Noticias

Trescentas nenas e nenos gozaron este verán dos campamentos polideportivos de Príncipe Felipe

A deputada de Deportes, Chelo Besada, "moi satisfeita ante a gran demanda que tiveron este ano as actividades que rexistraron unha lista de espera de máis de 75 rapazas e rapaces"


26 agosto 2017
Nenos na clausura dos campamentos polideportivos de Príncipe Felipe

Os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe, que concluíron este sábado, acolleron a trescentas nenas e nenos de toda a provincia ao longo dos meses de xullo e agosto. A deputada de Deportes, Chelo Besada, que hoxe despediu aos últimos asistentes, subliñou a gran demanda que este ano tiveron estes campamentos chegándose a rexistrar unha lista de espera de setenta e cinco rapazas e rapaces.

En total foron seis quendas de cincuenta nenas e nenos, de entre oito e catorce anos, cada unha as que ao longo dunha estadía dunha semana na residencia Príncipe Felipe puideron gozar de diversas actividades en novos deportes menos coñecidos que os tradicionais ademais dunhas xornadas de convivencia en rapazas e rapaces de toda a provincia.

Todas as nenas e nenos desenvolveron actividades relacionadas coa natureza, deporte, aire libre, xogos, xogos de sala, arte, deportes en equipo (mini basket, balonmán ou atletismo), ou actividades acuáticas. Todas elas co obxectivo de ensinar ás mozas e mozos a desenvolverse nun medio alonxado da súa familia, potenciando a súa maduración, desenvolvendo a sociabilidade e o dinamismo multicultural, inculcando hábitos hixiénicos, alimenticios e de exercicio físico e fomentando tamén o respecto polo ambiente e a conservación da natureza. As rapazas e rapaces gozaron dunha saída ao Ecoparque de Marín onde puideron practicar diversos xogos e deportes ao ar libre como as tirolinas, túnel de rede, ponte de troncos ou os circuítos suspendidos entre as arbores. Ao longo de todo o día as nenas e nenos estiveron acompañados por monitoras e monitores, tanto nas actividades deportivas como nos momentos de comida ou nos ratos de ocio na piscina do complexo de Príncipe Felipe.

Por último a deputada de Deportes, Chelo Besada, destacou a gran implicación de todas as mozas e mozos que participaron na totalidade das quendas en todas as actividades e animou a país e nais de toda a provincia a apostar o ano próximo por estes campamentos que vinculados as actividades deportivas garanten un punto de encontro, compañeirismo e amizade para a mocidade.