Noticias

A Deputación abre o prazo para que os concellos da provincia se adhiran a "Tecendo lazos"

Ata o 8 de xullo os municipios de menos de 20.000 habitantes poderán escoller entre obradoiros de risoterapia, xogos e xoguetes, canción e baile ou expresión plástica


17 xuño 2019
Tecendo lazos

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar as bases e o extracto da convocatoria dunha nova edición de "Tecendo lazos". Este programa, que se desenvolve por cuarto ano consecutivo, está dirixida a persoas de todas as xeracións co obxectivo de, precisamente, crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas de cada obradoiro. A Deputación tamén busca promover valores que creen lazos afectivos entre elas e que así, as máis pequenas e pequenos adquiran habilidades novas e empatía cara a outras xeracións e, para as maiores, facilitarlles un envellecemento activo e san.

Coa publicación das bases e o extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, a Deputación abre o prazo para que os concellos soliciten a súa adhesión ao programa. Poderanse presentar todos os concellos de menos de 20.000 habitantes nun prazo de 15 días hábiles a partir de mañá, isto é, ata o 8 de xullo. Poderán escoller entre "Risos en familia", "Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia", "O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre" e "Faino ti". Unha vez publicada a lista de concellos adheridos, deberán abrir o prazo de inscrición nun período de 10 días hábiles. Cunha duración de 16 horas, poderán participar entre 10 e 30 persoas que teñan de 6 a 99 anos.

Ao igual que na pasada edición, os obradoiros contarán co módulo "A historia do meu concello" no que se darán a coñecer lendas, historias, contos ou fotografías de cada concello para promover a transmisión de coñecementos, por unha banda, e a participación conxunta, pola outra. As persoas participantes de cada obradoiro elaborarán un proxecto final no que plasmarán todo o que aprenderon sobre a súa vila. Poderán ser en formato dossier, vídeo, audio ou maqueta/mural. Das 16 horas de duración dos obradoiros, dedicaránselle a este módulo un mínimo de 4. A Deputación organizará un concurso entre todos estes traballos e as persoas que o elaboren; a persoa gañadora, recibirá un agasallo institucional e 50 copias da súa obra.

Difusión da cultura popular galega e respecto ao medio ambiente

En que consisten os catro obradoiros que poden solicitar? "Risos en familia" busca crear un espazo no que as persoas participantes aprendan a rir en contornas familiares. As nenas e nenos rin unhas 300 veces ao día, mentres que as persoas adultas só o fan unhas 15 veces ao día xa que a predisposición a rir vaise perdendo cos anos. En "Xoguetes e xogos tradicionais", as persoas que participen non só compartirán xogos tradicionais cos que xogaban as máis maiores, senón que deberán construílos e ao contrario: as cativas e cativos tamén lle poderán ensinar ás xeracións maiores os xoguetes cos que xogan agora.

"O noso son: bailes de agora e de sempre" traerá á actualidade os bailes e cancións típicas da zona. Contribuiremos á difusión da tradición oral e musical galega intercambiando as distintas versións de cancións populares que coñeza cada familia. Por último, "Faino ti" será un obradoiro de expresión plástica e traballo manual con obxectos reciclados e reutilizados. O obradoiro busca respectar o medio ambiente e desenvolver a creatividade e a imaxinación, fomentando tamén o traballo en equipo.