Noticias

Oia rehabilitará a fonte de Santa Comba cunha axuda da Deputación de máis de 40.000 €

A institución provincial leva entregado o 92% do total destinado a Oia dentro do Plan, cun investimento situado en máis de 400.000 €


07 agosto 2017
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través dunha resolución presidencial, unha nova achega ao concello de Oia no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de investimentos. Deste xeito, Oia recibe 43.833,69 euros para realizar a rehabilitación da fonte de Santa Comba e o acondicionamento da súa contorna.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Oia 196.822,16 € para unha actuación integral no camiño de Refoxos, a recuperación do camiño de Liñares, o saneamento do camiño de Videira e a rehabilitación un lavadoiro en Vilar, a ampliación do parque infantil de Mougás e o acondicionamento do acceso ao cemiterio municipal, a subministración de pezas para realizar un illamento acústico e para a adquisición de material informático. A maiores, 65.045,63 € para gastos correntes e, ademais, outros 94.434,08 euros para a contratación de 12 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma desta nova achega, Oia xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 92,3% do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 400.135,56 € dun total de preto de 434.000 €.