorvos dedicada á xestión integral dos fondos arqueolóxicos do Museo de Pontevedra.

Tamén se sinala que, no caso de que durante a realización dos estudos de análise da viabilidade dos proxecto de interconexión polo subsolo dos edificios xurdan cuestións xurídicas, técnicas, medioambientais, arqueolóxicas ou de calquera outra índole que determinen a inviabilidade total ou parcial de realizar o proxecto, previa reunión da comisión de seguimento do protocolo, poderán realizar os cambios necesarios no acordo sen que esa alteración supoña a resolución do resto de compromisos.

Coa sinatura do protocolo o Concello de Pontevedra comprométese a ceder á Deputación de Pontevedra mediante convenio o uso dos treitos do subsolo das rúas Sarmiento (30 m2), Pasantería (225 m2) e García Flórez (100 m2), coa finalidade de que se poidan acometer as obras necesarias para a conexión a través do subsolo que doten de accesibilidade e permitan a consolidación e rehabilitación dos tres edificios do Museo de Pontevedra. As superficies dos treitos de subsolo a ceder, manterán a titularidade municipal, como bens de uso e dominio público

O Concello de Pontevedra tamén se compromete a colaborar técnica e xuridicamente na redacción do instrumento de modificación do PEPRICA e a tramitalo ata a súa aprobación definitiva, no prazo o máis breve posible e coa máxima dilixencia, unha vez presentada a documentación correspondente a cada fase de tramitación pola Deputación de Pontevedra.

No que atinxe a Valdecorvos, o Concello comprométese a ceder gratuitamente e transmitir, libre de cargas e gravames, á Deputación de Pontevedra a titularidade da parcela P20, de nove mil cincocentos nove metros cadrados (9.509 m2), ademais de a axilizar a tramitación e concesión tanto da licenza para a construción do Edificio Arqueolóxico unha vez presentada a solicitude e proxecto pola Deputación.

Protocolo Museo (pdf)