Noticias

Pontegal 2016 introduce criterios sociais e de dinamización da lingua galega

As entidades solicitantes están obrigadas a facer a publicidade en lingua galega e a empregar a linguaxe non sexista


17 dec 2015

As bases do Pontegal 2016 quedaron aprobadas esta mañá na Xunta de Goberno e serán publicadas a comezos do vindeiro mes de xaneiro. Pontegal é o programa que substitúe o antigo Plan Cultural e que permite colaborar cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos e artistas inscritos neste programa. Entre as principais novidades que introduce atópanse dous novos criterios para a adxudicación das actuacións, a "dinamización da lingua galega" e a "inclusión das actuacións en programación de carácter social", que puntuarán o 30 % cada un. Puntuando co 20 % mantéñense os criterios de "adecuación da actuación ao interese supramunicipal" e o "número posible de beneficiarios do evento". Ademais, o importe total das actuacións autorizadas para un mesmo evento non poderá superar os 1.200 euros e as solicitudes destas actuacións deben realizarse cunha antelación superior aos 45 días.

Poderán solicitar actuacións do Pontegal os concellos e as asociacións sen ánimo de lucro que, como entidades organizadoras dos actos e eventos nos que se inclúan, están obrigadas a facer a publicidade das actividades en lingua galega, a empregar a linguaxe non sexista e a introducir o logo do Pontegal 2016 e da Deputación de Pontevedra. Segundo as bases aprobadas esta mañá, se as entidades organizadoras non cumpren con estas obrigas quedarían excluídas da axuda. Pola súa banda, as agrupacións seleccionadas tamén se comprometen a velar porque as entidades solicitantes inclúan os requirimentos arriba citados na publicidade do evento ou actuación.

Grupos solicitantes

Poderán solicitar a inclusión no Pontegal as bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, bandas de gaitas, agrupacións de música tradicional, de música clásica ou de teatro, entre outros, co fin de contribuír a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e as demais manifestacións artísticas.

Os grupos e artistas deben realizar a solicitude no modelo normalizado que se facilitará no Rexistro xeral ou na web da Deputación, que debe presentarse xunto co resto de documentación contemplada nas ditas bases nas sedes do organismo provincial en Pontevedra ou Vigo. O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, prevista para comezos de xaneiro, e rematará o 1 de febreiro de 2016.

A selección e inclusión dos grupos solicitantes levaraas a cabo o Servizo de Cultura e Lingua Galega, que poderá asesorarse a través dos informes tanto do persoal técnico coma de profesionais expertos en cada unha das materias que avalían os expedientes para efectos de clasificación, propoñéndolle ao órgano competente a súa aprobación definitiva.

Retribución e clasificación

As bases do Pontegal incluirán un baremo de clasificación para as agrupacións. No caso de bandas de música, masas corais e grupos folclóricos a clasificación faise en función do número de membros e de se teñen escola de música e/ou de baile. Os grupos de teatro deben presentar unha proposta de programación e datos relacionados co caché, a escenografía e o custo da montaxe. No apartado de música clásica incluirase un apartado para grupos de cámara, outro para solistas, dúos, tríos, cuartetos e quintetos, e un terceiro para orquestras. Por último, haberá un apartado para música tradicional e outras disciplinas artísticas nas que se inclúen poetas, humoristas e audiovisuais.

O Pontegal 2016, que estará dotado con 700.000 euros, establece unha táboa cos importes que, por parte da Deputación, se aboarán a cada actuación. Esta táboa recolle o importe correspondente a cada tipo de grupo nun abano que vai desde os 600 euros para as bandas de música de máis de 65 membros e con escola de música ata os 200 euros para os grupos de gaitas. A táboa que se publicará nas bases recolle o importe correspondente á Deputación, posto que o resto do importe do caché do espectáculo, de ser o caso, será aboado pola entidade solicitante.


Novas relacionadas

Pontegal

14 decembro 2017, pontegal, igualdad de género, igualdade de xénero, lengua gallega, lingua galega
Pontegal

15 marzo 2017, galego, música, pontegal, gallego, grupos