Noticias

Carmela Silva presenta a guía de comunicación inclusiva e o primeiro regulamento da Deputación que este venres se aprobará en pleno

Silva valorou o proxecto como "dos de maior importancia de todos os aprobados en 2017 porque medidas deste tipo cambian moito máis a sociedade que calquera outra cousa"


21 setembro 2017
Presentación da regulación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe en rolda de prensa  o primeiro regulamento de comunicación inclusiva da Deputación de Pontevedra, que se aprobará mañá venres polo Pleno provincial e que valorou coma "un dos proxectos máis importantes dos que a institución provincial ten posto en marcha durante o 2017". Este regulamento, que ten por obxectivo a eliminación da linguaxe sexista e discriminatoria da comunicación oficial da Deputación, será de obrigado cumprimento para todos os órganos, servizos e departamentos da institución provincial así como para todas as traballadoras e traballadores desta administración, tanto nas actuacións internas como externas.

Ademais, a normativa afectará tamén aos estudos, proxectos, programas e traballos que a Deputación de Pontevedra lles encargue a terceiras persoas, entidades ou empresas que "deberán realizarse atendendo ás recomendacións sobre o uso inclusivo da linguaxe escrita e iconográfica contidas neste regulamento", un requisito que será "explicitamente recollido nas convocatorias ou solicitudes dos mencionados traballos", apuntou Carmela Silva.

Do mesmo xeito, tamén os contratos de prestación de servizos asinados pola Deputación con entidades privadas conterán unha cláusula na que "se comprometan expresamente a respectar as normas que dispón este regulamento en materia de comunicación inclusiva".

Así mesmo, a presidenta asegurou que a institución tamén colaborará con todos os concellos que queiran seguir esta boa práctica e teñan interese na normativa, así como na guía de comunicación inclusiva que se publica paralelamente para facilitar a implementación da normativa, "Principios de actuación para unha comunicación en clave de igualdade na Deputación de Pontevedra", da que se repartirán 1.500 exemplares dunha primeira tirada.

Carmela Silva lembrou que "a linguaxe xera e transmite convencións sociais herdadas e reflicte unha realidade socialmente construída en lóxica, sexista" e que a través dela "apréndese o que se espera de cadaquén e o papel que debemos xogar no tecido social" e recordou que "o que non se nomea non existe". Lamentou tamén que "a aprobación desta normativa poida ter unha menor relevancia que a rolda de prensa dos presupostos de 2018" pero mostrouse convencida de que "medidas deste tipo cambian moito máis a sociedade que calquera outra cousa" xa que, "estamos falando do 52 % da poboación, das nosas nais, das nosas fillas, das nosas netas, e do seu futuro e o seu futuro por que concibamos sociedades igualitarias onde poidan desenvolver as súas capacidades e talentos en igualdade de dereitos".

Carmela Silva recoñeceu que a elaboración desta normativa, así como da guía de comunicación, supuxeron "un traballo inmenso", que comezou coa chegada deste Goberno á institución e a creación dun novo Servizo de Igualdade, dirixido pola deputada Isaura Abelairas, un departamento inexistente ata ese momento.

Segundo explicou, xa naquel momento unha das primeiras medidas tomadas foi "a integración da perspectiva de xénero" en todas as comunicacións elaboradas pola administración autonómica para deste xeito impulsar a "visibilización das mulleres e rachar cos estereotipos de xénero" e elaboración dunha primeira guía, "unha decisión na que foi fundamental o traballo realizado polos servizos de Igualdade, Lingüístico e Contidos web", aos que Carmela Silva quixo "agradecer especialmente a súa implicación con este proxecto e co feminismo".

No último semestre do 2016 realizouse unha primeira labor de indagación cuantitativa e cualitativa dirixida a detectar os usos sexistas na linguaxe escrita e iconográfica na Deputación de Pontevedra. Durante este proceso as técnicas da empresa AVALIA, encargada do proxecto, en coordinación co Servizo de Igualdade, puxéronse en contacto coas diferentes xefaturas de servizo da Deputación para realizar entrevistas e/ou enquisas co fin de coñecer os usos e costumes do persoal desta administración en materia de comunicación. A través desta investigación constatouse que seguía a existir un tratamento sexista e estereotipado na comunicación escrita e visual da institución e que na súa maioría, "o persoal desta Administración non era capaz de identificar estas situacións discriminatorias", sinalou Carmela Silva.

Así, a partir dos datos colleitados deseñáronse e impartíronse un total de 9 obradoiros formativos sobre linguaxe inclusiva, dirixidos, en xeral, a traballadoras e traballadores da institución, e especificamente ao persoal adscrito aos departamentos con labores relacionadas coa comunicación e a igualdade. Grazas a estes traballos de indagación e de formación puidéronse detectar cales son os tipos máis frecuentes de usos sexistas, o que permitiu elaborar unha guía á que cinguirse e na que indicar, unha a unha, as diversas correccións necesarias para garantir o uso dunha linguaxe non sexista.

A guía da comunicación que se repartirá entre os traballadores e traballadoras da Deputación de Pontevedra está estruturada en catro apartados, un primeiro dedicado a aportar un marco teórico, no que se afonda sobre a importancia da linguaxe e como esta afecta a todos os procesos de relación coa nosa contorna así como se analizan conceptos como xénero, sexismo ou androcentrismo; un segundo que comeza cun breve no marco normativo coas leis vixentes ao respecto tanto a nivel internacional  tras o que se detallan recomendacións tanto para a linguaxe escrita e oral como na linguaxe iconográfica; unha terceira parte composta por un glosario e unha última na que se recolle a bibliografía utilizada para a elaboración da guía, cuxa consulta tamén se recomenda.

Fotos