Noticias

Luz verde da Deputación á adxudicación do proxecto de seguridade viaria na EP-9402 O Mosteiro-Barrantes unha demanda histórica da veciñanza en Meis

A Xunta de Goberno deixa listo o procedemento para o inicio inminente das obras cun orzamento de preto de 200.00 euros e un prazo de execución de catro meses


09 abril 2021

A Deputación de Pontevedra acaba de dar o último paso para o inminente inicio das obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial O Mosteiro-Barrantes, en Meis, coa adxudicación destes traballos pola Xunta de Goberno por importe de 193.648 euros. Esta ambiciosa actuación, que ten un prazo de execución de catro meses e abranguerá un tramo de 250 metros do viario á altura do acceso ao núcleo do Mosteiro, vai dar solución a unha demanda histórica da veciñanza, que solicitou unha solución ás continuas inundacións neste espazo, derivadas da deficiente execución dunha obra feita fai anos.

Esta actuación de mellora integral suporá unha importante transformación na estrada actual baixo o modelo de mobilidade segura, accesible e amable da institución provincial que prima a recuperación dos espazos públicos para as persoas. A obra contempla para os primeiros 70 metros a habilitación dunha plataforma de uso compartido con preferencia peonil, dando continuidade ao proxecto realizado na praza de España da vila financiado a través do Plan de Reequilibrio da Deputación.

No resto do ámbito, onde hai prevista tamén outra plataforma de convivencia con preferencia para as persoas, vaise renovar así mesmo o firme da estrada e reforzarase a seguridade viaria mediante a adecuación de beirarrúas, a execución dun paso de peóns sobreelevado e reforzos da sinalización, iluminación e integración ambiental. As actuacións previstas tamén inclúen a execución de colectores para a recollida de augas pluviais, así como o soterramento das redes de electricidade e iluminación pública e renovaranse as luminarias en todo o treito para mellorar a eficiencia enerxética con luces led