Noticias

A Deputación da luz verde ao proxecto de recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na EP-0508 Curro-San Amaro en Barro

Os traballos teñen un orzamento de 303.282 euros e permitirán a creación dunha nova praza a carón da Capela de San Amaro, nunha zona atravesada polo Camiño Portugués


10 abril 2021

A Xunta de Goberno da Deputación ven de aprobar o proxecto para a recuperación do espazo e a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0508 Curro-San Amaro, ao seu paso pola praza de San Amaro (Barro), que conta cun orzamento de licitación de 303.282 euros. Esta ambiciosa actuación permitirá ao concello recuperar esta contorna para as persoas cun novo espazo de convivencia a carón da Capela de San Amaro, nunha zona de gran tradición e valor patrimonial que atravesa o Camiño Portugués a Santiago.

O proxecto, fiel ao modelo de mobilidade sostible, amable e segura da Deputación, consistirá na creación dunha praza, zona de convivencia elevada a 10 centímetros da rasante da estrada actual, que se construirá con pavimentos de pedra e se dotará de mobiliario urbano moderno e de deseño con bancos de pedra, dignificando así tamén a propia capela de San Amaro.

A maiores, executarase unha nova rede de pluviais, procederase ao soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións existentes e executarase unha nova rede de fecais e alumeado público con luminarias led de deseño. A actuación complétase coa instalación dunha nova sinalización horizontal e vertical e o acondicionamento de todo o ámbito coa plantación de árbores. As obras responden ao convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra, que achega un 70% (212.297 euros) e o Concello de Barro, que asume o 30% restante ( 90.894 euros).