Noticias

A Deputación de Pontevedra sortea as prazas para o os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe

O programa oferta 300 prazas para que nenas e nenos da provincia nados entre o 2003 e o 2010 realicen saídas ao medio natural, participen nun parque multiaventura, realicen obradoiros variados e practiquen deporte


24 maio 2017
Sorteo das prazas para os campamentos polideportivos

Esta mañá tivo lugar o sorteo das 300 prazas para o programa "Campamentos polideportivos" que se desenvolverá entre xullo e agosto nas instalacións que a Deputación de Pontevedra ten en Príncipe Felipe. A gran novidade da edición deste ano, ademais das 30 prazas reservadas para nenas e nenos de Príncipe Felipe, son os descontos para familias numerosas que ascenden ao 20 %, para aquelas con ata tres fillas e/ou fillos, e ao 30 %, as que teñan máis de tres fillas e/ou fillos.

Esta nova edición dos "Campamentos polideportivos", cun prezo de 125 € por persoa, oferta 300 prazas dirixidas a nenas e nenos nados entre o 2003 e 2010 co obxecto de promover e fomentar o desenvolvemento persoal e social das rapazas e rapaces, así como favorecer a comunicación e o dinamismo multicultural. Para acadalo, os campamentos presentan un proxecto lúdico e educativo que inclúe a programación e o desenvolvemento de actividades relacionadas coa natureza, deportes, aire libre, xogos e calquera outra que contribúa a ese obxectivo. Máis polo miúdo, haberá saídas ao medio natural, un parque multiaventura, tiro con arco, deportes en equipo, actividades acuáticas e obradoiros.

Os "Campamentos polideportivos" de Príncipe Felipe desenvolveranse entre o 10 de xullo e o 26 de agosto en seis quendas de cinco días de duración cada unha (do 10 ao 15 de xullo, do 17 ao 22 de xullo, do 24 ao 29 de xullo, do 7 ao 12 de agosto, do 14 ao 19 de agosto e do 21 ao 26 de agosto).