Noticias

Ponte Caldelas recibe preto de 80.000 euros do Plan Concellos 2017 para distintos investimentos

A institución provincial leva entregado o 46 % do total do plan destinado a Ponte Caldelas, cun investimento de máis de 250.000 euros


26 agosto 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, catro novas achegas ao Concello de Ponte Caldelas dentro do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 39.998,97 euros para realizar un inventario municipal, tamén 33.129,79 euros para remodelar o palco da festa do lugar de Regodobargo, outros 3.499,19 euros para a adquisición de maquinaria e, finalmente, outros 1.266,44 euros que permitirán ao concello investir nun equipamento de son. En total, a achega por parte da Deputación de Pontevedra a Ponte Caldelas sitúase nesta ocasión en 77.894,39 euros.

Ademais, anteriormente a institución provincial xa destinara a Ponte Caldelas outros 40.296,74 euros en liña 1 con destino ao financiamento da adquisición dun vehículo turismo, para a instalación dunha cuberta sobre a pista de pádel e a pista de patinaxe do complexo deportivo de Chan da Barcia, para o subministro de equipamento deportivo e para investimentos en equipos de proceso da información e en mobiliario. Ademais, outros 117.884,50 euros para a contratación de 11 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da localidade, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, Ponte Caldelas xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 46,4 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 252.995,63 euros dun total de máis de 545.000 euros.