Noticias

35 concellos da provincia participarán no programa da Deputación "Tecendo Lazos 2019" co obxectivo de promover encontros interxeracionais

A iniciativa, dirixida a persoas de entre 6 e 99 anos, busca acadar estratexias para o encontro, a sensibilización e o intercambio de aprendizaxes e valores entre xeracións


14 xullo 2019
Tecendo Lazos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a solicitude de adhesión de 35 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes ao programa "Tecendo Lazos 2019", ao que a institución provincial destina este ano 59.455,76 euros. Esta iniciativa, que se desenvolve por cuarto ano consecutivo, está dirixida a persoas de todas as xeracións co obxectivo de, precisamente, crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas de cada obradoiro. A Deputación tamén busca promover valores que creen lazos afectivos entre elas e que así, os máis pequenos e pequenas adquiran habilidades novas e empatía cara a outras xeracións e, para as maiores, facilitarlles un envellecemento activo e san.

Máis polo miúdo, o obradoiro máis solicitado, cun total de 11 peticións, foi "Risos en familia", que busca crear un espazo no que as persoas participantes aprendan a rir en contornas familiares. Pola súa banda, a acción "Faino ti", que é un taller de expresión plástica e traballo manual con obxectos reciclados e reutilizados, foi solicitado por 10 concellos. No caso de "Xogos e xoguetes tradicionais", un total de 8 concellos solicitaron este obradoiro no que non só compartirán xogos tradicionais cos que xogaban as máis maiores, senón que deberán construílos e ao contrario: as cativas e cativos tamén lle poderán ensinar ás xeracións maiores os xoguetes cos que xogan agora. Por último, 6 concellos da provincia solicitaron "O noso son: bailes de agora e de sempre", que traerá á actualidade os bailes e cancións típicas da zona.

Ao igual que na pasada edición, os obradoiros contarán co módulo "A historia do meu concello" no que se darán a coñecer lendas, historias, contos ou fotografías de cada concello para promover a transmisión de coñecementos, por unha banda, e a participación conxunta, pola outra. As persoas participantes de cada obradoiro elaborarán un proxecto final no que plasmarán todo o que aprenderon sobre a súa vila. Poderán ser en formato dossier, vídeo, audio ou maqueta/mural. Das 16 horas de duración dos obradoiros, dedicaránselle a este módulo un mínimo de 4. A Deputación organizará un concurso entre todos estes traballos e as persoas que elaboren o gañador recibirán un agasallo institucional e 50 copias da súa obra.

"Tecendo Lazos 2019", dirixido a persoas que teñan entre 6 e 99 anos, chegará aos concellos de Poio, Ponte Caldelas, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, A Lama, Vilaboa, Valga, Barro, Portas, Moraña, Gondomar, Vila de Cruces, Forcarei, Bueu, A Illa de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Campo Lameiro, A Guarda, Pontecesures, Salceda de Caselas, A Cañiza, Caldas de Reis, Moaña, Cuntis, Covelo, Meis, Rodeiro, O Rosal, Baiona, Silleda, Ribadumia, O Porriño e Nigrán.