Noticias

O centro Príncipe Felipe acolle unha nova quenda de cincuenta nenos e nenas nos seus campamentos polideportivos

As deputadas de Deportes e Xuventude, Chelo Besada e Digna Rivas, deron a benvida aos novos participantes


07 agosto 2017
Polideportivos Principe Felipe

As deputadas provinciais de Deportes, Chelo Besada, e de Xuventude, Digna Rivas, deron hoxe a benvida a un grupo de mozas e mozos de toda a provincia de Pontevedra que participan nos campamentos polideportivos do centro Príncipe Felipe.

Estas cincuenta rapazas e rapaces, de entre oito e catorce anos, comezaron hoxe unha semana de actividades deportivas nas instalacións de Príncipe Felipe ata o próximo sábado. A deputada de Deportes, Chelo Besada, animou a todas as mozas e mozos a probar algunhas actividades deportivas alonxadas das tradicionais do fútbol ou baloncesto e a coñecer "algún novo deporte que vos poida gustar".

En total 300 nenas e nenos de toda a provincia de Pontevedra pasarán unha semana en distintas quendas entre xullo e agosto nos campamentos polideportivos que este ano tiveron unha gran demanda, o que segundo Besada "provocou que nos quedasen 75 nenos e nenas en lista de espera por se existía algunha baixa".

As nenas e nenos desenvolven actividades relacionadas coa natureza, o deporte, o aire libre, os xogos, os xogos de sala, a arte, o parque multiaventura, os deportes en equipo, ou as actividades acuáticas. Todas elas co obxectivo de ensinar ás mozas e mozos a desenvolverse nun medio alonxado da súa familia, potenciando a súa maduración, desenvolvendo a sociabilidade e o dinamismo multicultural, inculcando hábitos hixiénicos, alimenticios e de exercicio físico e fomentando tamén o respecto polo medio ambiente e a conservación da natureza.

En réxime de pensión completa, os menores durmirán nas instalacións do centro Príncipe Felipe e estarán atendidos por dez monitores durante todo o día. Entre as actividades que desenvolverán destaca a saída ao EcoParque de Marín, onde aproveitarán para coñecer aspectos de coidado medioambiental ademais de divertirse nas actividades deste centro.

A deputada provincial asegurou aos pais e nais, presentes hoxe neste arranque da quenda dos campamentos polideportivos, que a atención está sempre garantida e que "aproveiten tamén estas pequenas vacacións das súas fillas e fillos" .

Fotos