Noticias

Carmela Silva presenta en Caldas de Reis a mostra "Mulleres en acción: violencia zero" impulsada pola Deputación

A exposición ten por obxectivo reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención na problemática da violencia machista


02 jun 2016

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co deputado provincial, Javier Dios, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, presentou a exposición itinerante impulsada pola Deputación  "Mulleres en acción: Violencia Zero" que chegou hoxe ó Auditorio Municipal do concello de Caldas. A mostra recolle os resultados da acción artística contemporánea do proxecto, desenvolvido simultaneamente o pasado 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, por artistas galegas en 10 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis).

Carmela Silva resaltou a importancia de que toda a sociedade traballe xunta para conseguir a igualdade real entre homes e mulleres, facendo fincapé ademais na necesidade de comezar esta loita coa educación e coas xeracións máis  novas.  "Queremos mover á sociedade fronte á dor e erradicar a violencia machista desde a educación", manifestou Silva, quen insistiu ademais que xa é hora de rematar coas dramáticas cifras da violencia machista. A Presidenta lembrou que o ano pasado foron asasinadas 59 mulleres a mans da súa parella ou ex parella, das cales 8 eran galegas. Amais, Silva engadiu que no que levamos de ano 19 mulleres foron asasinadas, unha delas galega, e 10 menores quedaron orfos.

Carmen Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de darlle corpo a "Mulleres en acción: Violencia Zero", co obxectivo de fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica e, ao mesmo tempo, promover a visibilidade das novas artistas galegas, achegándose á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos e incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

Paulova foi a artista que montou a súa creación en Caldas o pasado 25 de novembro. No Paseo Román López escenificou "Merengue", un espectáculo cheo de simboloxía no que quixo pór de manifesto a necesidade de "rozar", de eliminar as malas herbas das nosas vidas, en clara alusión ós roles machistas.

Esta mostra está a percorrer os concellos nos que se desenvolveu o proxecto para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención na actual problemática da violencia machista. A exposición, que xa se mostrou nos concellos de Pontevedra, Tomiño, Lalín e Tui, poderase ver en Caldas a partir de hoxe e ata o 29 de xuño; en xullo chegará a Redondela, en agosto a Vilagarcía de Arousa, en setembro a Cangas, en outubro a Moaña e, finalmente, en novembro no concello de Vigo.