Noticias

O Museo duplica o número de obradoiros de papiroflexia ao abeiro da mostra ‘Origami: De papel a obra de arte'

En apenas unha semana dende a apertura xa pasaron pola exposición preto de 1.400 persoas, un éxito de convocatoria. O vindeiro xoves 18 comezan as visitas guiadas, que non precisarán inscrición previa


12 novembro 2021

O Museo de Pontevedra vai  poñer en marcha novos obradoiros de papiroflexia ao abeiro da exposición ‘Origami. De papel a obra de arte' dado o aluvión de solicitudes recibidas para participar e que esgotaron as prazas dispoñibles en menos dun día.

Finalmente vanse duplicar as sesións ofertadas inicialmente, de xeito que serán doce as sesións que se celebrarán, engadindo días (aínda por concretar) e horarios, xa que nalgúns casos haberá sesións polas tardes. Ademáis, ampliouse a capacidade de todos os talleres pasando de 20 a 25 prazas.

As prazas para estas novas seis quendas estanse a cubrir inicialmente coas persoas que quedaron en lista de reserva, na que hai 135 solicitudes. No caso de que resten aínda prazas dispoñibles volveríanse a ofertar publicamente, podendo ser cubertas por un público de todas as idades (a partir de 5 anos).

O éxito da exposición sobre o origami, ademais do elevado número de solicitudes para os obradoiros, estase a percibir tamén no elevado número de visitas que está a recibir a exposición nun momento como o actual, o outono, no que xa non se rexistra afluencia de persoas turistas doutras localidades.

Neste sentido, dende a dirección do Museo explícase que, desde a súa inauguración o pasado xoves día 4 ata onte foron 1.311 as persoas visitantes que se achegaron a ver a mostra no edificio Castelao. O día que máis afluencia de público rexistrou foi o sábado con 558 persoas.

Finalmente, e para complementar a exposición –que estará aberta ata o vindeiro 23 de xaneiro- o vindeiro xoves, día 18, o departamento de Educación do Museo porá en marcha as visitas guiadas gratuítas á mostra. Serán todos os xoves ás seis da tarde e non será necesario inscribirse previamente.

Fotos