Noticias

Carmela Silva lanza "un berro de optimismo" contra a fin da violencia machista na acción cultural de "Violencia Zero" en Nigrán

A presidenta da Deputación asegurou que "é fundamental que os nosos nenos e nenas sexan educados e educadas en igualdade dende o berce"


22 febrero 2017
Nigrán

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Nigrán, Juan González, e a Deputada provincial Digna Rivas, asistiu esta mañá en Nigrán a unha nova intervención artística do proxecto "Violencia Zero", unha mostra itinerante que percorrerá 25 concellos da provincia ata outubro de 2017 e que quere, a través da cultura, contribuír á loita contra as violencias de xénero que sofren as mulleres. A acción que tivo lugar en Nigrán chámase "Nada máis alá", unha actuación de danza da man de Perdomus, o nome da formación encabezada pola bailarina e coreógrafa Bárbara Monteagudo. Á intervención artística, que representou a un home matando un grupo de mulleres tras seducilas e tamén como esas mulleres revivían e lograban reeducar o home para despoxalo do seu machismo, asistiron rapazas e rapaces do CPI Humberto Juanes e o IES Valmiñor.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que "a través desta mostra o que buscamos é que a Deputación e os concellos promovamos conxuntamente a loita contra unha lacra social tan nefasta como é a violencia machista", que en menos de dous meses xa deixou 15 asasinatos, dous deles en Galicia, malia que o polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade a día de hoxe soamente confirma 11.

"Con este acto queremos lanzar un berro de optimismo, para poder así rematar con esta lacra", asegurou a Presidenta provincial, que lembrou que "as mulleres sufrimos a desigualdade dende o mesmo momento no que nacemos e se nos impoñen códigos de cores distintas a mulleres e a homes" e que continúa durante toda a súa vida "e en todos os ámbitos: desigualdade salarial, infrarrepresentación nas institucións públicas, o baixo acceso aos altos postos directivos das empresas... Ata os casos máis extremos nos que se atenta contra a nosa seguridade e se nos asasina, como a estas 15 mulleres no que levamos de ano, ou ás máis de 100 mulleres asasinadas nos anos 2015 e 2016", declarou. Malia a isto, afirmou Carmela Silva, "se estamos aquí é porque queremos cambiar o mundo, para que todas e todos poidamos ser felices e vivir nas mesmas condicións, sen que o noso sexo nos condicione".

A Presidenta provincial asegurou que "a educación é o primeiro ámbito no que se ten que dar a igualdade", para poder así "ser educadas e educados en igualdade dende o berce". Deste xeito, Carmela Silva subscribiu as palabras que pronunciou durante a concentración celebrada no Pazo provincial por mor do crime da pasada noite de Chapela, en Redondela, no que a Deputación de Pontevedra volveu esixir "sen máis dilacións" a creación dun pacto de Estado que sitúe a violencia machista entre as prioridades da actuación do Goberno estatal.

A segunda edición de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" amplíase este ano a 25 accións en 25 concellos, en homenaxe ao 25 de novembro. As accións desenvólvense a razón de dúas ao mes, de novembro a outubro de 2017, e culminarán cunha acción final en novembro de 2017.