Noticias

Ponte Caldelas suma preto de 70.000 € do Plan Concellos 2017 para novos investimentos

A institución provincial leva entregado o 59 % do total destinado a Ponte Caldelas dentro do plan, cun investimento de máis de 320.000 euros


27 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, catro novas achegas ao Concello de Ponte Caldelas dentro do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 37.994 euros para a rehabilitación dunha pasarela peonil, 20.322,76 euros para realizar obras de acceso aos núcleos rurais do concello, outros 6.534 euros para o subministro de marquesiñas e, finalmente, outros 3.022,58 euros que permitirán ao concello investir nunha cociña para o centro sociocultural de Chaín. En total, a achega por parte da Deputación de Pontevedra a Ponte Caldelas sitúase nesta ocasión en 67.873,34 euros.

Ademais, anteriormente a institución provincial xa destinara a Ponte Caldelas outros 118.171,13 euros en liña 1 con destino ao financiamento da adquisición dun vehículo turismo, para a instalación dunha cuberta sobre a pista de pádel e a pista de patinaxe do complexo deportivo de Chan da Barcia, para o subministro de equipamento deportivo, para investimentos en equipos de proceso da información e en mobiliario, para realizar un inventario municipal, para remodelar o palco da festa do lugar de Regodobargo e para a adquisición de maquinaria e dun equipamento de son. Ademais, outros 117.884,50 euros para a contratación de 11 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da localidade, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, Ponte Caldelas xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 58,8 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 320.868,97 euros dun total de máis de 545.000 euros.