Noticias

Ponte Caldelas recibe 70.000 € do Plan Concellos para o subministro de maquinaria

O grao de adxudicación do Plan Concellos 2016 a Ponte Caldelas sitúase nun 93%, representando un investimento na vila de 462.706,97 €


11 set 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha axuda de 70.000 € ao concello de Ponte Caldelas para o subministro de maquinaria, unha axuda pertencente á liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016.

Ademais desta cantidade, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o concello da comarca de Pontevedra. En concreto, 246.288,44 € na liña 1 para unha mellora na pavimentación dos núcleos rurais do concello, a elaboración dun anteproxecto de eficiencia enerxética no alumeado público, concretamente no paseo da Calzada, a mellora dos parques infantís, a mellora da capa de rodaxe do camiño de acceso ás comunidades de monte veciñais en man común de Chaín (na parroquia da Insua) e Barbudo (en Castro Barbudo), a construción de tres muros de contención nos núcleos de Taboadelo, Baltar e Rego do Vargo, o aforro enerxético no lugar de Cuñas e no paseo Manuel Cordo Boullosa, o subministro dunha columna para un punto de luz no paseo da Calzada, unha reforma enerxética na zona da Calzada, un investimento en mobiliario, o subministro dun taboleiro de anuncios e dunha secadora para o pavillón municipal e a mellora de infraestruturas municipais en Vilarchán, Parada, A Insúa e Chaín.

Ademais, 17.669 € destinados ao pagamento de gastos correntes (liña 2), outros 18.613,45 € na liña 3 para sufragar unha actuación das Festas das Dores e, por último, 110.106,08 € destinados á contratación de 14 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 4 destinado ao emprego.

Ata este momento, o Plan Concellos 2016 xa entregou 462.706,97 € do total destinado a Ponte Caldelas, isto é, o 93,2%.