Noticias

‘Origami, de papel a obra de arte' pecha as exposicións do museo neste ano co obxectivo de "non deixar a ninguén indiferente"

A mostra expón 150 modelos feitos con papel pregado por 50 autoras e autores de 17 países diferentes escollidos entre os fondos da Escola Museo de Origami de Zaragoza (EMOZ)


04 novembro 2021
Exposición Origami

O éxito da exposición ‘Origami, de papel a obra de arte' "está asegurado de antemán" e "converterase nunha interesante opción para pechar o ano e comezar o 2022" no Museo de Pontevedra "sen deixar a ninguén indiferente". Así o manifestou hoxe o director do Museo Xosé Manuel Rei na apertura ao público da colección chegada da Escola Museo de Origami de Zaragoza (EMOZ) facendo unha chamada para visitar a mostra dende hoxe ata o 23 de xaneiro.

A exposición pretende facer un percorrido pola historia do pregado do papel a través da obra orixinal dalgúns das mellores persoas creadoras a nivel mundial. As pezas seleccionadas van máis alá das pequenas paxariñas ou barquiños de papel: "van moito máis aló. Son auténticas esculturas cheas de complexidade e expresividade,  que provocarán o asombro das persoas que as contemplen, se temos en conta ademais que foron realizadas cun só papel, sen ningún tipo de cortes e unións e sen pegamentos", apuntou Rei.

Na sala de exposición poderán contemplarse 150 modelos feitos por 50 autoras e autores de 17 países diferentes que amosan distintas técnicas para crear dende obras moi sinxelas a verdadeiras obras de arte e enxeños de papel de carácter hiperrealista, escultórico ou xeométrico. A mostra estará dividida en varias zonas, unha primeira de ‘Introdución' e outras denominadas ‘Origami elemental' , ‘Origami esencial', ‘Origami orgánico', ‘Origami hiperrealista', ‘Origami escultórico', ‘Origami xeométrico', ‘Origami teselado' e finalmente ‘Non origami' ou metaorigami.

O director da Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), Jorge Pardo, asegurou que a mostra no Museo de Pontevedra é a máis importante das que a entidade zaragozana leva feitas en todo o Estado tanto pola cantidade de pezas amosadas como pola súa calidade. Explicou que por cuestións de mantemento todas as obras que son expostas deben pasar despois un ano retiradas da vista ao público para garantir a súa estabilidade polo que subliñou a excepcionalidade do evento.

Pardo explicou que a EMOZ naceu hai oito anos despois de que no 1944 se crease Grupo Zaragozano de Papiroflexia, o primeiro grupo de persoas que se reúnen arredor do pregado do papel no mundo e que aínda segue activo. Manifestou a súa esperanza de que a mostra de Pontevedra, que xurde da selección de máis de 5.000 pezas que hai en Zaragoza, guste ao público para que este "se enganche" ao origami, incluso creando un grupo propio en Pontevedra, e se potencien as visitas á cidade maña.

Obradoiros completos

Para completar a exposición, o Museo organizou obradoiros de papiroflexia para público de 5 a 90 anos que se esgotaron en apenas un día dende o anuncio da súa realización. Debido ao grande éxito, a organización está a traballar para habilitar novas datas para que poidan ser realizados e gozados por máis persoas.

Os días nos que vai haber obradoiro (e para os que hai unha longa lista de agarda) serán os sábados 6 e 20 de novembro, e o 11 de decembro, mentres que no Nadal haberá sesións os días 28, 29 e 30 de decembro. As novas datas anunciaranse tan pronto sexa posible.

Fotos