Noticias

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visita as instalacións do Servizo ORAL en Caldas de Reis

O ano pasado a oficina de Caldas atendeu máis de 9.000 persoas e recadou case 8,3 millóns de euros


02 marzo 2017
Visita ORAL Caldas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá a oficina de Caldas de Reis do Servizo de Xestión Tributaria e Catastral, ORAL, na que se xestionan os tributos de sete concellos da provincia e que o pasado ano recadou case 8,3 millóns de euros. En concreto, os ingresos foron de 8.282.303,78 € en 2016, case 20.000 € máis que en 2015, cando a recadación foi de 8.262.422,48 €.

Silva lembrou que "esta oficina presta servizo non só a Caldas, senón tamén a Campo Lameiro, Catoira, Moraña, Portas, Pontecesures e Valga, e é unha das oficinas que ten un número de asistencias máis relevante. Un total de 9.016 persoas foron atendidas no 2016, e delas 8.166 foron presenciais, de persoas que veñen a esta oficina a facer trámites".

A recadación de tributos do concello de Caldas en 2016, con 3.271.883,56 €, é a máis importante das que se xestionan nesta oficina periférica do ORAL e supera en case 150.000 € a de 2015, cando recadou 3.172.300,64 €. Este municipio ten cedida a xestión da recadación executiva, o IBI, o IAE, o IVTM, o IIVTM, as multas de tráfico, o ICIO, a xestión catastral, a taxa do 1,5 % e outras taxas.

O seguinte concello en volume de impostos recadados é Catoira, que ten delegados todos os seus impostos municipais, con 1.071.730,07 €. Valga é o terceiro dos concellos con maior volume de recadación en 2016, un total de 990.050,30 €. Os servizos da Deputación xestionan a recadación executiva, o IBI, o IAE, o IVTM, as altas do IVTM, a xestión catastral e outras taxas municipais.

No concello de Pontecesures a oficina do ORAL xestiona a recadación executiva, o IBI, o IAE, o IVTM, o IIVTNU, o ICIO, a xestión catastral e outras taxas deste municipio. En 2016 o ORAL recadou un total de 987.430,63 €. No caso de Moraña o ORAL xestiona a recadación executiva, IBI, IAE, IVTM, ICIO, xestión catastral, taxa do 1,5 % e outras taxas. O ano pasado recadou 830.946,99 €.

En canto a Portas os servizos da Deputación xestionan a recadación executiva, IBI, IAE, IVTM, a xestión catastral e outras taxas, e recadou 685.155,73 euros. Finalmente no concello de Campo Lameiro o servizo da Deputación xestiona a recadación executiva, o IBI, o IAE, o IVTM, o ICIO, a xestión catastral e outras taxas. En 2016 recadou un total de 445.106,50 €.

O papel do ORAL é fundamental no caso dos concellos de menos de 50.000 habitantes, xa que que sen este servizo terían serias dificultades para poder atender a cidadanía no relativo á recadación, xestión, inspección ou tramitación executiva dos tributos.