Noticias

Carmela Silva asina co alcalde de Portas un convenio para a xestión das altas no imposto sobre vehículos a través do ORAL da Deputación

O ORAL xestiona a recadación executiva, o IBI ou a xestión catastral de Portas, entre outros


10 abril 2017
Reunión en Portas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, asinou esta mañá no seu despacho un convenio de colaboración co alcalde de Portas, Víctor Estévez Casal, polo cal o ORAL da institución provincial pasará a prestar o servizo de xestión, liquidación, inspección, recadación e revisión das altas no imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) deste concello.

Este convenio ten unha duración de dez anos e poderá ser prorrogado por períodos iguais e, a maiores, o ORAL xa estaba a xestionar algúns dos impostos e taxas máis importantes de Portas como a recadación executiva, o IBI, o IAE e, ademais, a xestión catastral.

Lembramos que o ORAL é o órgano da Deputación de Pontevedra encargado de realizar a xestión, inspección e recadación de tributos e outros ingresos de dereito público dos concellos que delegan as súas competencias na institución provincial. Á súa vez, encárgase de todos os trámites e xestións relacionadas coa competencia sancionadora que lle sexa delegada, en especial a relativa ás multas de tráfico. O ORAL ofrece aos concellos da provincia a totalidade da tramitación dos seus impostos por delegación.

O ORAL ofrece servizos de información ás persoas contribuíntes (información tributaria, calendario fiscal, procedementos de recadación, información sobre formas de pagamento), tramitación de expedientes (cambios de titularidade, división de recibos, beneficios fiscais…), emisión de documentación (de existencia ou non de débedas, xustificantes de pagamento e relativa aos obxectos tributarios –solicitude de axudas á dependencia, de avogado/a de oficio…–) e outros, como a tramitación de expedientes catastrais ou asesoramento sobre recursos e comparecencias presentados ante a Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra.