Noticias

Os postos de traballo das oficinas do ORAL renovarán a súa infraestrutura de terminais lixeiros

A plataforma actual está tecnolóxicamente obsoleta, orixinando problemas de rendemento que repercuten negativamente na produtividade do persoal


17 sep 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación do procedemento aberto relativo á contratación da subministración e mantemento da infraestrutura de terminais lixeiros nos postos de traballo das oficinas do ORAL, o Servizo de Xestión Tributaria e Catastral da institución provincial, por un importe total de 104.129,15 €, IVE incluído.

A empresa adxudicataria terá un prazo máximo de 45 días hábiles para levar a cabo a subministración e instalación do equipamento hardware e software nos centros indicados. A Deputación, pola súa parte, terá 30 días naturais (dende o día seguinte á recepción dos equipos) para aceptar o equipamento.

A institución provincial dispón nas oficinas do ORAL dunha plataforma de equipos de traballo baseada no sistema Citrix. A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou onte en rolda de prensa que "cando chegamos á institución atopámonos con que a plataforma de equipos do ORAL, que é un dos servizos máis relevantes de todos os que se prestan aos concellos, estaba absolutamente obsoleta tecnolóxicamente", pois moitos dos equipos que a compoñen datan de entre os anos 2000 e 2005. Isto orixina problemas de rendemento relevantes que repercuten de forma negativa na produtividade do persoal que desempeña a súa labor profesional diaria mediante a utilización destes equipos.

O xefe de Servizo de Novas Tecnoloxías expuxo a necesidade da renovación da dita infraestrutura tecnolóxica que permita continuar coa implantación progresiva da arquitectura de escritorio virtual ou escritorios remotos da institución. Ademais, tal como sinalou a Presidenta, "isto permitirá, ademais de modernizar as súas infraestruturas, aumentar a prestación de servizos de calidade á cidadanía".