Noticias

O Plan concellos 2017 destina máis de 55.000 euros a novos investimentos en Oia

A institución provincial leva entregado o 34 % do total destinado a Oia dentro do Plan, cun investimento situado en arredor de 150.000 €


15 abril 2017
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra aprobou recentemente, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas ao Concello de Oia no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 21.358,65 € para a numeración de vivendas e camiños da vila e, por outra banda, 33.702,21 € que o Concello de Oia destinará ao financiamento de obras relativas á rede de abastecemento municipal de auga na aldea de Burgueira.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara a Oia outros 94.434,08 € para a contratación de 12 persoas que desempeñasen as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma desta nova achega, Oia xa recibiu da Deputación de Pontevedra o 34,5 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 149.494,94 € dun total de preto de 434.000 €.