Noticias

O programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" chega a Bueu de mans da actriz Casilda Alfaro en colaboración con Sonia Rúa

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que "a educación é o instrumento máis potente para lograr a igualdade"


24 abril 2017
O programa

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, asistiu hoxe na praza de Massó á peza de microteatro dirixida pola actriz galega Casilda Alfaro en colaboración con Sonia Rúa, unha actividade que se enmarca dentro do programa do Servizo de Igualdade da Deputación "Mulleres en Acción. Violencia Zero" e que ten por obxectivo concienciar a poboación sobre o problema da violencia machista así como achegar a arte contemporánea á cidadanía. Entre o público estiveron 225 estudantes pertencentes aos IES Illa de Ons e Johán Carballeira e ao CPR Virxe Milagrosa.

A acción escénica foi dirixida por Casilda Alfaro en colaboración con Sonia Rúa, coa que realizou a dramaturxia  a partir de textos de Sonia Torre e Rosa Gantes, e nela participaron tamén as actrices Julia Abal, Dai Peña e María Fernández, acompañadas polo músico Xosé Rocha ao violonchelo. Cada unha delas, desde diferentes voces e papeis, visibiliza as situacións de violencia ás que as mulleres se enfrontan no seu día a día.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que actividades como esta son o camiño necesario para acadar "unha sociedade onde mulleres e homes teñan as mesmas oportunidades de decidir sobre a súa vida e crear un mundo máis xusto", xa que na actualidade "as mulleres seguen a estar invisibilizadas nos medios de comunicación, empresas ou sindicatos, a pesar de ser o 60 % das persoas que teñen unha titulación universitaria, e isto é unha forma máis de violencia". A presidenta tamén tivo unhas palabras especiais para as mestras e mestres, a quen agradeceu o seu traballo e compromiso, e lembrou que "a educación é o instrumento máis potente e importante para lograr a igualdade".

Pola súa parte, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, felicitou a Deputación por estar "traballando estes asuntos cunha nova sensibilidade" e amosouse "moi satisfeito" por formar parte desta rede de 25 concellos que participaron no programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero".

Violencia Zero reúne este ano o traballo de 25 artistas galegas especializadas en diferentes modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionarán como arma de visibilización e de reflexión para promover unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes. Estas accións foron organizadas en colaboración conxunta cos concellos participantes e co apoio de asociacións que loitan pola igualdade de xénero.