Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba o proxecto para a mellora do acceso ao núcleo do Mosteiro en Meis

A actuación permitirá arranxar os históricos problemas de inundacións no primeiro tramo da estrada EP-9402 O Mosteiro-Barrantes


22 novembro 2020
Xunta de Goberno 20/11/20

En pouco máis dun mes desde a sinatura do convenio entre o Concello de Meis e a Deputación para a posta en marcha da actuación de mellora da seguridade viaria nos primeiros 250 metros da EP-9402 O Mosteiro-Barrantes, a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar o proxecto para a execución da obra. Deste xeito, a Deputación asume os compromisos adquiridos coa veciñanza de Meis para arranxar un problema histórico de inundacións neste tramo que transcorre polo núcleo urbano do Mosteiro.

O proxecto, que conta cun orzamento xeral de 310.866 euros, dos cales a Deputación achega 217.606,67 € e o Concello de Meis 93.260 €, amplía o espazo público para as persoas xa que esta actuación unirase á xa desenvolvida na praza de España da vila, financiada co Plan de Reequilibrio e co Plan Concellos da institución provincial.

A actuación na EP-9402 contempla unha plataforma de convivencia sobreelevada con zonas axardinadas e mobiliario urbano, mellorando o actual estado do firme e instalando tamén un novo paso de peóns e elementos de sinalización horizontal e vertical. Ademais, canalizaranse as pluviais, cos seus correspondentes sumidoiros, para o correcto drenaxe da estrada e eliminar a problemática existente de continuas inundacións. Tamén se soterrarán as redes de electricidade e de iluminación pública, que agora atópanse en tendidos aéreos, e renovaranse as luminarias en todo o treito con luces LED máis eficientes.

As obras, que teñen un prazo de execución de catro meses, seguen as novas demandas urbanísticas, ambientais e sociais, e os principios de seguridade viaria, accesibilidade e convivencia entre persoas e vehículos establecidos no decálogo de criterios nas vías provinciais impulsado pola Deputación co seu modelo de mobilidade sostible e segura.