Noticias

Máis de 50 mulleres de Lalín participan este mércores no programa da Deputación "En ruta coa Depo"

Pertencen á Asociación de Mulleres en Igualdade de Cercio e percorrerán recursos turísticos da comarca da Paradanta


27 agosto 2019
En Ruta coa Depo

A Deputación de Pontevedra organiza este mércores 28 de agosto unha nova excursión do programa "En ruta coa Depo", na que participarán medio cento de persoas de Lalín. En concreto, trátase de 54 veciñas da Asociación de Mulleres en Igualdade de Cercio, que farán a ruta da Cañiza e Covelo. Máis polo miúdo, as participantes visitarán neste itinerario o Santuario de Santa María de Franqueira, no concello da Cañiza, así como o Centro de Interpretación da Cera (Favum) e a Casa-Museo Pazo da Cruza, no concello de Covelo.

O programa "En ruta coa Depo" 2019 oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional.

O programa tamén pretende dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra e dotar as asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao contorno.