Noticias

Un centenar de persoas finalizan cinco cursos do programa "Tecendo Llazos" da Deputación de Pontevedra

Persoas de todas as idades participaron en obradoiros centrados na cestería, nos traballos manuais e nos xogos


19 decembro 2019
Tecendo Lazos

Un total de 102 persoas finalizan cinco cursos formativos do programa da Deputación de Pontevedra "Tecendo Lazos 2019", cuxo principal obxectivo é crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas de cada obradoiro. Desta forma, este venres 20 de decembro clausuraranse cinco talleres en Salceda, O Porriño, A Illa de Arousa, Meis e Bueu.

Máis polo miúdo, veciñas e veciños de Salceda de Caselas e do Porriño rematarán os obradoiros de "Traballos manuais de moldeado e pintado con obxectos reciclados" que estaban a levar a cabo. A deputada provincial Raquel Giráldez acudirá o último día do curso ao Centro Social A Devesa de Salceda de Caselas e ao Centro Cívico do Porriño  para entregar aos participantes os diplomas acreditativos.

Na Illa de Arousa finalizará un curso de "Cestería tradicional con material de reciclaxe", ás e aos participantes faralles entrega das súas credenciais a deputada provincial Ana Laura Iglesias no edificio do concello. Ademais, dous cursos titulados "Campionato de xogos con risas aseguradas" finalizarán no edificio do concello de Bueu, onde a deputada provincial Olga García entregaralles aos participantes os seus respectivos diplomas acreditativos, e no Centro Multiusos do Mosteiro de Meis, ao que acudirá a deputada Noemí Outeda.

O principal obxectivo do programa é crear lazos afectivos interxeneracionais, de xeito que os cativos e  as cativas adquiran habilidades novas e empatía cara outras xeracións, mentres que as persoas de idade avanzada avellenten de xeito activo e optimicen así as súas oportunidades de xerar e transmitir coñecemento.