Noticias

O Museo acolle unha mostra para reivindicar a gaiteiros e gaiteiras como exemplo do patrimonio do país

A exposición, aberta dende este xoves ata o 28 de novembro no Edificio Sarmiento, inclúe 35 debuxos feitos por César Lombera


28 setembro 2021
Gaiteirados

O Museo de Pontevedra acollerá desde este xoves e ata o 28 de novembro a exposición "Gaiteiraos", unha mostra que pretende reivindicar grandes figuras da gaita como exemplo do patrimonio inmaterial do país.

En total no claustro do Edificio Sarmiento recolleranse 35 debuxos de recoñecidas gaiteiras e gaiteiros de Galicia a través da historia, realizadas polo autor César Lombera: Avelino Cachafeiro, Ricardo Portela, Susana Seivane, Carlos Núñez, Cristina Pato, Os Trinta de Trives, o gaiteiro de Guillarei e os de Soutelo, son algunhas das persoas representadas nos gravados reunidos nesta mostra, que abrirá ao público tralo acto de inauguración que terá lugar este xoves, día 30 de setembro, ás 20 horas.

O capitel de Melide, unha peza do século XIV pertencente á colección deste museo, complementa esta proposta expositiva dado que representa nunha das súas faces unha escena musical que inclúe un laúde e unha gaita.

Na mostra, ademais, poden coñecerse explicacións sobre a orixe da gaita e a súa área de expansión, xeograficamente moi ampla, que destacan que as investigacións sobre o tema coinciden en fixar os inicios nas primitivas frautas, ás que se lles engadía un odre ou fol para aliviar o esforzo pulmonar das e dos intérpretes e conseguir a continuidade do son. Coa chegada da polifonía adaptáronse ao fol uns roncos que producían notas pedais, chegando así o instrumento á actualidade.