Noticias

Oia recibirá este ano máis de 430.000 € do Plan Concellos da Deputación, un 4 % máis que en 2016, un punto máis que a media da provincia

O Plan da Deputación para 2017 achégalles un 3 % máis de cartos aos concellos da provincia, dos que Oia é, cun incremento de 18.300 €, un dos máis beneficiados


20 xaneiro 2017
Oia

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano 2017 un 4,4 % máis de recursos ao Concello de Oia no marco do Plan Concellos 2017, un incremento por enriba da media provincial (situada no 3 %). Deste xeito, a vila da comarca do Baixo Miño recibirá un total de 433.637,55 € do Plan Concellos 2017, 18.322,20 euros máis que en 2016, no que xa tivo un 19 % de incremento respecto a 2015 (isto é, 66.467,47 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Oia recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Oia un total de 553.954,04 euros (unha media de 184,16 € por habitante), dos cales 415.315,35 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 2.000 € en mobilidade, 24.000 € en cohesión social e xuventude, 32.000 € en cultura e lingua, 19.000€ para o fomento do emprego, 13.000 € para o impulso do deporte e outros 7.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 257.020,38 € para a realización do acondicionamento dun camiño en Refoxos; obras de saneamento e abastecemento en Pedornes e Oia; obras na rede de saneamento da praza da Centinela e a terminación dun camiño dunha calzada en Viladesuso; a escavación e preparación de terreos para un depósito e unha zona de parapente; a realización dun inventario de bens rústicos e urbanos; a mellora das instalacións do parque infantil de Viladesuso e o campo de fútbol das Tornas; na rede de saneamento dos núcleos de Mougás e Viladesuso; e a subministración de mobiliario urbano, material informático, ferramentas e sinais, material de calefacción, postes da luz, material eléctrico, tubos para canalización de pluviais e sinais e puntos de información. Ademais, destináronse 49.265,70 € para sufragar gastos correntes a través da liña 2, 15.570 €, na liña 3, para diversas actividades, coma os ciclos de concertos polas parroquias do concello, os de Nadal e os de Primavera, o Festival Costa dos Castros, a Festa do Rei Sol, actividades infantís de maxia e teatro e a Festa da Bicicleta, entre outras; e,grazas á liña 4, creáronse 15 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 93.445,95 euros.

Á marxe do Plan Concellos 2016, Oia recibiu 32.282,84 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con 35 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como coas axudas á rehabilitación e á sinalización do patrimonio histórico-cultural e a memoria histórica (que permitiron a rehabilitación dun lavadoiro e a sinalización de tres igrexas) e as dirixidas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 23.671,15 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociaiscomunitarios (entre eles o Servizo de Axuda no Fogar, SAF), as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (da que se benefician seis persoas) ou ben mediante os programas"DepoRúarte" (coa realización de dous obradoiros), "Depotermal" e "Depo Aventura A Lanzada", ao que asistiron 15 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Oia recibiu 12.684,98 € para o deporte federado de base, a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, diversas actividades deportivas e as DEPOrte Escolas, de balonmán, fútbol e judo, así como 18.845,76 € para o fomento do emprego a través do Plan de práctica laboral, que permite que dúas persoas poidan desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Oia. Tamén se achegaron 6.652,60 € para Igualdade, no marco do programa "Conectadas 2016" e das axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención da violencia machista (co que Oia elaborou un proxecto de intervención socioeducativa en igualdade de xénero e prevención da violencia machista); e outros 1.855,44 € en materia de mobilidade, en concreto para as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.