Noticias

Pazos de Borbén recibe 223.000 € do Plan Concellos para ampliar a súa rede de saneamento

O grao de adxudicación do Plan Concellos en Pazos xa acadou o 100%, o que supón un investimento na vila de 379.690,19 €


20 xuñ 2016

A Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar a última achega ao concello de Pazos de Borbén ao abeiro do Plan Concellos 2016. Dentro da liña 1 que o plan dedica a investimentos, o concello recibirá 223.122,24 € destinados á ampliación da rede de saneamento no lugar de Lamasusán, na parroquia de Amoedo.

O Plan Concellos achegou 56.967,38 € na liña 2 para gastos correntes, 14.149,50 € (liña 3) destinados ao Entroido 2016, á XV Festa da Cacheira, un curso de bailes de salón, excursións ao Parque Acuático e a Marcelle Natureza e á semana deportiva do fútbol, e por último 84.267,60 € na liña 4 para a contratación de 20 persoas que están a desenvolver as súas profesións nos servizos municipais.

O 100% do total destinado a Pazos de Borbén dentro do Plan Concellos 2016 sitúa o investimento na vila, ao abeiro desta iniciativa, en 379.690,19 €, un 11,12% máis que en 2015.